Publicáronse estes días varios artigos en medios alternativos, referidos á enxeñaría das clases dominantes para evadir impostos. Coido que son de moito interese. É mágoa que non tivesen ningún eco nos medios de comunicación sistémicos, que son os amplamente hexemónicos no noso país. Os artigos en cuestión céntranse no papel dos paraísos fiscais e na fraude transfronteiriza do IVE na Unión Europea. Deixan ao descuberto que, en ambos os casos, as consecuencias son as mesmas. En poucas palabras: que os menores ingresos fiscais, ademais de incrementar a taxa de lucro das clases dominantes, son substituídos por unha maior presión impositiva sobre os salarios, autónomos e pequenas empresas (nesta orde), e unha redución dos servizos e prestacións públicas.

 

David Ruccio destaca nun artigo que o 63% dos lucros conseguidos polas empresas estadounidenses no exterior teñen a súa orixe en paraísos fiscais. Tendo en conta que nestes practicamente non existen empresas industriais e que normalmente a povoación é mínima, a fraude resulta máis que evidente. Unha valoración que se consolida cando se comproba. Os paraísos fiscais máis importantes son Irlanda, Países Baixos, Luxemburgo, Suíza, Bermudas e varias illas do Caribe, e Singapur. Non é algo secundario que a metade dos paraísos que contribúen á fraude fiscal nos Estados Unidos formen parta da Unión Europea.

 

Os paraísos fiscais máis importantes son Irlanda, Países Baixos, Luxemburgo, Suíza, Bermudas e varias illas do Caribe, e Singapur

 

No xornal dixital Rebelión, Yago Álvarez pon o acento na fraude do IVE transfronteirizo, que ten un custe de 50 mil millóns de euros por ano na recadación fiscal dos estados da Unión Europea. Neste artigo faise referencia á utilización da Illa de Man por parte dunha empresa para se aproveitar da laxa normativa da illa en relación ao IVE. Sen dúbida, é un aspecto a ter en consideración, que o autor considera que se podería solucionar cunha maior e máis áxil información entre os estados membros da UE. Semella neste caso unha análise algo simplista, que evita cuestionar o sistema. Ademais, non se pode ignorar que varios países que integran a Unión Europea, tal como denuncia David Ruccio, son “lavadoras” dos lucros obtidos polas grandes corporacións (e fortunas). Asemade, se o fan coas empresas norteamericanas, nada impide que o realicen tamén, e por mais razóns, coas que forman parte da Unión Europea cando se trata de países cunha unha taxa impositiva máis alta.

 

Pola súa banda, Pierre Lévy realiza consideracións que pretenden ir á raíz da cuestión, distinguindo os efectos (evasión, fraude) da orixe do problema. Lembra o autor que de pouco valen os “Paradise papers” como elemento de denuncia, e as promesas da Unión Europea contra as “prácticas fiscais agresivas”, cando despois o dumping fiscal acéptase como algo normal dentro da UE. E pregunta se “alguén lembra que antes da década de 1980 todo movemento de capitais estaba estritamente regulamentado e debía ser declarado?”. Sinala que, ademais da fraude ou da enxeñeira fiscal, que aproveita as fendas do sistema para non pagar impostos, o esencial é que todo este modelo se sustenta na explotación do traballo asalariado.

 

O capital utiliza todo tipo de trampas para non pagar impostos, ou facelo alí onde a presión fiscal é máis baixa, sexa cal for o lugar do mundo no que se obtiveron os lucros

 

Ademais da especulación financeira e da corrupción, o que nos din estes analistas económicos é que o capital utiliza todo tipo de trampas para non pagar impostos, ou facelo alí onde a presión fiscal é máis baixa, sexa cal for o lugar do mundo no que se obtiveron os lucros. Este fenómeno, para alén dos discursos cara á galería, é consentido pola inmensa maioría dos governos, cando menos en relación coas grandes corporacións e fortunas. Por se non abondase, hai unha competencia por rebaixar impostos (véxase a redución do 35% ao 20% que se aplica ás sociedades nos Estados Unidos), seguir aumentando a explotación laboral (como amosan as últimas reformas laborais en Brasil, Arxentina e Francia), e transferir recursos ás corporacións con mil argucias (a salvataxe do sector financeiro e a lei de fomento de iniciativas empresariais da Xunta de Galiza, por exemplo).

 

http://manuelmera.blogaliza.org/



x