Así responde Bernardino Graña nunha entrevista en Sermos G. sobre as escasas mulleres que hai na Academia: Todos desexamos que haxa máis mulleres na Academia, mais ten que ser unha incorporación real. Non as podemos inventar. É patético, si, pero unha ofensa ao colectivo de mulleres galegas.

Así responde Bernardino Graña nunha entrevista en Sermos G. sobre as escasas mulleres que hai na Academia: Todos desexamos que haxa máis mulleres na Academia, mais ten que ser unha incorporación real. Non as podemos inventar. É patético, si, pero unha ofensa ao colectivo de mulleres galegas.

Dóeme escribir estas reflexións, sendo o autor da aldraxe un amigo da mocidade, con quen teño rido, folgado e celebrado a vida en moitas ocasións. A quen teño dedicado un poema e asistido a diversos actos e  fastos. Pasando por alto outras consideracións, nunca pensei que tería que saír ao paso dos seus comentarios, non por min, senón por pertencer a un colectivo aldraxado sistematicamente, e nunca mellor empregada a palabra.

Cando a historia pretende liberar á humanidade, fan a revolución e deciden que a Razón une e iguala; no momento en que se funda a cidadanía, xa inventan os argumentos para que as mulleres permanezan fóra desa consideración. Rousseau e os ilustrados non están dispostos a compartir o poder coas mulleres e prefiren deixalas no seu lugar privado e natural. Silvain Marechal redacta un proxecto de Lei, dirixido aos pais de familia e xefes da casa, que prohiba ás féminas actividades como: ler, escribir, imprimir, gravar, recitar, solfexar, pintar...Impedir toda actividade pública en nome da Razón porque esta quere que cada sexo permaneza no seu lugar. Di Marechal: que contaxiosa é a lectura: en canto unha muller abre un libro, xa se cren capaces de escribir outro. Sabe que é perigoso que as mulleres pasen da natureza á cultura, observa Geneviève Fraisse. Prefiren os sabios sentados afirmando que o intelecto da muller está ligado ao Sexo, non á Razón, e daquela producirá pensamentos corruptos e obscenos. As escritoras adoitan condutas indecentes. Proudhon chama “fulanas” a escritoras como Mme. Roland, Mme. de Stäel, Mme. Necker ou George Sand.

Tal vez interpretamos mal e se trata dunha actitude moral a que leva os académicos a coutar a entrada de intelectuais femininas, para manter as cadeiras da Real institución limpas de “natureza” vil e corrupta. A cultura é cousa de machos. Diderot dixit: Mentres nós lemos libros, elas len o gran libro do mundo. E, madía levan, mulleres hai que valoran ese naturalismo inculcado en vea.

Bernardino, sabe que coas mulleres todo vale, que as súas ofensas non van desmerecer a súas homenaxes, que as autoridades políticas e culturais van honralo e  engrandecelo o mesmo. Pero tamén deben saber que as intelectuais e escritoras son maioría neste momento, que a barreira rachará e entrarán na RAG como unha exhalación de osíxeno, como aire novo que actualizará unha institución rancia.

Malgré tout, saúde Bernardino.

 

 



x