O sábado 3 de decembro O Carballiño acollerá unha nova convocatoria das Marchas da Dignidade. Desta volta en solidariedade co estudante galego desa localidade para o que o Ministerio Fiscal está a solicitar unha pena de cinco anos e oito meses por uns supostos delitos que Emilio David Cao Mota xamais cometeu. Esta nova arremetida represiva hai que entendela no contexto de criminalización das protestas sociais como a que levaron a cabo pacificamente sectores populares de todo o Estado o 22 de marzo de 2014 en Madrid e nas que este rapaz tomou parte xunto con máis dun millón de persoas que se achegaron ás rúas da capital española a reclamar pan, traballo e teito. 

Quizais sexa preciso pórse en antecedentes e rememorar brevemente aqueles feitos que arrodearon unha protesta masiva tan lexítima tendo en conta os dereitos que as políticas criminais da Troika lle están a quitar á xente. Os incidentes dese día responden a unha escenificación parapolicial do manual de intoxicación dirixido desde as cloacas do Estado. O Ministerio do Interior non podía permitir de ningún xeito que unha protesta social desa envergadura clamando polo fin do Réxime ocupase os titulares dos principais medios informativos. Foi á hora de emisión dos telexornais que o goberno, de forma claramente irresponsable, mandou actuar con contundencia e de xeito indiscriminado as forzas da UIP pudendo ocasionar unha auténtica catástrofe aínda que fosen elas, trama propagandística mediante, ás que figurasen ó final como vítimas. Tal foi o día que prenderon a Emilio nunha clara tentativa de asustar a sociedade para que non ouse rebelarse ante a tiranía dos mercados. O medo é un obxectivo intrínseco ás políticas represivas e tense dito demasiadas veces desde o discurso político da esquerda que “o medo ten que mudar de bando”. Outra cousa é que logo, desde as filas progresistas, non se fixese dabondo para que callase a idea. Pero o certo é que de deixarmos que o medo se instale nas conciencias das clases populares o inimigo estará logrando en gran medida os seus obxectivos. Unha sociedade amedrentada é incapaz de pensar con liberdade e, xa que logo, será incapaz de responder.

De deixarmos que o medo se instale nas conciencias das clases populares o inimigo estará logrando en gran medida os seus obxectivos

O que temos diante dos nosos ollos no día a día, e como consecuencia da instauración do modelo neoliberal, é unha represión estrutural como propia inercia das políticas económicas que desembocan no desemprego, os salarios irrisorios, a exclusión social, a pobreza enerxética, os desafiuzamentos e máis. Ademais, nese contexto histórico da represión, para contrarrestar as previsibles respostas sociais, o neoliberalismo no Estado Español foi e segue modificando a lexislación e o Código Penal para mellor se amoldar ós intereses do capital. Resulta evidente que segue vixente a ignominia que dera comezo coa “Lei Corcuera”  (ideada polo PSOE e perfeccionada polo PP), estámolo a ver coa “Lei Mordaza” e constatámolo con centos e centos de persoas represaliadas na comisaría ou nas prisións como o propio Emilio, o compañeiro Rafa Díez (LAB), Alfon (mozo de Vallecas) ou o sindicalista andaluz, e membro do SAT, Andrés Bódalo, quen leva case oito meses en prisión. Polo tanto preséntasenos agora como unha obriga moral esixirmos a posta en liberdade de todas estas compañeiras e compañeiros. E cómpre tamén solidarizarnos coas máis de mil persoas pendentes de xuízo no Estado padecendo a represión sindical, a política ou a que atenta contra as nosas liberdades civís. É necesario acabar con tanta inxustiza e estar ó lado daquelas persoas que son sancionadas de forma claramente desproporcionada por mantérense inquebrantables ante as gadoupas dos aparatos gobernamentais deseñados namais que para a persecución e a vulneración de dereitos mentres nos fan asistir practicamente impotentes ó “enterro do Estado de Benestar”. 

É con este panorama que lembramos, coma sempre, que sen mobilización e unidade non vai haber solución. Nin na conquista de melloras sociolaborais e moito menos para derrubar o sistema capitalista ou acadar os nosos dereitos como nación independente. Non é posible un cambio de ciclo nin de sistema sen a concorrencia da mobilización na rúa sostida no tempo. A rebelión cívica hai que facela desde todos os ámbitos; por suposto tamén desde as institucións e coa creación de núcleos de contrapoder desde a sociedade civil, pero o periplo converteríase nunha quimera se non se sostén na mobilización permanente na rúa. Imponse así a acumulación de forzas nunha lóxica anticapitalista, vertebrada desde os movementos sociais, o sindicalismo de clase e a esquerda real que de verdade queira acabar co réxime do 78.

