Terá lugar o vindeiro 22 de marzo, cando dende diversos puntos e nacións do Estado Español, se encamiñe unha enxurrada de protesta social con carácter anti-sistémico que ten que converxer, por forza, en Madrid. Nucléolo do réxime e metrópole das nosas nacións sen estado. 

Terá lugar o vindeiro 22 de marzo, cando dende diversos puntos e nacións do Estado Español, se encamiñe unha enxurrada de protesta social con carácter anti-sistémico que ten que converxer, por forza, en Madrid. Nucléolo do réxime e metrópole das nosas nacións sen estado. O acordo desta mobilización múltiple a nivel nacional e estatal entendémola como a reacción natural das organizacións alternativas e realmente progresistas. A face que ten que mostrar unha sociedade damnificada pero non derrotada. 

"O papel de Galicia e do noso pobo na Marcha da Dignidade viría tipificado en parte polo contexto económico e social actual, mais tamén polo anquilosamento da meirande parte da clase política"

O papel de Galicia e do noso pobo na Marcha da Dignidade viría tipificado en parte polo contexto económico e social actual, mais tamén polo anquilosamento da meirande parte da clase política que non é quen de seguir os ritmos nin de facerse cargo das demandas de emerxencia social e nacional que esixen unha resposta colectiva. Como tampouco está en condicións de facelo o sindicalismo hexemónico, "incapaz" de materializar nin unha folga xeral e sometido totalmente ata pra ir facer reverencias á Zarzuela. 

Entendemos, ademais, que se é que se está a favor da queda do sistema estase tamén, por tanto, a prol da mobilización permanente e da unidade da esquerda sen exclusións. E a marcha programada é unha proba irrefutábel de que se está a interiorizar esa lectura aínda que os axentes sociais coas posturas máis acomodaticias teimen, polo momento, en mirar pra outro lado.

Nós non imos mirar pra outro lado, nin tampouco nos  van vir agora complexos de ir a Madrid. Fomos en anteriores situacións de emerxencia social, como cando foi o conflito do fletán ou do mesmo Prestige, canto máis agora que é por causa dunha progresiva carestía global. O sindicalismo da CUT non naceu hai máis de dez anos para institucionalizarse ou para caer nas diferentes formas posíbeis de burocratización.

"Se é que se está a favor da queda do sistema estase tamén, por tanto, a prol da mobilización permanente e da unidade da esquerda sen exclusións"

Tamén no terreo sindical, o proxecto liberador como nación hai que exercitalo en Galicia. Pero iso non pode significar ancorarse no referencialismo paduán, esquecendo os marcos históricos e conxunturais pero determinantes, como son os do estado. Tamén en España temos amizades e organizacións homólogas na mesma trincheira que a nosa, que comparten e asumen o noso dereito a decidir como pobo e como nación. Entenden sobradamente o noso dereito á independencia nacional. Non hai que suporlles, como se fai ás veces talvez de forma interesada, unha intelixencica inferior e, obviando, por certo, os preceptos máis elementais da solidariedade internacionalista.

Hai tempo que estamos na rúa e coa chamada crise aínda máis, se cadra, logo de que as políticas en beneficio da patronal abrisen unha fenda que conseguiu bloquear, en parte, o labor sindical clásico que viñemos practicando nos centros de traballo xunto con outras organizacións amigas. Foi esta nova situación a que nos impeleu, sen renunciar ao combate na empresa, a buscar outras formas e a explorar novas estratexias de loita. Pero hai unha constante que é fundamental e irrenunciábel. A rúa, como o foi sempre (e comprobámolo no tardofranquismo), é a receita máis eficaz e o terreo fértil que deu e dará sempre os resultados agardados se se actúa con responsabilidade e se sabe vertebrar o sentir popular. 

"Fomos en anteriores situacións de emerxencia social, como cando foi o conflito do fletán ou do mesmo Prestige, canto máis agora que é por causa dunha progresiva carestía global".

Esa é a mensaxe que lle transmite a experiencia á clase traballadora despois de décadas movendo ficha adiante e atrás no taboleiro das relacións de poder en períodos como o das privatizacións, os decretazos, traizóns sindicais de toda índole, as incontábeis batallas do naval ou o delongada loita mariñeira. E está claro que hoxe ese sentimento de indignación, amais de no sindicalismo alternativo de todo o Estado, está nos movementos sociais que están a canalizar toda esadesconformidade. Non se pode pechar os ollos a esa realidade. 

É por iso que a Marcha da Dignidade é o lugar  común onde agardamos e nos unimos aos distintos colectivos da xente desempregada, da estafada pola banca, a desafiuzada, a pensionista do estranxeiro e a todo o tecido civil e asociativo pra que,baixo unha única forza acumulativa, sexamos quen de pór en cuestión, se non de derrubar de vez, o podre sistema capitalista parapetado nunha atalaia que ten dous niveis: o da hexemonía bipartidistaparlamentaria española como brazo executor do poder financeiro e outro,superior, que responde á ditadura económica do euro  e a todo o paquete de políticas anti-obreiras da Troika que non tende máis que a unha nova forma de escravitude pra as clases populares. 

"Tamén en España temos amizades e organizacións homólogas na mesma trincheira que a nosa, que comparten e asumen o noso dereito a decidir como pobo e como nación".

