Para alén das distintas hipóteses sobre os resultados electorais nos Estados Unidos e Austria, ou os referendos en Gran Bretaña e Italia, é evidente que o modelo económico e social está desacreditado. A oposición social ao sistema que se expresa é moi forte, aínda que se poda cuestionar que a opción política escollida sexa a acertada. Co argumento da competitividade, especialmente en Occidente, aumenta a explotación laboral, diminúen as prestacións públicas, e medra a desigualdade, a corrupción, a violencia e a economía delituosa. Está roto o contrato social; así chamado pola esquerda sistémica. Asemade, a confrontación entre potencias vai a máis, así como a fractura interna dentro do mundo empresarial cos sectores afectados negativamente pola globalización e a economía de escala.

No centro destas contradicións principais sitúase o reparto da riqueza e do poder. Daquela que os favorecidos polo sistema, potencias e clases, consideren as eivas conxunturais e teñan como única alternativa acelerar a globalización. Mentres que os afectados negativamente, que se multiplican co paso do tempo, queren frear e reconducir a situación, que saben por experiencia que irá a peor. Nesta etapa do capitalismo, non é posíbel unha síntese que poda satisfacer ambas as partes, xa que a centralización e concentración, que xa é inmensa, non se pode deter ou regular sen un cambio sistémico. Non é posíbel mellorar (fortalecer) o capitalismo e á vez construír un sistema alternativo. E esta é unha premisa válida en todos os ámbitos, mesmo nos máis básicos, como o municipal ou o da empresa.

No centro destas contradicións principais sitúase o reparto da riqueza e do poder

O cerco militar a Rusia e China, a destrución de países como Siria, Libia, Iraq e Afganistán, o bloqueo a Cuba e a inxerencia en Venezuela, os golpes de estado de novo tipo en Honduras, Paraguai, Ucraína, Brasil, etc, son a expresión máis aguda das diverxencias entre potencias, e da perda de contido da democracia cando está ao servizo do capitalismo. Ademais, a competencia entre países, seica co obxectivo de garantir o emprego, deu azos á precariedade e á rebaixa dos salarios en beneficio do sector máis concentrado do capital. Consolidouse deste xeito un reparto regresivo como tendencia dominante, en prexuízo das nacións dependentes e das clases subordinadas, que se manifesta tamén con moita forza na periferia máis próxima do centro do sistema.

Ningún dos partidos sistémicos, coa vella ou a nova política, ten propostas que impliquen melloras reais para a maioría, nen sequera mantendo a estratificación actual. Nen as medidas de axuste, esmagando os de abaixo, nen as expansivas (keynesianas), favorecendo aos sectores máis marxinados e realizadas a costa de socializar unha parte dos ingresos da clase traballadora, permitiron consolidar o crecemento e o emprego para alén do conxuntural. Só algunhas das potencias, que parten de estándares sociais máis baixos, como China, parecen poder manter o desenvolvemento económico e social.

Ningún dos partidos sistémicos, coa vella ou a nova política, ten propostas que impliquen melloras reais para a maioría, nen sequera mantendo a estratificación actual

As fortes contradicións entre os partidos defensores do capitalismo e o medre do “populismo de dereita” non obedecen a un aumento da sensibilidade social, nen ecolóxica, nen democrática, nen a un maior sentimento nacional. Son consecuencia de que unha fracción das clases dominantes cada vez máis ampla vai quedando no camiño, e a que o povo descontento se sente orfo de opcións liberadoras. Polo tanto, os cambios nesta etapa, mesmo os máis modestos, como sempre sucedeu, terán que ser produto da loita das ideas, da mobilización e organización popular, e da ruptura coa globalización neoliberal. Daquela, é básica a nacionalización de sectores fundamentais como banca e seguros, enerxía e telecomunicacións. Sectores controlados polas grandes corporacións mais que dependen do mercado interno. É esencial desenvolver economías autocentradas e sustentábeis, onde o sector público sexa central, e outras formas de economía social teñan un papel destacado. Claro que, para avanzar nestes aspectos, cómpre abrir o debate sobre as cuestións estratéxicas, sobre o carácter do capitalismo e como podemos construír un sistema superior. Chamémoslle socialismo.

http://manuelmera.blogaliza.org/



x