Imponse así a acumulación de forzas nunha lóxica anticapitalista, vertebrada desde os movementos sociais, o sindicalismo de clase e a esquerda real

Nese sentido apelamos para o día 3 de decembro ó bo senso de toda a amálgama sindical de clase así como ó das forzas parlamentares e extraparlamentares de esquerda que digan manter unha perspectiva sensible coas necesidades e anhelos do pobo traballador galego e de todas as partes do mundo. E o certo é que calquera pode percibir, malia os avances notorios, que a esquerda non acaba de atopar o espazo social e electoral que lle corresponde debido, en certa medida, a unha parcial desconexión dos axentes capaces co funcionamento dos movementos sociais e cos motores que transgreden e combaten realmente o réxime e todas as penurias como resultado da aplicación das máis agresivas políticas de dereita que coñeceu o Estado en décadas. E non importa, en absoluto, se as causas radican en factores internos ou en posturas acomodaticias (talvez as dúas) pois, a fin de contas, non son en verdade os vividores da política nin os intereses de partido os que sofren as consecuencias da represión e do empobrecemento global. Non adianta, logo, escusarse no “desencanto da esquerda” tras uns comicios se despois non se toma conciencia e se pon a funcionar a engrenaxe contestataria nos despachos das institucións que ocupemos e, antes de todo, na rúa.

A tentativa de superación do turnismo electoral ten aclarado o que acabamos de dicir. O réxime, lonxe de recuar, tivo a capacidade de saír das súas horas baixas resituando o horizonte nunha “gran coalición” que vai funcionar de facto no parlamento español. No ámbito nacional, máis do mesmo e máis PP, e é aquí, máis que en ningún outro lugar, onde se fai máis evidente que non haberá solución sen profundar e perfeccionar a unidade obreira e popular, a todos os niveis, con nítidos contidos que reflictan as necesidades do pobo que sofre. Esa é a concreción ineludible para a transformación no plano social e en clave de liberación nacional. A esquerda sindical, a social e a política teremos que aclarar se de verdade queremos ese cambio de ciclo ou preferimos persistir no actual estado de cousas que veu ditaminando o Réxime do 78. É aquí onde non nos podemos confundir pois a liña divisoria de augas está ben clara. Dunha banda está o pobo rebelde que quere acabar con este sistema e da outra aqueles que con mensaxes e discursos ambiguos non cren nin queren o cambio.

A esquerda sindical, a social e a política teremos que aclarar se de verdade queremos ese cambio de ciclo ou preferimos persistir no actual estado de cousas que veu ditaminando o Réxime do 78

Trabucaríanse aqueles axentes que, diante da frustración electoral, suxiran no presente retomar a batalla da rúa, noutrora abandonada, recorrendo a enxendros de reflotación das corporacións sindicais do Réxime. Se de verdade hai vocación de mudar as cousas, se hai intención estratéxica de acabar con este sistema autoritario, haberá que partir de contar cos movementos sociais diversos e respectalos.  Trataríase de acompañar as súas dinámicas para reconstruír o movemento obreiro e popular na rúa. As Marchas da Dignidade seguen sendo ese xérmolo de unidade plural, a suma asimétrica onde teñen cabida todas as entidades e persoas honestas que estean por derribar este sistema podre. Un movemento de movementos que ten que ser o escaparate onde se vexan reflectidas todas as inquedanzas e sensibilidades sociais, dos conflitos obreiros, da xuventude, do movemento feminista e da cultura. Agora ben, é perfectamente entendible que sempre estea e estará vetado a aqueles segmentos que contribuíron ó sofrimento do pobo e que seguen sendo parte do andamiaxe do sistema.

Polo de agora toca apelar máis unha vez á unidade da clase traballadora galega en todas as súas diversas formas e dimensións e marcharmos ó Carballiño o sábado 3 de decembro para reclamar a absolución de Emilio Cao que o único crime que cometeu é o que levan feito as Marchas da Dignidade trala súa constitución: defender os intereses das capas populares que ven minguadas cada día máis os seus dereitos civís e laborais. De forma pacífica e con firmeza. Debemos seguir apoiando  e acompañando os movementos sociais alzados fronte á barbarie, pois hoxe conforman a expresión máis obxectiva contra o réxime que nos sacude. Se a esquerda política non ten claro este concepto, ó noso ver, equivócase.