Non sen emoción, despois de tantos anos, collo o libro entre as mans, e leo: “Rematouse de imprentar… o 15 do mes de Santiago de 1971, 86º aniversario da morte de Rosalía de Castro”. Trátase, evidentemente, daquela primeira e fermosísima edición que correu ao coidado de Xosé María Álvarez Blázquez, patrocinada polo Centro Galego de Bos Aires, onde esta novela se fixera co cobizado premio Galicia, nada menos que fronte a Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor, e O silencio redimido, de Silvio Santiago, unha decisión que posteriormente provocaría unha grande polémica dentro da cultura galega, mesmo en publicacións madrileñas como a revista “Triunfo”. Blanco Amor nunca perdoou o que ao seu xuízo fora unha clarísima aldraxe. Mais esa é outra historia. Nestes días de obrigado repouso collo de novo o libro, repito, e non o podo evitar: véxome alí, cos meus dezaseis anos, descubrindo naquel escaparate da librería do Cantón de Ortigueira ducias e ducias de libros con títulos en galego.Talvez varios centos. Nunca tal cousa os meus ollos viran! Había centos de libros en galego! Existía a literatura galega! Ninguén mo dixera. A través do cristal do escaparate miro e miro unha e outra vez un libro e outro. Estou marabillado. Se tivese cartos non sei cantos mercaría… Entre todos os libros, hai un que me chama poderosamente a atención: Adiós, María, así, con aquela coma que desvirtúa a mensaxe do título, pois, como logo puiden saber, non se trata de ningunha despedida, senón dunha expresión exclamativa referida a si mesma, á protagonista da novela, a María. Nese momento, por suposto, eu non sei de que vai esa obra, nin se é poesía ou é prosa, nin tampouco, claro está, quen é Xohana Torres. É a primeira vez que vexo e pronuncio o nome de Xohana Torres, mais fascíname a portada, coa imaxe dos tranvías e con aquelas letras do título. Entro na librería e pido ese  libro. Foi o primeiro que lin en galego. Merqueino o 4 de agosto de 1976. 100 pesetas.

Corenta anos despois regreso a Adiós María, ao mesmo libro, ás mesmas páxinas que gocei en San Claudio entre os meus soños adolescentes, e releo máis unha vez a novela, e atópoa igual de fresca, de actual, de moderna, pero é agora cando de verdade me decato do seu contido radicalmente feminista, do seu auténtico valor dentro da literatura galega contemporánea. Se as nosas letras foran contempladas desde unha moi necesaria ollada feminina, algún autor en vez de escribir un título como De Pondal a Novoneyra escribiría De Rosalía a Xohana Torres, pois sen restarlle ningunha relevancia a eses dous autores tan representantivos da poesía galega (Pondal e Novoneyra), creo, sinceramente, que estes dous outros nomes (Rosalía de Castro e Xohana Torres), expresan moi ben toda a luminosidade da nosa literatura, desde o Rexurdimento á Xeración dos anos 50. É máis, ninguén até Xohana Torres, desde Rosalía de Castro, desde Follas novas, escribiu unha obra sobre a emigración desde unha mirada feminina e feminista como a que reflicte a novela Adiós María. Desde que a autora fundacional da literatura galega contemporánea falou do drama das “viúvas dos vivos” ningún escritor galego nin ningunha outra escritora nos expresa un relato das “viúvas dos vivos” como o que nos ofrece a novela de Xohana Torres. Non sei ben o porqué, pero teño a impresión de que á narrativa de Xohana Torres nunca se lle prestou a atención que si tivo como poeta. Agás Carvalho Calero, que incorporou de inmediato o texto aos cursos que impartía na Universidade, e agás os traballos ensaísticos de María Teresa Bermúdez, Helena González, Camino Noia, Carme Blanco, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Ribera Llopis ou Carmen Mejía Ruíz, é, certamente, moi pouco o que se escribiu sobre esta obra, tan fundamental no conxunto do corpus creativo de Xohana Torres e tan importante dentro do discurso feminista da nosa literatura e da narrativa galega do século XX.

Teño a impresión de que á narrativa de Xohana Torres nunca se lle prestou a atención que si tivo como poeta

En todo este tempo, desde o meu descubrimento de Adiós María nos meus anos mozos, a miña admiración pola figura de Xohana Torres non fixo máis que medrar e medrar. Pola súa firmeza como autora decididamente monolingüe desde que nos entregou en 1957 o libro de poemas Do sulco, abrindo a colección Illa Nova da editorial Galaxia. Pola súa fidelidade ao idioma e ás raíces desde que aprendeu a lingua nos labios da súa avoa materna, aló no Ribeiro do Avia. Pola súa lección de compromiso inquebrantábel co país, desde que descubre a cultura galega nos seus anos de bacharelato en Ferrol, da man do seu profesor Ricardo Carvalho Calero. Pola súa voz segura e firme recitando no Círculo Mercantil de Santiago poemas daquela mocidade galega que tan feliz fixo a don Ramón Otero Pedrayo, e era aínda o 1957, en galego e en público. Polo seu activismo cultural, primeiro en Radio Ferrol, e despois no programa radiofónico “Raíz e tempo”, a comezos dos anos sesenta en Vigo. Polo seu teatro, tantas veces premiado pola súa altísima calidade. Pola súa rebeldía como muller: “A que non se arrisca, nunca descubrirá o que sería capaz de facer. Unha muller pode converterse en balea…”.  Polo día aquel que foi á rúa Tabernas e no medio daquela solemnidade e de tantos homes, vai e di: “As mulleres sostemos a metade do ceo”. Pola súa modernidade como escritora. E por Lola, para sempre en nós no brillo dos seus versos: Bendita sexa a que esmagaba os acios / para facer o viño como se fose luz… E de novo regreso ás palabras de Xohana Torres na sede da Real Academia Galega: “A vida, moitas veces, non é máis que recordar o que alguén nos ensinou por algures. Despois das migracións, todos retornaremos aos antigos sendeiros, igual que os elefantes”. Xohana Torres, a escritora galega de referencia do século XX, e o país aínda non se enterou.a.