No mes de setembro o presidente da Xunta de Galiza iniciaba a súa campaña electoral nos Peares, a vila onde naceu. Nun acto entre populismo e paletismo progre, presentábase ás eleccións non como o candidato do Partido Popular, nin como Alberto Núñez Feijóo, senón como o neto da señora Eladia. Quince días despois, o mesmo día das eleccións galegas, usando a paternidade como unha estratexia electoral, convertíndoa nalgo extraordinario cando debería ser algo natural, coñecíamos a noticia de que ía ser pai.

Ben, pois o mércores a señora Eladia tivo un bisneto, descoñezo se é o primeiro ou non, mais seguro que é do que temos máis coñecemento. Iso si, naceu nunha clínica privada na cidade da Coruña logo de que o seu pai presumira non hai tanto de que o mellor lugar para nacer en Galiza sería nun hospital público, xa que tiñamos os mellores paritorios. Claro, neste senso quedamos coa dúbida de se foi unha decisión persoal de última hora ou unha derivación da pública a que tan acostumadas nos ten o seu goberno.

O certo é que xa anunciou que non solicitará o recén estreado permiso de paternidade das 16 semanas. Un permiso, lembremos, aprobado coa abstención do PP no Congreso, porén a todas as deputadas e deputados do partido enchíaselles a boca falando de igualdade, de dereitos e de conciliación. Pois ben, sería un paso cara esa conciliación que tanto predica o Partido Popular que o propio presidente da Xunta de Galiza se acollese ao permiso paternal e se deixase de hipocresías. 

Son consciente de que o permiso de paternidade igual e intransferíbel é un parche para non falar dun mercado de traballo cada vez máis esixente nun panorama de desemprego, precariedade e restricións de dereitos da clase traballadora. E que o fondo da cuestión está en que mulleres e homes adicamos dous terzos da nosa vida a xerar riqueza para outros, con xornadas laborais de oito, nove e dez horas diairas (sen cobralas todas, claro), xa non é que se poida conciliar a vida laboral coa vida persoal, é que non hai vida. Seino e concordo.

Mais dende logo, o permiso paternal non deixa de ser un dereito que se é usado de forma responsábel e coherente pode contribuír a cambiar a cultura dos roles sociais. Un pequeno paso a que haxa un maior equilibrio dos usos do tempo entre mulleres e homes, permitindo que poidamos participar máis noutros espazos. Alén de que as empresas non nos rexeiten sistemáticamente ás mozas por ter que asumir posíbeis permisos de maternidade. Polo tanto, o feito de que Feijóo rexeite o permiso de paternidade non é máis que unha mostra de que a corresponsabilidade non vai con el.

Como novidade neste 2017 a parte do permiso de paternidade, o pequeno Alberto pode desfrutar da Cesta Benvida. Aquela coa que seu pai iniciara a campaña electoral, e que sen reparo ningún comparou coa caixa finlandesa, unha caixa que garante sustento e abrigo básico para os primeiros meses e que ademáis vai acompañada de axudas sociais e económicas ata a maioría de idade. É unha mágoa que o bisneto da señora Eladia só vaia poder gozar dun lote de produtos de propaganda (uns cueiros, unha colonia, unha manta, un libro, unha camisola e o “cheque bebé” dos 100€).

Estou segura de que o fillo de Feijóo verá compensada a pseudo-caixa finlandesa, mais non o resto de crianzas que nazan na súa lexislatura. Crianzas sen prazas nas garderías e nas escolas públicas, crianzas sen o acceso a unha educación de calidade con independencia dos recursos da familia. Non será o caso da familia Núñez Cárdenas, mais hai moitas familias no noso país que non poden asumir o gasto de levar as súas fillas e fillos a unha gardería ou colexio privado, ou simplemente non lles dá a gana de negarlle un dereito tan básico como é unha educación pública e en galego no noso país.

Dende logo o modelo de paternidade/maternidade que debe ter o noso presidente da Xunta afástase moito do que precisa unha sociedade xusta e de iguais. Un modelo no que se evitase a carga das mulleres na labor reproductiva, promovendo a corresponsabilidade e apoiando de forma explícita ás familias monoparentais e non heteronormativas. Un modelo que pule por medidas de emprego e vivenda para frear a emigración da mocidade, que garanta o dereito a un traballo e a unha vida digna, e non esmolas para aumentar a natalidade.