Unha das novas que se converteu en recorrente nos principais medios de comunicación galegos, é o perigo que representa o norte de Portugal para o medre da economía galega e a xeración de emprego. Destacan que moitas empresas do noso país vense obrigadas a se trasladar alén do Miño, ben sexa porque alí o chan industrial é practicamente regalado, ou porque os custes salariais son máis baixos. Non cómpre ser moi espelidos para se decatar que razoamentos deste tipo teñen como obxectivo conseguir máis axudas públicas para a patronal e continuar premendo á baixa as condicións laborais, A comezar polos salarios. No entanto, están xustificados estes temores?

 

Non se pode negar que os salarios medios en Portugal son máis baixos que os galegos. Tamén o salario mínimo (557 €/mes fronte a 707). E que o solo industrial tamén é máis barato. Agora ben, mesmo así, todos os dados amosan que isto non condiciona o investimento, e que inciden moito máis outros factores: que os salarios sexan moito máis baixos, que exista persoal cualificado e unha boa infraestrutura, e un mercado interno potente (por exemplo en China, Brasil, Turquía, etc.). Concretamente, entre os anos 2005-2015, Galiza investiu en todo Portugal por valor de 285 millóns de euros, mentres o capital portugués no noso país ascendía a 532 millóns. Ou sexa, que quen terían que estar preocupados pola deslocalización empresarial son os nosos irmáns portugueses, malia ter uns salarios menores.

 

Quen terían que estar preocupados pola deslocalización empresarial son os nosos irmáns portugueses, malia ter uns salarios menores

 

A patronal galega, que non dá precisamente un exemplo de patriotismo, no período mencionado investiu fóra do Estado español por valor de 10.326 millóns de euros, mentres dende o exterior (sen incluír ao resto do Estado español do que non temos dados) chegaron só 1.682 millóns de euros. Dáse o paradoxo de que o principal investidor na Galiza é Portugal, mentres que para a patronal galega, este representa o décimo país de destino para o investimento, sendo o primeiro Estados Unidos con 1.882 millóns de euros, e, de seguido, Italia, Francia, Luxemburgo. Todos eles, estados cunha renda per capita e salarios máis altos. Só no sexto, sétimo e oitavo lugar aparecen Turquía, Brasil e Exipto

 

Asemade, esta dinámica favorábel no ámbito do investimento tamén se dá no comercio de bens e servizos, onde hai que destacar que Portugal é o noso primeiro cliente neste aspecto (fóra do Estado español). Por exemplo, no ano 2016 exportamos por valor de 2.547 millóns de euros e importamos por 1.924 millóns. E, o máis importante, non se trata dunha tendencia conxuntural, xa que o superávit comercial era igualmente significativo no ano 2000. Ou sexa que Portugal crea emprego neto na Galiza, tanto a través dos investimentos de capital como do comercio de bens e servizos.

 

Portugal crea emprego neto na Galiza, tanto a través dos investimentos de capital como do comercio de bens e servizos

 

En conclusión, as relacións con Portugal son especialmente beneficiosas para a economía galega, e polo tanto para o emprego. Teríamos que tratalas dun xeito especial, aloumiñalas. Non sucede así con respecto a outros estados, por exemplo con China, e no ano 2016 con Francia. E por suposto, o comercio é moi negativo coa OPEP, por mor das importacións de petróleo e gas. Con relación ao Estado español, que no ano 2011, segundo as táboas input-ouput representaba a metade do comercio exterior, non temos dados recentes. Este aspecto limita as análises. Falar do comercio exterior ou do movemento de capitais sen ter en consideración unha parte tan considerábel non permite tirar conclusións firmes sobre o estado da economía e as tendencias futuras. Os valores máis rigorosos son a evolución da povoación ocupada, as horas traballadas, e os ingresos salariais totais.

 

Agora ben, o que resulta difícil de entender, é que practicamente unha cuarta parte das exportacións no ano 2016 (excluíndo o Estado español) fosen produtos téxtiles: 5.287 millóns de euros. É dicir, case o mesmo que a produción de bens de transporte (automóbiles e barcos...). Máxime se temos en consideración que a povoación ocupada nesta actividade era de 13.300 persoas. Moi inferior ao sector do metal e naval, e pouco máis do 1% do total dos/as total que traballa. As cifras non casan. Algo semellante ao que acontece con Irlanda, que en poucos anos triplicou as exportacións e aumentou significativamente o PIB.

 

Tendo en consideración tantos aspectos en común, dende a historia, cultura e lingua, así como unhas transaccións económicas que nos son moi favorábeis, o lóxico sería potenciar ao máximo as relacións con Portugal. Especialmente coa rexión norte, mellorando as comunicacións e formando un forte polo económico, tanto no sector do automóbil, como na área téxtil, onde existen producións complementares. Sen dúbida Vigo e comarca, así como Ourense, serian as áreas galegas máis beneficiadas. Neste último aspecto, o alcalde de Vigo, do PSOE, merece un diploma de honor á ignorancia, pola carencia de perspectiva, polo seu españolismo rancio e localismo estreito. Non se cansa de poñer pexas ideolóxicas na construción dunha gran zona económica que uniría Ferrol con Porto, e tería o seu pivote en Vigo-Pontevedra, tanto polo excepcional porto da cidade olívica como pola súa centralidade xeográfica.

 

O lóxico sería potenciar ao máximo as relacións con Portugal. Especialmente coa rexión norte, mellorando as comunicacións

 

En realidade o sector do automóbil galego (e portugués) debería estar máis preocupado pola gran área de desenvolvemento que se está a construír en Tanxer, co apoio de China (uns 10 mil millóns de dólares de investimento). O proxecto pretende atraer 200 empresas e xerar uns 100.000 postos de traballo, especialmente do automóbil. Esta iniciativa aproveitaría o excedente de man de obra marroquí, e potenciaría o desenvolvemento cara África. O negativo, que se faga a costa da periferia atlántica europea, ou sexa, Galiza e Portugal, que hoxe cumpren ese papel subordinado. Evidentemente, prodúcese deste xeito porque este tipo de desenvolvemento é consubstancial co capitalismo, e ademais forma parte da confrontación entre potencias.

 

Hai outra saída máis racional e lóxica, tanto dende o punto de vista humano, como da defensa dos ecosistemas, que implica vincular a loita polos intereses nacionais cun sistema económico e social xusto, solidario, sustentábel e autocentrado. Ou sexa, superar o capitalismo mediante un sistema que reparta equitativamente traballo e riqueza. Chamémoslle socialismo, respecto á soberanía das nacións, relacións en pé de igualdade. A esta altura da humanidade, cos inmensos avances científicos e técnicos, poderíase realizar unha redución da xornada laboral e así incorporar todos e todas ao traballo, e garantir a total protección das persoas que por distintas razóns teñan algunha limitación ou relación de dependencia. O lector/ra que me siga nesta columna dirá que son teimoso sobre estes aspectos. É verdade. Mais non hai outra saída para a humanidade, e polo tanto para a nosa nación, que sofre unha colonización secular. Non somos un caso aparte. Só contribuímos, como os demais povos, á riqueza da humanidade. Por iso, somos tan importantes e necesarios, tan distintos e iguais.

 

http://manuelmera.blogaliza.org/

 



x