Ou non ten uns resultados dramáticos a suba da tarifa da luz, a sexta en dous anos, para a meirande parte das familias nunha situación como na que nos atopamos nestes momentos? Non entendemos que clase de europeos somos, que é iso? Ser europeos que é exactamente? Cales son os beneficios? É acaso tan substancioso como o de ser un país democrático? Como se atreven a dicir que vivimos nun país democrático se provocan que morra xente nos cárceres mediante a represión ou cruzando as súas fronteiras caendo mortas como animais persoas que foxen da pobreza ben sexa polo gume de coitelas nos valados ou por afogamento ocasionado polos bestas do Duque de Ahumada? Que democracia é esta que condena ao cárcere aos piquetes informativos dunha folga e que deixa a familias con crianzas na rúa sen preocuparse o máis mínimo e sen ningún tipo de asistencia social?

Resulta esperpéntico que chegásemos a un punto no que a nosa mocidade, conte esta con titulación universitaria ou non, estea a escoller a vía da emigración forzosa de forma escandalosamente recorrente porque comproba que o mercado de traballo non ten nada que lle ofertar. O sentimento xeneralizado é o de que non hai futuro. Estamos nunha desas etapas da historia marcadas polo afundimento moral dunha sociedade enteira e que a historia dirá se ten peores repercusións que un crack do `29 ou ca unha posguerra. 

"Estamos nunha desas etapas da historia marcadas polo afundimento moral dunha sociedade enteira e que a historia dirá se ten peores repercusións que un crack do `29 ou ca unha posguerra". 

As consecuencias económicas xa as estamos mirando e non teñen visos de mellorar en anos vindeiros. Os suicidios por causas relacionadas estanse disparando aínda que se considere que non sexa materia para tratar na prensa tódolos días. Cada vez hai máis xente nas rúas, remexendo nos colectores do lixo, pedindo esmola ou vivindo da beneficencia a causa do paro e dos recortes que deixan á maioría desfavorecida sen as prestacións mínimas e minguados os seus dereitos ao servizo sanitario universal así como á educación pública de calidade. E a quen tivo a mala sorte de que o estafasen ou a quen se hipotecou, sen recursos e sen vivenda. 

Por tanto, aos axentes máis activos, e os movementos sociais deberan estar na  vangarda, preséntasenos como un compromiso de primeira magnitude tratar de iluminar o camiño pra levar a cabo unha contestación social sen parangón que culmine co trunfo das clases populares. Esa é a nosa tarefa. O que nos move. O que realmente temen estes gobernos. E o resto, enguedellar en parlamentiños mentres se cobran dietas de infarto sen mirar o que lle ocorre realmente ó pobo, non é máis ca comungar con rodas de muíño e unha pose pra saír nos xornais e recoller uns cantos votos para seguir vivindo de clocló.

Se a esquerda non é quen de tomar  ese camiño de unidade popular, así que se esfarelen os últimos dereitos que quedan do chamado estado do benestar, non imos dicir abertamente que corremos o risco de que abrollen novos discursos patrioteiros perigosos e xenófobos que traten de implantar os seus modelos porque todo iso xa se concentra dentro e arredor do Partido Popular e é parte da condena que pagamos ó quedarmos envoltos na chamada Transición. Pero sería preocupante non estarmos alerta se o noso sistema se reformulase, como parece que se está a ensaiar, prescindindo da monarquía (parlamentaria) e mantendo o esencial na forma dunha república que nada tería que ver no plano político nin no económico coa de 1936.

"Cada vez hai máis xente nas rúas, remexendo nos colectores do lixo, pedindo esmola ou vivindo da beneficencia a causa do paro e dos recortes que deixan á maioría desfavorecida sen as prestacións mínimas ".

É certo que hai terreos nos aínda que temos un mundo por diante. Un goberno, imbuído pola igrexa máis reaccionaria que nunca se separou do Estado, toma decisións de dubidosa moralidade sobre o devir da sociedade e trata de incidir no propio corpo das mulleres retrotraéndonos ó pasado. Pra nós a igualdade de xénero é clave para o desenvolvemento, aquí e no resto do planeta. Por tanto, alén de reivindicacións superficiais, cómpre unha planificación verdadeiramente inclusiva na que son as mulleres as que teñen que tomar a palabra. Que falen as mulleres.

A mensaxe ás nosas nacións, aos nosos pobos traballadores pra que se liberen ten que ser esperanzador. Como non o vai ser se, malia todo, comprobamos que mediante os métodos que estamos indicando se van producindo “pequenas” vitorias?? EH Bildu logrou blindar, en boa medida, a provincia de Guipuskoa contra a Reforma Laboral. A mobilización dos colectivos cívicos e veciñais, como a PAH, logrou interporse en máis de un desafiuzamento dos moitos que se producen a diario. A maioría social desfavorecida deu un golpe na mesa no barrio obreiro de Gamonal tendo que intervir Génova ante o medo terrorífico a unha propagación insurreccionalsen precedentes que xa se estaba producindo noutros lugares do Estado. É dicir: pódese. E non perdamos isto de vista.

Agardando por eses movementos, pola  xente, sumámonos como un ente máis á recentemente constituída Plataforma Galega das Marchas da Dignidade para concorrermos coma un pobo que expresa a súa vontade contestataria nesa correntecrecente de resistencia multifocal que se está a conformar en diferentes puntos da península nas máis variadas formas e estratexias e que se mirarán as caras cun mesmo fin en Madrid o día 22 de marzo. A rebelión cívica non pode ser un panexírico novelesco de salón, moito menos a retórica de mediocres e oportunistas. Despois das praxes, sen desprezo á necesaria teorización, impóñenseaínda máis praxes: o pobo traballador galego será o suxeito nacional nas Marchas da Dignidade a Madrid este 22 de marzo.

Manolo Camaño Fandiño
Secretario Xeral da CUT
 



x