Iso que só nalgúns países se nomea como violencia de xénero, unha terminoloxía débil, apenas ten referencias no mundo. Onde máis aparece reflectido é en Europa, dezasete estados, en América só cinco estados, Porto Rico, EEUU, Colombia, Costa Rica e o Salvador, en Asia, unicamente en Xapón. Parece imposible crer que se borren os millóns de mulleres masacradas en todo o mundo. Pois así é. 

 

Violencia de xénero é un termo tan opaco que dilúe o sufrimento e a morte que representa. Para darlle máis contundencia, apélase á denominación de violencia machista. A palabra machista, ademais de estar vulgarizada e, daquela, perder forza, defínese como “actitude e comportamento de  sobrevaloración do papel de home e como consecuencia a infravaloración ou menosprezo do papel da muller na sociedade”. Aínda que o poder masculino e o desprezo das mulleres estean na base da gran matanza, a denominación: violencia machista, non a reflicte. 

 

Menos serve a cualificación que lle dan, fundamentalmente responsables políticos, de lacra, ou sexa, unha calamidade, unha desgraza que afecta a un pobo. Trataríase dunha desventura fortuíta, algo inesperado, ocasional, sen causas nin actores. Como se as mulleres asasinadas por homes fosen vítimas dunha praga de insectos. Ninguén é responsable desa lacra e, daquela, non se pode impedir. Aquí está a clave.

 

Aínda que o poder masculino e o desprezo das mulleres estean na base da gran matanza, a denominación: violencia machista, non a reflicte

 

O terrorismo machista é outro termo que comezamos a empregar algunhas mulleres de FIGA [Feministas Independentes Galegas] que corresponde cunha violencia con fins políticos. Está ben pero non ten o alcance necesario da matanza.

 

Creo que Holocausto é a palabra que lle corresponde a unha violencia e exterminio sistemático e masivo dun grupo humano, neste caso de mulleres. Holocausto do que temos noticia, desde épocas primitivas, tan afastadas como a historia nos permite rastrexar, e chega aos nosos días. Non finalizou nin leva trazas de facelo. Permanece na nosa sociedade técnica e culturalmente avanzada. Susodita democrática?? 

 

A muller asasinada só merece un minuto de silencio

 

O holocausto das mulleres é tan actual como universal. Cada oito minutos falece por violencia machista unha muller. Oito minutos! É unha violencia que, entre 15 e 44 anos, causa máis mortes que o cancro, a malaria, os accidentes de tráfico e a guerra conxuntamente.

 

O holocausto das mulleres é tan actual como universal. Cada oito minutos falece por violencia machista unha muller. Oito minutos!

 

O holocausto de xudeus, recoñecido e de gran difusión, é ínfimo, entre 4 e 6 millóns de persoas, comparado co exterminio sistemático de mulleres. Este é universal, non é posible atribuírllo a un determinado sistema político, nin totalitarismo. O holocausto das mulleres reprodúcese en todos os sistemas. A ideoloxía: a misoxinia, é universal. 

 

Non é imputable ás clases sociais, abarca a todas. Ningún partido político ten en conta esta matanza, nin inclúe modos de eliminación no seu programa. Non é imputable a un ditador, nin a outras mentalidades fanáticas e crueis. Tampouco se produce nos campos de concentración, onde permanecen na historia os restos da aniquilación para dalos a coñecer a xeracións futuras e denuncialos como abominacións históricas. Non.

 

O holocausto universal das mulleres prodúcese maioritariamente nos fogares, campos de concentración privados nos que habitan separadamente as vítimas. Holocausto solitario e silencioso, anónimo, intranscendente, oculto.

