Tanto no Estado Español como na Galiza, a confrontación política está cada vez máis focalizada nas institucións, en detrimento da mobilización popular. Resulta lóxico que actúen así desde o Governo. Neste caso, desde a alianza de dereita PP+Ciudadanos. Mais esta dinámica hipoteca o avance da esquerda, tanto da españolista como da nacionalista. Na práctica, para alén da radicalidade do discurso dalgunhas forzas, este xeito de facer política reflicte que non existe unha proposta de ruptura co sistema na praxe da oposición.

 

A única excepción a esta dinámica é a de Catalunya, aínda que sexa dun modo parcial e non afecte a algo tan fundamental como as contradicións de clase. Neste caso, o soberanismo conta co poder parlamentar necesario, acompañado da mobilización popular, para propoñer a independencia, coa confrontación que isto implica coa globalización, xa que afecta un Estado que forma parte da estratexia neoliberal das clases dominantes na Unión Europea. A iniciativa está no independentismo catalán, porque ten unha correlación de forzas favorábel, así como unha folla de ruta clara e obxectivos concretos para esta etapa. Non hai un escenario único no futuro, xa que un resultado adverso ten moitas probabilidades, tendo en consideración a postura do PP e Ciudadanos e a actitude antidemocrática da Unión Europea. E iso, malia que a proposta independentista non cuestiona a UE que sacraliza a globalización neoliberal, non hai que esquecelo.

 

A iniciativa está no independentismo catalán, porque ten unha correlación de forzas favorábel, así como unha folla de ruta clara e obxectivos concretos para esta etapa

 

Mesmo con estas eivas, o nacionalismo catalán segue conquistando novas metas, que formarán parte da conciencia colectiva por décadas. Será así, mesmo que sexa unha situación conxuntural, unha paréntese, que de non ter resultados positivos colocaría de novo as contradicións laborais e sociais en primeiro plano? Dividiría isto o soberanismo nestes temas, reforzando as opcións que poñen nun segundo plano a cuestión nacional? Son avances na vía soberanista, desde os que emprender novas conquistas no futuro, aínda que o Governo opte neste momento pola intervención e a ilegalización dos partidos que apoian o referendo. A represión reforzará a conciencia nacional.

 

Neste contexto político, con retos tan importantes como o referendo catalán, hai que situar o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado Español por Unidos Podemos e o PSOE. Mais tamén, nun escenario no que o capitalismo está na súa etapa senil, polo que medran as contradicións entre clases sociais, aumenta a confrontación entre nacións polo crecemento das desigualdades, e colle pulo a abstención afectando especialmente a clase obreira e a mocidade. A isto cómpre sumarlle a desfeita ecolóxica, a destrución das identidades colectivas, e a inmensa fragmentación social poñendo o acento no individual e nunha visión cosmopolita. Porén, para alén destas cuestións, tamén pesa o seu que os mecanismos de control social do sistema, dende os partidos ate os medios de información e cultura de masas, comezan a non funcionar como esperaban as clases dominantes. O agromar de partidos populistas que cuestionan o sistema, aínda que sexa de xeito parcial, á dereita e á esquerda, e que a maioría da povoación se absteña, alí onde os partidos sistémicos teñen garantida a maioría institucional, como en Francia, son outro toque de atención. Non se pode governar con lexitimidade co 16% dos votantes, aínda que se gañen as eleccións grazas a un modelo feito á medida das maiorías sistémicas. Son procesos viciados que alentan a contestación social.

 

Que os dous principais partidos da oposición de ámbito estatal consideren que o Estado español está integrado por nacións é un paso adiante, unha conquista do nacionalismo catalán, vasco e galego. É verdade que non son valorados na mesma medida. Mais todos eles puxeron o seu grao de area para que a problemática se mantivese no tempo e que terminase por se impoñer como unha realidade incontestábel, aínda que nuns casos se faga por convencemento e noutros por practicismo. Que o feito nacional se recoñeza, primeiro, por parte de Unidos Podemos e despois polo PSOE, contribuirá a que nas nacionalidades históricas, esta caracterización correcta se estenda a sectores moitos máis amplos que o propio nacionalismo, e mesmo para alén das dúas forzas estatais que o aceptaron. E sobre todo, permitirá que o debate tamén se alargue a sectores do PP, a medida que parte da súa base máis popular vexa que é un tema que goza dun amplo consenso social. Agora ben, para que sexa así, para que estas declaracións de intencións teñan algún valor práctico, o nacionalismo ten que tomar a iniciativa. De non facelo, será unha postura circunstancial, ou unha resposta ao reto da independencia de Catalunya como perigo inmediato.

 

Que os dous principais partidos da oposición de ámbito estatal consideren que o Estado español está integrado por nacións é un paso adiante, unha conquista do nacionalismo catalán, vasco e galego

 

Neste aspecto, cómpre recoñecelo, o soberanismo galego organizado politicamente, non ten unha proposta clara neste intre. Polo tanto, carece de iniciativa estratéxica e de capacidade para aumentar a súa presenza social. Sen dúbida defende a lingua do país, a súa cultura, a súa historia, está presente na inmensa maioría das reivindicacións sociais e laborais (especialmente cando se trata do emprego, e dun xeito máis tímido cando se disputa o reparto dos ingresos). Ademais, nos congresos e actos simbólicos, defínese a prol da soberanía e da xustiza social. Porén, no cotiá, como se concreta isto en propostas estratéxicas e a medio prazo, no debate e na formación da conciencia, na mobilización, nas campañas que se sosteñan no tempo? Mais tampouco se pode esquecer que o nacionalismo galego ten por detrás unha historia de servizo ás clases populares, de mobilización, xestión e construción. Este é un valor que se debe manter vivo. No entanto, é na defensa da autoorganización a todos os niveis, onde o nacionalismo anticolonial foi quen de ter unha postura máis atrevida, malia os atrancos e cantos de sereas das organizacións de ámbito estatal. Trátase dun tema esencial, porque a capacidade de decidir, a soberanía, é básica para construír a democracia popular. Mais tamén para ligar correctamente os obxectivos coa folla de ruta, o concreto co xeral, e o táctico co estratéxico, para dar unha solución integral aos problemas das clases populares. A autoorganización é fundamental para conquistar a liberación nacional e social do povo galego.

