Hai uns días visitei a exposición “Galicia Universal” con toda a ilusión que vos podedes imaxinar nunha persoa que gozou sempre contemplando en diferentes salas obras de Serafín Avendaño, Castelao, Carlos Maside, Colmeiro, María Antonia Dans, Urbano Lugrís, Laxeiro, Isaac Díaz Pardo ou Francisco Lloréns. E confésovos que nunca tanto me decepcionou unha exposición como a que acabo de ver na Cidade da Cultura. A palabra que me vén á cabeza é espanto, non polas obras -que son unha mostra moi significativa dos fondos que integran a colección de ABANCA e Afundación-, senón polo propio espazo da exposición, que é certamente horroroso para ese fin. Os cadros, ao non poder seren colgados nas paredes do edificio, non teñen o fondo adecuado para lucir todo o seu esplendor, nin a distancia necesaria entre uns e outros, e menos aínda a iluminación que se precisa, que é un factor primordial en calquera museo. O resultado é, pois, unha exposición que non logra transmitir toda a beleza que hai en cada lenzo e todo o que cada cadro expresa. É como se colocaran os cadros nunha inmensa nave industrial. Como proxecto expositivo non está en absoluto á altura da calidade da obra que aí se expón nin do que se espera dunha administración que posúe máis recursos que calquera museo. A pintura precisa un certo diálogo co espazo, un diálogo que aquí non existe por ningures. Só algunhas obras escultóricas de Leiro parecen atopar na Cidade da Cultura o seu lugar.

 

Como proxecto expositivo non está en absoluto á altura da calidade da obra que aí se expón nin do que se espera dunha administración que posúe máis recursos que calquera museo

 

E do espanto á indignación. Polo visto A derradeira lección do mestre vaise expor na Cidade da Cultura, dentro dunha importante mostra sobre Castelao, nos derradeiros meses deste ano. ¿Pero, de verdade, podedes imaxinarvos esa pintura tan dramática e que tanto representa na historia política, artística e humana deste país no interior da Cidade da Cultura, enclaustrada no soño faraónico de Manuel Fraga Iribarne? Tanto desde unha perspectiva museística como desde unha perspectiva simbólica, a Cidade da Cultura é o espazo menos apropiado para expoñer unha obra como A derradeira lección do mestre, por todo o que esta pintura significa para a nación galega. Levar aí esa obra de Castelao é un verdadeiro despropósito, mesmo un acto de pouco respecto pola figura de Castelao. Se hai un lenzo de Castelao que debe dialogar coa historia de Galiza e coa cidade de Pontevedra é precisamente ese, pois foi aí onde Castelao pasou vinte anos da súa vida, onde traballou afervoadamente con Bóveda e onde se produciron algúns dos feitos máis dolorosos para el naqueles dramáticos e terribeis días do 36. Nesa cidade está, ademais, o museo que el axudou a crear: o Museo de Pontevedra, que posúe unha parte fundamental da obra artística de Castelao (máis de mil orixinais) e que xa organizou nos últimos tempos dúas importantes exposicións baixo o título Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920) e Meu Pontevedra! Castelao 1916-1936.

 

Primeiro trouxeron a Castelao para enterralo definitivamente na prisión de Bonaval e agora non atopan mellor lugar para ese seu lenzo de homenaxe a Alexandre Bóveda e a todas as persoas que sufriron a barbarie do fascismo do 36 que o horroroso espazo da Cidade da Cultura. Protesto! Protesto como cidadán galego e tamén como amante das artes. Por favor, levade a Castelao para Pontevedra! Alí si o poderiamos contemplar A derradeira lección do mestre en todo o seu esplendor artístico, con toda a admiración que esa obra merece e co corazón aberto á máis viva emoción.

 



x