 

O holocausto universal das mulleres prodúcese maioritariamente nos fogares, campos de concentración privados nos que habitan separadamente as vítimas

 

Certamente, os crimes doutra índole, cometidos durante xeracións humanas son espantosos, pero sen dúbida, a crueldade foi cedendo, a violencia diminuíndo, e as guerras repugnan cada vez máis á poboación. Isto é un feito real, mesmo se a inxustiza social é aínda insoportable e a democracia, sometida a crises permanentes. Escoitamos falar, no noso contorno, de cidades con escasa delincuencia e inseguridade social. Esta afirmación é indignante! É unha impostura. Nos fogares de todas as cidades prodúcense torturas e crimes. Subxacente a esa aparente seguridade pública, nos fogares habitan mulleres sometidas a todo tipo de vexacións, traballo escravo, violencia e en moitas ocasións son asasinadas. 

 

A delincuencia refírese a roubos ou atracos na rúa, nos establecementos públicos. A seguridade indica que as mulleres non serán agredidas nos autobuses ou nos grandes espazos comerciais. Na rúa tampouco, de non ser por un ex compañeiro co que a muller xa non comparta o fogar. Unha vítima por querer fuxir do campo de concentración familiar.

 

O círculo do fogar abriuse porque a sociedade é máis aberta, tolerante, transixente, libre. Non é necesario casar para ter unha relación, unha parella. Que avance social! De non ser que os homes, cada vez máis novos, seguen convencidos de que teñen o poder, o control, sobre a SÚA moza, sobre as súas relacións, sobre o seu móbil, sobre a súa vida. E a mociña, cada vez máis nova, está no mercado sexual sen ningún tipo de protección. Pola contra ten interiorizado o valor, o prestixio masculino. Ter un home é importante.   

 

Esta atrocidade que percorre transversalmente espazos de diferente nivel económico e cultural, ten unha crueldade engadida: a ocultación. Todos os gobernos saben; a oposición tamén sabe. Ninguén se preocupa. Nada se altera. Son simplemente mulleres de, noivas de, parellas de, sen categoría humana. Sen nome e sen valor.  O crime polo que perden a vida, apenas é reflectido nos medios de comunicación. É un suceso privado. No eido público non pasa nada.

 

Esta atrocidade que percorre transversalmente espazos de diferente nivel económico e cultural, ten unha crueldade engadida: a ocultación. Todos os gobernos saben; a oposición tamén sabe.

 

Na ocultación participan as propias mulleres. A normalidade do sometemento, do seu rol na sociedade, da obediencia paterna ou marital, na que foron educadas, conduce a non cuestionalo, ou en todo caso a facelo como queixa, non como suxeita dunha iniquidade, como persoa consciente de dereitos e dignidade humana. A proba é que apenas se denuncia aínda que as feministas conseguiran unha lei de Violencia xa hai anos. Hai outra lei, A Lei de Igualdade, que de levarse a efecto, a situación das mulleres na nosa sociedade sería moi diferente. Son útiles dos que as mulleres non sacan proveito. Normas que descoñecen e que ninguén quere que coñezan. Se nos centros de ensino se difundiran, se fosen de lectura obrigatoria para facer oposicións, se nas Igrexas ?? se predicasen como mandamentos, se estivesen expostas en carteis nas paredes das dependencias policiais, nos concellos ou na Xunta, as cidadás saberían que teñen dereito á igualdade e recoñecerían a opresión de contado.  

 

A Igualdade é básica para conseguir calquera dereito. Clara Campoamor sabíao perfectamente cando empregou a táctica de recoñecemento no Parlamento republicano da igualdade entre mulleres e homes. Unha vez admitido iso, por sentido común, non deberían negarse á concesión do voto.

 

Segue sendo así. As mulleres temos dereitos e obrigacións fiscais en igualdade cos homes. É así porque a política e a sociedade está estruturada arredor do espazo público, onde circula a cidadanía e se dirimen os presupostos, o que debe ser ou non, o que é xusto ou non, o que cómpre modificar ou non. 

 

O que ningún goberno do mundo quere modificar é o privado, a selva. É un espazo distinto, onde habita o animal e desenvolve os seus peores instintos. Aos cidadáns, por seren homes, concédeselles un refuxio, pechado e  privado, onde teñen o privilexio de dispor dunha muller. Nese lugar, onde non hai control social, poden aproveitarse do traballo, do sexo, da descendencia, etcétera, dunha persoa que, ademais de múltiples labores e funcións, na situación idónea, ten a función de amar, e no caso de non facelo, de simulalo. 

