O 2017, que xa é historia e recordos, deixou en xeral, e máis nas mulleres, un sabor acedado nos beizos. Por mor dunha serie de acontecementos lutuosos e, especialmente, polo xeito en que as institucións, os medios, a sociedade en xeral, deu en resolvelos ou máis ben en asimilalos. Un fenómeno global, o que, por outra banda, é o máis desmoralizador. 

 

Cara ao terreo lamacento da moral, precisamente, é xusto onde están a xirar algúns conceptos que, baleirados de reivindicación e dereitos, volven cal boomerangs tolos a nos estoupar na cara ás mulleres. Semella que detrás de cada un dos pasos visíbeis e transcendentes que damos hai todo un equipo de trolls ao servizo do patriarcado, que desmonta, ou polo menos o intenta, as nosas pequenas ou grandes conquistas. As argumentacións pasan por equiparar o feminismo co nazismo, coma ben sabemos, mais tamén intentan meternos na gaiola da inquisición do lado de fóra. Xa somos monxas inquisidoras, gardiás da moral e execrábeis torturadoras. Puritanas que non soportan o pracer alleo e por iso a emprenden contra os pobres clientes da prostitución, os pacíficos empresarios do sexo, as mulleres que gozan co acoso e o espallan coa boca chea de palabras, como as gabachas do manifesto recente.

 

Semella que detrás de cada un dos pasos visíbeis e transcendentes que damos hai todo un equipo de trolls ao servizo do patriarcado

 

No pasado ano, tormentoso onde os houbera, demos algúns pasos. A multitudinaria Marcha das norteamericanas contra Trump, defendermos Juana Rivas do misóxino sistema xudicial español, dar resposta constante aos feminicidios, loitar pola equiparación de dereitos laborais (en Islandia, cando non, esa loita rematou en leis que prohiben dita anomalía), o dereito ao aborto en países onde é máis cativo ou inexistente, remover as podres estruturas da Meca do cinema e os seus ilustres acosadores, responder os comentarios prehistóricos derivados do xuízo á manada, apoiarmos #Me too e Eu créote, resistir, cuestionar, visibilizarnos… Ao rematar o ano tivemos noticias, malas, era de esperar, do secuestro de Diana Quer, comemos con patacas a historia da ineficacia policial, xa que se non fose pola rapaza que fuxiu do Chicle nin se tería atopado o corpo de Diana e ademais estariamos lamentando a desaparición dunha outra muller.

 

Se non fose pola rapaza que fuxiu do Chicle nin se tería atopado o corpo de Diana e ademais estariamos lamentando a desaparición dunha outra muller

 

Non sei vós, a min todo isto me estoupa no cerebro. Na mesma semana un tipo guíndase dunha terraza e morre esmagado contra o chan por querer entrar na casa da súa ex parella, con orde de afastamento, que non lle abriu a porta: ou sexa que salvou a vida grazas a non abrir esa porta e non á policía que habería estar nas verzas; aos poucos días, soubemos que un tal Chicle, cun CI dificilmente superior a corenta, camelo de cuarta categoría, confidente da pasma, os enganou, e a todas e todos nós, tendo a Diana morta no fondo dun pozo durante case un ano e medio no que a xustiza dera carpetazo ao caso. Non sei vós, eu a maiores de cavilar e chegar á conclusión de que non nos coida ninguén, sinto que me menten polos catro costados. Non é de estrañar, tendo en conta que os medios de manipulación se dedicaron a inventar disparates da vítima e da súa familia, a culpabilizalos do asasinato da moza. E tampouco non é de estrañar que as forzas policiais (polo menos a min) non nos dean seguridade ningunha. Agora resulta que o principal sospeitoso era o Chicle este do demo, que ao parecer violara á irmá xemelga da súa muller, e se non fose pola rapaza de Boiro que se lle escapuliu e os mozos que axudaron, estariamos coma se di no Río da Prata: Como cuando vinimos de España, ou sexa: a velas vir. 

 

Non sei vós, eu a maiores de cavilar e chegar á conclusión de que non nos coida ninguén, sinto que me menten polos catro costados

 

A todo isto, a lei vixente e o famoso Pacto de Estado (baleirado de fondos antes da estrea polo goberno do PP) non concede o status de feminicidio ao de Diana Quer nin a outras ducias de crimes contra mulleres por obra e desgraza da súa propia condición. E xa postas, estaría ben lembrarmos que nos faltan moitas mulleres dende hai tempo, coma a pontevedresa Sonia Iglesias, e que, malia sermos bruxas, non nos evaporamos no aire. Tranquilas, non vos preocupes, está todo previsto, xa se ocupará das desaparicións e de nosoutras o ministro Zoido, entre atasco e atasco.

 



x