Os resultados das eleccións municipais en Portugal veñen ratificar a corrección das políticas anti-austeridade, que o Partido Socialista (PS) se vira forzado a pactar co Partido Comunista Português (PCP) e máis o Bloco de Esquerda (BE). As concesións que fixo garantíronlle a Antonio Costa ser nomeado Primeiro Ministro en decembro 2016, impedindo que Passos Coelho, de centro dereita (PDS), se mantivese no cargo. Téñase en consideración que o actual Presidente do país, Marcelo Rebelo de Sousa (elixido en marzo 2016), está ligado ideoloxicamente ao PDS, polo que existe unha cohabitación, ou reparto do poder. Ademais, cómpre lembrar que durante o governo de José Sócrates (2005-2011), o PS aplicou todas as receitas de axuste propostas pola Comisión Europea e máis o BCE, e tendo finalmente que demitir por unhas acusacións de corrupción, polas que foi condenado.

 

Porén, para alén da satisfacción inicial polo retroceso da dereita, cando se analiza o reparto dos votos entre as candidaturas de esquerda e da socialdemocracia, compróbanse fondas diferenzas. Mentres que os resultados do PS son os esperados, os conseguidos polo PCP e BE están por debaixo da súa contribución á mellora da situación económica, creación de emprego, e das medidas laborais e sociais en beneficio das clases populares. Este é un aspecto que non se pode obviar, máxime cando o PCP e máis o BE non entraron no goverrno e mantiveron durante este período, especialmente os comunistas, a mobilización social para forzar cambios e avances en moitas cuestións.

 

Cando se analiza o reparto dos votos entre as candidaturas de esquerda e da socialdemocracia, compróbanse fondas diferenzas

 

Vexamos. O PS medrou un punto sobre as eleccións de 2013 (nas que xa fora a forza máis votada), obtendo agora rente dun 38% e 158 alcaldías (en 2013 foron 150), a costa do PCP. Este, pola súa banda, perdeu un punto porcentual, acadando un 10,09% dos votos. O BE sempre tivo pouca dimensión nas eleccións municipais. Non ten alcaldes/sas en ningún municipio, e conseguiu un pequeno avance até 3,3% dos votos (2,42% en 2013). Se analizamos o proceso nun período máis longo, os resultados dos tres partidos non sufriron variacións salientábeis, punto arriba punto abaixo. O máis significativo foi a perda, por parte do PCP, de dez alcaldías, ficando agora con 24. Algunhas das que perde son tan importantes como Almada, Beja, Peniche ou Barreiros.

 

Sen dúbida, os resultados das eleccións municipais serán analizados polo miúdo, tanto polo PCP como polo BE. No primeiro caso, os votos non se corresponden coa numerosa e activa militancia, e coa súa fortaleza no movemento de masas, especialmente no ámbito sindical e municipal. No segundo, reflicte a súa incapacidade para trasladar o éxito das xerais ao eido local e ao movemento sindical, debuxando unha forza superestrutural, dependente dos medios, e dos éxitos e fracasos dos “socialistas”. O medre da economía, a creación de emprego, e as melloras sociais, consecuencia das esixencias da esquerda para un pacto co PS, foron avances que rendibilizou este último (o social-liberalismo, a perna esquerda do sistema). Non se pode obviar que as eleccións municipais están moi influenciadas por cuestións locais, e condicionadas polas persoas que se presentan como cabeza de lista. Mais, que o PCP perda dez alcaldías, e que o BE se manteña como unha forza residual nos concellos, amosa ser unha tendencia xeral. Máxime cando se toma en consideración a iniciativa parlamentar de ambas as forzas, e o esforzo mobilizador do PCP e da CGTP durante este período.

 

O medre da economía, a creación de emprego, e as melloras sociais, consecuencia das esixencias da esquerda para un pacto co PS, foron avances que rendibilizou este último

 

Segundo algúns analistas, os resultados levarán a que as esixencias dos comunistas sobre o governo sexan máis duras. Aínda que semella desbotada unha moción de censura. Esta postura parece confirmada pola convocatoria de folga no sector público para o vindeiro 27 de outubro, que ten como obxectivo o aumento dos salarios, a xornada laboral de 35 horas para todos os traballadores/as do Estado, e o pagamento de horas extras. Este paro ten o apoio tamén do BE, e coincide no tempo co debate en relación á redución da contribución do 0,25% do salario da cota sobre asistencia sanitaria (ADSE).

 

O apoio á folga no sector público non parece algo conxuntural, xa que ambas as forzas se reafirman na necesidade de aproveitar a composición do Parlamento para conquistar novas medidas favorábeis ás clases populares, facendo moito énfase os comunistas na mobilización ligada as reivindicacións concretas: “O Comité Central do PCP sublinha a necessidade de se ir mais longe na resposta aos problemas e aspirações dos trabalhadores e do povo português. Nada justifica que se continue a resistir ao necessário aumento dos salários, particularmente à fixação do salário mínimo nacional em 600 euros em Janeiro de 2018, cujo impacto, seja na melhoria das condições de vida, seja no incremento da actividade económica, seja nas receitas para a Segurança Social, é de um enorme significado. Da mesma forma, o PCP bate-se pelo aumento das pensões e reformas como instrumento de recuperação de poder de compra perdido ao longo de mais de uma década, pela melhoria da protecção social no desemprego, pelo aumento do investimento público – saúde, educação, transportes, habitação, infra-estruturas, ciência, floresta, cultura – dinamizando a actividade económica e a resposta a graves carências, pela justa tributação do grande capital e alívio das camadas da população com mais baixos rendimentos, pela revogação das normas gravosas da legislação laboral.” (http://www.avante.pt/pt/2288/emfoco/147082/).

 

Teremos que formularnos máis preguntas sobre os límites da vía institucional nesta etapa do imperialismo

 

Falta media lexislatura para as vindeiras eleccións xerais. O tempo dirá se as rectificacións na táctica e nos métodos de traballo, por parte do PCP e do BE, permiten que, ademais de ser forzas esenciais para a mellora das condicións de vida das clases populares dentro dos muros impostos polo sistema, tamén se fortalezan como suxeitos políticos que podan conquistar cambios máis profundos. E neste aspecto, o Partido Comunista debería ter un rol central. De non se dar avances na presenza social e nas institucións á esquerda do PS, todos e todas teremos que formularnos máis preguntas sobre os límites da vía institucional nesta etapa do imperialismo (o capitalismo globalizador e neoliberal), mesmo estando asociada á mobilización popular. Se cadra, teñamos que debater daquela con maior intensidade: que tipo de mobilización, a importancia da formación e da comunicación, o papel central do protagonismo das clases populares, o carácter do suxeito transformador... Sería de moito valor que os procesos en Portugal e Cataluña deran resposta a boa parte destas preguntas (na práctica e positivamente) .

 

http://manuelmera.blogaliza.org/



x