A sedución é un xogo de impulsos nados na desconfianza. Desconfiamos da persoa amada e precisamos seducila porque nela cobizamos a necesidade de unión, o principio que xungue a compaña afectiva e nos empurra a escapar do abandono. Desconfiamos, en certo modo, para tentar confiar. Seducir é tirar de nós para achegarnos a alguén, non ficar sós, un encontro fortuito nas solainas da adolescencia, por exemplo. Seducir é achegarse a un ritual de paixóns calculadas.


Para convencer os opoñentes tamén hai que seducir. 


A palabra sedución contén nela o rito iniciático, en nós abarca todo o que cabe no impulso hipotalámico do bico primeiro. A achega, a dadivosidade plena que invita a aperta, outra palabra esquecida: para seducir hai que saber dar apertas. Apertas sen apretar, xa me entenden.

 

Se seducir a unha persoa é difícil per se, imaxinen a un país, a un territorio, a un conxunto de persoas. Persoas anoxadas e doídas. A cousa é complicada. Imaxinen seducir Catalunya. Seducir Catalunya nun contexto de violencia sistemática do estado cara o mesmo territorio que dende o púlpito oficial din tamén representar. 

 

Se seducir a unha persoa é difícil per se, imaxinen a un país, a un territorio, a un conxunto de persoas


No Salvados de La Sexta do pasado domingo Felipe González discutiu con Jordi Évole sobre o procés catalán, concretamente: seducir Catalunya. Empregou este verbo reiteradamente, mais nunca o “convencer”. Seducir implica comprender, entender, tender a man e saber dirimir. Non todo vai no sentimento, debe haber políticas concretas, xestos de escoita, razóns de diálogo. Na cousa política, confúndese a cotío seducir con persuadir. Persuadir non indica se o obxecto co que se persuade é un vagalume ou un neón de quita e pon. 

 

Persuadir, levado á sedución, pode ser enganar.


No clima de censura crecente a todos os niveis do estado, pérdense os valores do convencemento, do debate nos terreos deseñados para a confrontación pacífica, os parlamentos, non as prisións nin o Tribunal Supremo. Sedúcese con medo e dor. Témese e faise un temer con violencia ou ameazar de violencia ou prometer violencia. O autoritarismo despótico entende de pau e barrote, a democracia seduce e convence polo peso da palabra e o amor á diferenza.

 

Os animais tamén seducen, os ritos de apareamento son unha festa da política. Uns, coma as femia mantis, seducen e logo devoran a cabeza do macho co que realizan a cópula, mátano ao instante. Outros seres vivos toman cores da natureza para que do sexo surxa o erotismo reprodutivo do pincel biolóxico. Nós tamén atraemos, con xestos, con palabras, con frases, con accións de apego e non de rexeitamento. Atraemos dotando a democracia de espazo e non cancelas. Unha desas cancelas é aquela que sinala coma terrorismo todo acto de protesta e acción social. O vocabulario de conciliación, tan falto na relación de España con Catalunya, é unha boa maneira de seducir. 

 

O autoritarismo despótico entende de pau e barrote, a democracia seduce e convence polo peso da palabra e o amor á diferenza


Coma detalle, os seres humanos, sexa cal sexa a nosa tribo, temos o baile coma elemento de amizade, de primeiro pase para coñecer ao outro. O baile é sinónimo de achegamento, calor, tenrura e tamén é un dos compases do cariño. Ven algún baile onde prime a violencia? Non, todo o contrario.


Seducir, tamén na política, é ter un amplo abano de cores e miras, fornecer a tolerancia coa variedade cromática da ideoloxía. Aceptar a diferenza é un signo de sedución, tamén de amor. 

 

O amor, o amor á cadansúa patria ou matria, o pensamento do amor, o motivo da aperta, da sedución, do bico, do irracional do impulso sentimental, iso tan abstracto e ao mesmo tempo tan noso, non pode ser obxecto de sedición.



x