Dicíame un dirixente sindical do transporte da CIG, que hai seis anos que non se negocia o convenio do sector da provincia de Pontevedra. Como consecuencia, un condutor/ra gaña 900 euros brutos ao mes. Ese mesmo día, un condutor de camións de mercadorías comentábame nun bar do barrio, que o seu salario era algo superior polos pluses de perigosidade. Porén, non deixaba de ser insuficiente para facer fronte aos gastos. Mais onde ía ir el con máis de 55 anos? Deseguido preguntábase onde estaban os sindicatos. Eu respondíalle que non todos eran iguais. E el recoñecía que moitos traballadores e traballadoras non denunciaban e aceptaban condicións laborais indignas, por medo a non conseguir emprego ou temor a perdelo, freando así a acción sindical.

 

Fago esta introdución porque reflicte, tanto os atrancos existentes, como a rapidez coa que está a mudar o estado de ánimo de sectores moi amplos do proletariado, que pasan do conformismo a manifestacións públicas de anoxo. Esta actitude dáse mesmo naqueles que non están a participar directamente na conflitividade laboral. Un pulo cualitativo que está vinculado co auxe da confrontación de clases neste intre. Mais é necesario que estes amplos sectores intermedios, que aínda non se incorporaron á loita reivindicativa, rachen co medo a perder o emprego. E vencer neles a visión individualista ou as desconfianzas que alimenta o sistema en relación cos sindicatos e as forzas políticas rupturistas. Cómpre polo tanto que valoren a importancia da unidade obreira como o mellor parapeto fronte á arbitrariedade e á explotación da patronal, e como único medio con garantías para mellorar as súas condicións de vida. E neste aspecto, o temor a perder o emprego é unha lousa que frea a rebeldía en sectores moi amplos da clase traballadora. Porén, “pasar” tampouco lles garante a continuidade no emprego, senón todo o contrario, porque fortalece a arbitrariedade da patronal. Mesmo con estas limitacións e eivas, o avance nos últimos meses foi impresionante. Non se daba unha mobilización laboral semellante dende o ano 2012. Neste pulo, a CIG ten un papel determinante.

 

Está a mudar o estado de ánimo de sectores moi amplos do proletariado, que pasan do conformismo a manifestacións públicas de anoxo

 

O xeito máis efectivo de combater as ideas trabucadas sementadas polas clases dominantes, que agrandan os atrancos e rebaixan as capacidades do movemento obreiro, é a participación e unha información reflexiva da conflitividade. Unha información que non debe abranguer exclusivamente os/as afectados, senón o conxunto da clase traballadora. Triunfos como os da auxiliar do automóbil Denso, en Vigo, ou do 112 despois de 83 días de paros, teñen que ser coñecidos por todos e todas, e formar parte da conciencia colectiva. Tamén se deben socializar as reflexións sobre aquelas loitas que rematan en derrota ou as que son entregadas polo sindicalismo pactista a cambio de migallas. Por exemplo, o preacordo no convenio do metal da provincia de Pontevedra, asinado por CC.OO. e UGT, e que foi rexeitado pola CIG. Neste pacto renunciouse a recuperar o salario perdido nos últimos anos, non exclúen as empresas “multiservizos” que son un cabalo de Troia contra os dereitos laborais, rebáixanse os soldos dos contratos por formación, e impídese unir as mobilizacións do sector na Coruña, Ourense e Pontevedra, o que permitiría aumentar a presión sobre a patronal.

 

É fundamental realizar un esforzo especial no aspecto informativo, na análise e nas conclusións que cómpre achegar ás clases populares, ou como mínimo debater: cos/as dirixentes, cadros e delegados e persoas máis activas do movemento sindical. Todo conflito, e moi especialmente aqueles que deixan unha maior ensinanza, teñen que ser parte da bagaxe da clase traballadora. Deben contribuír a aumentar a conciencia política, tanto clarificando o papel da patronal, como de cada suxeito sindical e partidario, e consolidar unha folla de ruta e uns métodos de traballo máis eficaces. O capital ten múltiples e moi fortes mecanismos para sementar o derrotismo e o individualismo. Que os medios lle adiquen a un conflito 20 segundos na TV e un anaquiño de páxina nun xornal é unha pinga en medio dun diluvio de desinformación cotiá. Non podemos resignarnos pasivamente a isto.