 

No referente á cuestión nacional e á súa ligazón coa loita de clases, ten aínda vixencia a definición que fixo a UPG no seu primeiro Congreso. A soberanía concretábase nun Estado Galego, que se podería independizar ou confederar en función do desenvolvemento do contexto político (eu defendía a opción da independencia). Por certo, aqueles eran momentos máis propicios para a independencia nacional e o socialismo, debido á debilidade política do sistema durante a transición, á existencia dun campo socialista e dos países non aliñados, e á fortaleza do movemento obreiro e dos partidos da esquerda rupturista. Esta non é unha cuestión secundaria, especialmente dende unha postura de vangarda, porque ter en conta a conciencia colectiva, o estado de ánimo do povo e dos sectores máis avanzados, así como a correlación de forzas, é fundamental para todo proceso de cambio. E neste aspecto, aínda que con outras variábeis, o positivo do actual intre tan complexo é que ficamos, como na transición, de novo nunha conxuntura política (ou como dicía Gramsci nun “interregno”). Polo tanto, nun momento chave para tomar a iniciativa política e forzar os cambios. Un tempo histórico que esixe claridade de obxectivos, vontade política e atrevemento.

 

No referente á cuestión nacional e á súa ligazón coa loita de clases, ten aínda vixencia a definición que fixo a UPG no seu primeiro Congreso

 

As propostas políticas non deben ter só en consideración os obxectivos, senón tamén como conseguir a complicidade das clases populares, e como evitar que obvien o debate por considerar que non lles afecta directamente ou que son reivindicacións imposíbeis de conquistar. E neste aspecto, ligar as condicións de vida da maioría coa soberanía nacional e o tipo de sistema, é esencial. Foino sempre! Son problemáticas interdependentes. Mais hoxe, sono en maior medida, porque estamos nun contexto no que aumenta a explotación laboral, a marxinalidade, a emigración, no que retrocede o peso económico de Galiza e o número dos seus habitantes, e estase destruíndo o medio rural e a nosa cultura e lingua. Desde o meu punto de vista, isto implica que o fundamental para o nacionalismo é unir nun mesmo proxecto todos os que pensan que non se nos pode negar o dereito a decidir para poder vivir dignamente nun país con tantas potencialidades. Implica rexeitar a asimilación e negarse a aceptar como mal menor unha nación subordinada, como de xeito menos agresivo propón o PSOE e resulta igual de evidente na ambigüidade de Podemos. Significa loitar contra o derrotismo, e a falta de confianza nas propias forzas. Que se vexa que esta é unha loita polo futuro e universal. E para levar adiante esta tarefa, cómpre conseguir o apoio de todos aqueles/as que comprendan que a soberanía é esencial para eliminar a explotación laboral, avanzar nos dereitos individuais, construír a democracia popular, nacionalizar os sectores estratéxicos, potenciar formas colectivas de produción, defender os ecosistemas, etc. Nunha alianza así estaría a maioría social.

 

Cómpre conseguir o apoio de todos aqueles/as que comprendan que a soberanía é esencial para eliminar a explotación laboral, avanzar nos dereitos individuais, construír a democracia popular

 

O recoñecemento do carácter plurinacional do Estado por parte de Podemos e do PSOE é un paso positivo, mais non soluciona os problemas de fondo da nosa nación, ou sexa das clases populares galegas. Só debilita a tendencia dominante, que se mantén. Para reverter a situación é necesario un proxecto transformador e contar con capacidade para decidir, ben sexa a través da independencia nacional, ou dunha confederación de Galiza con Portugal, ou dunha confederación de nacións ibéricas, como propuña o Partido Galeguista. A práctica, a correlación de forzas, o contexto internacional, serán as que fagan máis factíbel concretar cal é a vía máis axeitada neste intre.

 

O importante é que a soberanía resida na nación galega, que os obxectivos para cada etapa e a folla de ruta permitan agrupar o máximo de forzas, de povo (sempre que sexa con obxectivos rupturistas, anticapitalistas, que cuestionen a globalización, a UE, a OTAN, o imperialismo). Logo, a praxe permitirá potenciar os acertos e realizar as rectificacións necesarias. Non debemos, nen podemos copiar acriticamente o que fai o soberanismso noutras nacións do Estado, con historia, peso económico, demográfico, e correlación de forzas internas moi diferentes dos nosos. É importante que o povo vexa que non obviamos a correlación de forzas, nen o tempo histórico, que temos propostas para todos os escenarios posíbeis, aínda que consideremos unhas máis positivas que outras. Ser nacionalista non é un acto de fe, senón un camiño para garantir a nosa identidade nacional, sermos ceibes, e construírmos unha sociedade xusta e solidaria. Por iso, e non casualmente, ten tanta vixencia a consigna: Galiza Ceibe, poder popular!!!

 

 

http://manuelmera.blogaliza.org/



x