Cando un libro destaca polo interior sobre os adornos ou abelorios que o rodean é digno de mención, ten o tempo gañado por riba das comparsas. Tal é o caso de “O ESPELLO DO MUNDO”, un libro que baixo a configuración rectangular transfórmase nun perfecto e profundo motivo para gustar. O primeiro que resalta é a linguaxe exquisita que se traslada ao longo da novela, é un continuo fluxo de composicións e vocabulario que, amais de ser amplo, nos leva a esa fase de coñecemento do propio autor. Redescubrir palabras escondidas forma parte da vertente que deberían fomentar os libros, esa parte educativa e sensorial adxunta a un fomento do coñecemento da nosa cultura, e, queda clara e sobradamente xustificada nesta novela. As sensacións, que por veces teño perdidas, de transmitir unha facilidade á hora de ler ou incluso de facernos crer que podemos ser capaces de escribir, de ilusionarnos como potenciais protagonistas da escrita, é un chanzo que pouca xente alcanza e Ramón Nicolás logra acercar esas distancias malditas que tantas veces se interpoñen entre autor/a e lector/a. Mais dentro da linguaxe que manexa hai moitas máis verdades, máis tempos paralelos que anuncian a súa mestría.

Ramón Nicolás logra acercar esas distancias malditas que tantas veces se interpoñen entre autor/a e lector/a

Cómpre subliñar as formas e a composición que mantén dun xeito exquisito e traslada dun xeito singular e oportuno esa dicotomía entre forma e tempo, cambia de continuo e adáptase á voz que expresa nese momento o verbo, un recurso que nos pode estourar en calquera momento, pero que nesta novela xorde de forma case natural, sen estridencias nin sobresaltos nin puntos de inflexión. Converter o difícil a unha dimensión plácida e palpable, dixerible, fai que as distintas partes nas que se produce ese transfuguismo non salten no noso cerebro cun sinal de aviso que nos faga borrar o sabor doce da memoria. Este recurso, insisto, está presente e fai que o/a lector/a se sinta cómodo/a e, polo tanto, satisfeito, inicia, polo tanto, o camiño esperado para que o pracer non se converta nunha obriga.    

Outra das fases da novela que destaca é a incursión sensacional que se fai no mundo, esotérico case, da ecoloxía ou da cultura natural que os nosos antergos manexaban como recurso habitual para defenderse dos desequilibrios que nos vai poñendo o ciclo da vida. A magnitude de algunhas definicións ou aspectos relevantes de determinadas plantas, rochas, etc, dan unha idea da profundidade do estudo que tivo que facer o autor para introducirse nesa faceta. Baixo un criterio puramente literario forma parte dun descanso na trama, co cal lle aporta frescura, pero a idea que nos traslada Ramón Nicolás con estes fragmentos visibles ao longo da escrita cumpren tamén cunha función educadora, social incluso, e móstranos un xeito distinto de ver a natureza, outros ollos sobre os que pousar a terra, a verdadeira alma da existencia.

A fragmentación da novela en capítulos curtos, precisos e áxiles danlle un aire fresco e profundo ao conxunto

A fragmentación da novela en capítulos curtos, precisos e áxiles danlle un aire fresco e profundo ao conxunto. É esta estrutura viva o que lle permite unha dimensión próxima á tanxibilidade e, polo tanto, a fan asumible, liviá, claramente móbil, ausente de meandros nos que a auga se deteña e disolva a nosa atención. Creo firmemente que estas dimensións son unha clave máis do éxito deste libro que xunto ao reparto case equitativo dos protagonistas da novela dan pé a unha atención máxima. Asumir a disipación ou distribuír a atención do/a lector/a en varios focos produce inevitablemente un halo ecuánime sobre estes e fainos estar presentes en todos os actos que se desenvolven de forma consecutiva. A vida que nos mostra baixo estes hábitos é a realidade e, quizais este detalle, fainos sentir cómodos, fainos rememorar esa virtude tan distante que é a empatía. 

Polo que se refire á trama en si, a risco de quedarme curto, resulta agradable, entretida e cun ánimo que acaba enganchando, o mellor que lle pode pasar a un libro. Por veces soborda unha delicada sutileza que abre a porta á interpretación do/a receptor/a, paso de difícil execución que se resolve axilmente. Un mundo descoñecido, a constante interpelación entre o binomio espazo-tempo, o acercamento a unha realidade como é a loita pola igualdade de xénero nuns tempos que non temos presentes ou esa metafísica que acostuma a presentarse nas cavilacións comúns de só apreciar aqueles fundamentos que consideramos lesivos sen decatármonos da contaminación que produce solapar as nosas intrigas, ansias ou obxectivos fronte ao que nos rodea, están inseridos nesta novela, moitas veces, como xa dixen, dun xeito tan sutil como intelixente.

Polo que se refire á trama en si, a risco de quedarme curto, resulta agradable, entretida e cun ánimo que acaba enganchando, o mellor que lle pode pasar a un libro

En definitiva, “O ESPELLO DO MUNDO”, móstranos esa imaxe reflectida dun cosmos particular, dun tempo preciso, dun coñecemento que nunca se debeu perder, dunha ficción da que podemos extraer moitas partículas por pouco que nos molestemos. O pensamento é o froito da ambición por querer saber, a liberdade ao fin. Un libro magnífico dun escritor que estivo agochado moito tempo fabricando un ben común. Grazas Ramón Nicolás por esta peza de sabedoría e pracer.