 

É fundamental realizar un esforzo especial no aspecto informativo, na análise e nas conclusións que cómpre achegar ás clases populares

 

A esta altura, o interrogante que se fan moitos/as dirixentes sindicais é se as vacacións deste verán non serán un xerro de auga fría para a mobilización, para facer retroceder a loita de clases, ou se, pola contra, no outono manterase e mesmo incrementarase a conflitividade, como sería necesario. Coido que neste aspecto é importante ollar a mobilización laboral a máis longo prazo, porque só así as contradicións poderanse manifestar en toda a súa dimensión. E todo indica que non vai mudar a medio prazo a tendencia dominante e que mesmo se agudizará. Ou sexa que o medre do PIB será en beneficio exclusivo da burguesía, mentres aumenta a precarización laboral e baixan os salarios. Mais, no curto prazo poden xogar un papel importante outros factores. Por exemplo, que as clases dominantes procuren desactivar os conflitos no marco da negociación colectiva con aumentos que non superen o IPC. Isto é o que o Governo e a patronal están a propoñer (en determinados sectores e empresas), e CC.OO. e UGT consideran aceptábel, mentres escenifican que chegou o momento para reivindicar aumentos salariais. Como se a iniciativa partise deles (ignorando a suma de pactos sociais, a débil contestación ás reformas laborais, e que están negociando un novo pacto salarial en Madrid)!! Agora ben, esta proposta do Governo e da patronal consolida a perda salarial dos últimos anos, e entrega aos capitalistas todo o beneficio extra polo medre da produtividade. Ademais, obvia outros temas fundamentais para a clase traballadora, como son: a xornada laboral, os ritmos de traballo, a temporalidade, os falsos autónomos, as horas non pagadas, as cotizacións non liquidadas, etc.

 

O acontecido no convenio do metal de Pontevedra demostra que o sindicalismo pactista asóciase a esta actitude da patronal, mais querendo aparecer como unha forza reivindicativa. Porén, non están dispostos a superar os límites impostos pola patronal, e farán o necesario para respectalos. Polo tanto, para evitar un acordo patronal-sindicatos de costas ás necesidades da clase traballadora é esencial garantir unha masiva participación dos afectados/as na loita e manter a mobilización. Deste xeito resultaralle moi difícil ao sindicalismo pactista desenvolver a política de concertación, que buscan xustificar cunha suposta febleza da clase traballadora, na gravidade do momento, na robotización ou na necesidade de competir con outros territorios. Todas estas escusas ignoran ou consideran como inevitábel a inmensa concentración e centralización da riqueza na gran burguesía, e os grandiosos salarios de altos directivos e executivos. Só disputan as sobras.

 

Evitar un acordo patronal-sindicatos de costas ás necesidades da clase traballadora é esencial garantir unha masiva participación dos afectados/as na loita e manter a mobilización

 

O sindicalismo nacionalista non está aínda en situación de ser hexemónico na conflitividade laboral, mais demostrou nos últimos anos, e moi especialmente nestes meses, que ten a forza necesaria para condicionar a acción reivindicativa en moitos sectores e empresas importantes. Mesmo nalgúns casos, como en Ferroatlántica, esta capacidade compleméntase acertadamente cunha campaña informativa da problemática e coa procura da solidariedade popular que debería servir de exemplo noutros conflitos nos que confrontan traballo e capital. Agora ben, fronte aos interrogantes que todos e todas nos facemos encol do que aconteza no último tramo do ano, axudará moito que se manteña a presión sindical sectorial, e que esta se complemente con mobilizacións nas que se reivindiquen, formando parte de campañas estendidas no tempo, aspectos máis estratéxicos, como: contrato indefinido, xornada, salario, pensións, fiscalidade, seguro de desemprego, etc. Nas que se esixa un reparto xusto do traballo e da riqueza producida.

 

O Día da Patria Galega é unha data acaída para que estas reivindicacións laborais, tan centrais e urxentes 

 

Por último. O Día da Patria Galega é unha data acaída para que estas reivindicacións laborais, tan centrais e urxentes para a maioría da povoación, estean presentes na manifestación convocada polo BNG. Deste xeito, terían o lugar que lles corresponde a loita de clases, a desigualdade, a emigración forzada, o desemprego e a precarización planificada polo sistema capitalista, as aldraxes ás que está sometida esta nación colonizada. Un país que todos e todas compartimos, uns e unhas solidariamente e a maioría na dura e cotiá confrontación de clases. Hai que lamentar que a consigna da convocatoria deste ano non sexa precisamente reflexo desta realidade, nen da esixencia da soberanía. Mais todos e todas sabemos que alí estarán milleiros das persoas máis combativas e solidarias, do mellor da Galiza social e política, deixando constancia da necesidade dunha liberación nacional asociada a un cambio de sistema que remate coa explotación. E como consigna máis repetida: Galiza Ceibe, Poder Popular!!!

 

 

http://manuelmera.blogaliza.org/



x