Entre o 29 de novembro e o 26 de marzo estará aberta en Madrid a exposición “Maestro Mateo en el Museo del Prado”. Eu persoalmente son dos que vexo moi ben que o noso patrimonio artístico se expoña fóra do noso país de forma temporal. Xa quixeramos nós que milleiros de persoas de todos os países puidesen contemplar unha retrospectiva da pintura galega contemporánea no Museo do Prado ou no Museo Reina Sofía ou unha exposición de Castelao, Carlos Maside, Maruxa Mallo ou Manuel Colmeiro no Thyssen, en Caixa Forum ou na Fundación Mafre. Igual que viaxan a Madrid obras de Tintoretto, Rafael, Gauguin, Munch, Kandinsky ou Dalí, procedentes de todas as pinacotecas do mundo, sería certamente extraordinario e marabilloso que viaxasen até os museos madrileños as obras mestras dos grandes pintores e das grandes pintoras que deu este país. Un, que xa leva contemplado algúns museos polo mundo adiante e que intenta non perder as exposicións temporais que todos os anos se organizan en Madrid, está realmente moi orgulloso da pintura galega dos séculos XIX e XX e pensa que unha parte moi importante da obra dos nosos artistas é digna de admirar pola humanidade enteira, aquí, en Madrid, en París ou en Estados Unidos. Por iso saudamos a iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes de levar o mestre Mateo ao Prado, aínda que onde mellor podemos contemplar ao artista é en Compostela, no Pórtico da Gloria, igual que para ver a Tintoretto, Veronés ou Tizano hai que ir Venecia ou a algunhas igrexas de Roma para contemplar a Caravaggio.

As persoas que nos vindeiros meses visiten no Museo do Prado a exposición do mestre Mateo teñen dereito a saber que papel político, relixioso, económico e cultural ocupaba Galiza na época de Mateo

O que si sería lamentábel, e mesmo moi grave, é que esta importante exposición sobre o mestre Mateo chegue a Madrid descontextualizada, sen o pano histórico de fondo que explica a construción do Pórtico da Gloria, das catedrais de Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui e da propia catedral de Santiago, a igrexa máis grande -lembrémolo- de todo Occidente nese momento. As persoas que nos vindeiros meses visiten no Museo do Prado a exposición do mestre Mateo teñen dereito a saber que papel político, relixioso, económico e cultural ocupaba Galiza na época de Mateo, porque é o que nos permite comprender en toda a súa dimensión o esplendor dese período histórico. E o que xa sería unha falta absoluta de rigor científico sería que se vencellase a obra do mestre Mateo ao denominado “reino de León”, ocultando a existencia do reino galaico de Fernando II e Afonso VIII e todo o que ese reino representou na historia de Galiza. Sen ese pano histórico de fondo, ao noso xuízo imprescindíbel para iluminar esa gran obra artística que é o Pórtico da Gloria, a exposición sobre o mestre Mateo quedaría francamente mutilada. Esperemos que iso non aconteza. Simplemente un parágrafo dalgún dos traballos da autoría de Anselmo López Carreira pode explicar todo o que significou para Galiza o reinado de Fernando II e Afonso VIII. Transcribir ese texto nunha parede do Prado sospeitamos que non debe ser moi custoso. E, por suposto, ningún galego e ningunha galega debe visitar esta exposición sobre o mestre Mateo sen ler antes un libro como A memoria da nación. O reino de Gallaecia, de Camilo Nogueira, unha lectura necesaria para irmos a Madrid mentalmente descolonizados e talvez -xa veremos- para regresarmos moi indignados despois de ver a exposición, indignados por como unha e outra vez as propias elites do noso país presentan diante do mundo o noso patrimonio cultural e artístico, ocultando sempre unha Galiza cunha historia de seu. Nunca será unha viaxe culturalmente inútil. Estou seguro.