 

Aos cidadáns, por seren homes, concédeselles un refuxio, pechado e  privado, onde teñen o privilexio de dispor dunha muller

 

As mulleres viven nese circense e mortal equilibro entre a esfera pública e a privada. Na pública, algunhas traballan, na privada todas laboran; na pública pagan impostos, na privada realizan traballo escravo, non pagado, e producen o 58% do PIB do Estado. Manter as mulleres neses dous espazos é un privilexio de tal amplitude e un beneficio económico tan enorme que ninguén quere alterar a situación.

 

Nesa selva privada pode pasar de todo. Non está regulada pola ética ou a xustiza. As mulleres defenden irracional e apaixonadamente os membros da familia. O normal é que non os denuncien mesmo sendo coñecedoras de delitos graves. É tal a conciencia de pertenza familiar que carecen de obxectividade para xulgar.

 

Na pública, algunhas traballan, na privada todas laboran; na pública pagan impostos, na privada realizan traballo escravo, non pagado, e producen o 58% do PIB do Estado

 

Ao ler isto alegarán que hai mulleres insoportables, con mal carácter e peores instintos. Por suposto, as maldades femininas poden ser variadas, si, pero o poder é (agás casos excepcionais) masculino, os privilexios tamén. Non se trata de bos e malos, unha terminoloxía que xa quedou limitada á infancia. Trátase de Poder. Por iso case o 100% das vítimas privadas son mulleres e nenas. Tamén nenos, en menor cantidade. E non remite aínda que na sociedade falen de igualdade e de democracia. As mulleres aínda non son humanas e a maioría dos crimes son impunes. 

 

As principais produtoras no mundo son mulleres, pero só posúen o 1% da riqueza mundial. Poder patriarcal, explotación masiva, redución das mulleres á animalidade.

 

As maldades femininas poden ser variadas, si, pero o poder é (agás casos excepcionais) masculino, os privilexios tamén. Non se trata de bos e malos, unha terminoloxía que xa quedou limitada á infancia. Trátase de Poder

 

As criaturas tamén corren perigo nesa selva, onde son abusadas sexualmente ou vendidas para o mesmo fin.  Aínda quedan moitos países onde se explota o traballo infantil. En moitos máis, a violación acostuma ser familiar e o incesto nin se nomea, por máis que sexa frecuente. O que non ten nome, non existe.

 

Neste momento moitas persoas reclaman que cese o sufrimento dos animais. O holocausto das mulleres non merece tanta atención.

 

Poden as persoas que lean isto pasalo por alto, seguir coas súas teimas políticas, sociais e persoais, considerarse persoas con conciencia social, con interese humanitario, con solidariedade; poden pertencer a asociacións sen ánimo de lucro que pretenden favorecer a calquera colectivo que necesite protección; poden cumpriren co traballo, dirixir unha empresa, participar nun concello, formar parte do goberno; poden ser artistas, escritores, fontaneiros ou profesionais de calquera tipo que colaboran na sociedade. Poder, poden incluso durmir a perna solta porque este tema non é para tanto. É unha teima, unha interpretación insensata dunha feminista. Pero non o é. Os datos son verdadeiros. O holocausto é unha realidade. 

 

As persoas de boa fe, mulleres e homes, e as que teñen máis responsabilidade política e máis poder social en primeiro lugar, deben abandonar a impostura e seguir vivindo como se nada sucedese, coma se non houbese, aquí, alá, un sufrimento universal producido por un sistema que se perpetúa como base de todos os sistemas, que é universal e se chama Patriarcado. Un sistema moi arraigado porque favorece a todos os homes, incluso a aqueles, que coñecemos e respectamos como amigos ou compañeiros de viaxe e non cometen abusos. A eles tamén aproveita. A todos. Non é unha Lacra; é un Pacto criminal. 

 

Ula a conciencia?

   



x