Formo parte dunha xeración de mestres seguidores das técnicas da Escola Moderna de Célestin Freinet. Na miña biblioteca conservo coma ouro en pano unha ducia de volumes da “Biblioteca de la Escuela Moderna”, publicados pola editorial Laia nos anos setenta sobre a lectura na escola por medio da imprenta, o texto libre, as correspondencias escolares, as conferencias do alumnado ou o periódico escolar.

Formo parte dunha xeración de mestres seguidores das técnicas da Escola Moderna de Célestin Freinet. Na miña biblioteca conservo coma ouro en pano unha ducia de volumes da “Biblioteca de la Escuela Moderna”, publicados pola editorial Laia nos anos setenta sobre a lectura na escola por medio da imprenta, o texto libre, as correspondencias escolares, as conferencias do alumnado ou o periódico escolar. Libros que transcorridos case corenta anos da publicación da súa tradución ao castelán (en galego fixémolo en Xerais hai quince no volume Técnicas Freinet da Escola Moderna), mesmo a pesar das mudanzas profundas no paradigma da comunicación textual, non perderon actualidade nin capacidade de innovación no quefacer cotián das aulas.

Entre aquelas técnicas freinetianas, acuñadas en Galicia polo Movemento da Escola Popular Galega, un dos celmes do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, deixou en nós unha pegada imborrable a do periódico mural. Cada semana colocabamos na clase un mural dividido en tres columnas: CRITICO, FELICITO, PROPOÑO. Os nenos e nenas podían escribir no mural os seus textos libres, coa única condición que estivesen asinados. Logo, na asemblea semanal da clase repasabamos os contidos do periódico mural e debatiamos sobre o alí recollido. Experimentada na escola de Vence por Freinet e a súa dona Elise, durante as décadas do vinte e trinta do século pasado, esta técnica do periódico mural, que deu a voz ao alumnado dentro da aula, actualízase no “taboleiro” das redes sociais e nos espazos das publicacións dixitais, onde persoas adultas podemos expresar as nosas opinións sobre diferentes contidos da axenda pública.

Mágoa que nestes espazos electrónicos sexan moi numerosos os textos anónimos, agochados baixo a carauta do avatar, violentando así a única condición establecida por Freinet que negaba o valor do anonimato para este tipo de participación educativa (cívica). Como tamén é de dominio público que as críticas, indubidablemente imprescindibles nestes tempos de conformismo, non sexan compañeiras decote das felicitacións e das propostas, moi infrecuentes neste soporte. Como é adoito o desleixo na redacción destes textos de escarnio, nalgúns casos até caer na grosaría e no insulto, o que diminúe a lexitimidade da crítica, a eficacia comunicativa deste tipo de texto e mesmo a súa capacidade de viralización.

Na actividade das nosas identidades dixitais, conformadas en blogs, perfís de Facebook, Twitter ou Google+, ou nos comentarios dos diversos medios dixitais, é importante que a nosa voz exprese de forma equilibrada todas as tres accións propostas por Freinet ao seu alumnado en formación. Esta modulación permitiría superar a perigosa doenza do embiguismo seitario, limitadora da presenza da nosa voz sobre o conxunto da sociedade galega, intentando ampliar o perímetro do noso discurso. Debemos criticar, afiando sobre o teclado os argumentos e os datos, con ironía e retranca, as mellores armas das que dispón a xente pacífica até o lirismo, como aconsellaba Castelao. Debemos felicitar con máis frecuencia e xenerosidade, mesmo con maior entusiasmo, xa que os nosos parabéns (un xeito de abrazo na pantalla) poden axudar a motivar a aquelas persoas merecedoras de gratitude. Non teñamos medo a excedernos na beizón. Debemos propoñer sempre ideas alternativas, ofrecer novos proxectos, accións e iniciativas, reivindicando texto a texto, que é posible vencer a política do partido confomista.

Hoxe critico os recurtes na sanidade e educación públicas e denuncio o roubo das participacións preferentes. Parabenizo a aparición de novos medios en galego, especialmente a edición impresa de Sermos Galiza, a utilización do galego como lingua vehicular do Celta e a presentación da candidatura do dominio puntoGAL. Propoño a elaboración dun plan estratéxico para a lectura en galego e a realización dunha Homenaxe Nacional a Agustín Fernández Paz.

bretemas@gmail.com

Manuel Bragado é editor

 



x