É moi cedo para facérmonos unha idea definitiva sobre o panorama político que se vai consolidar nos vindeiros anos en Cataluña. Podemos prever que a aplicación do artigo 155 pode acelerar este proceso, xa que será visto por unha maioría como unha ocupación ou inxerencia exterior. Polo tanto, non se pode desbotar que nun futuro próximo podan conquistar a independencia. Mais tampouco, que se intensifique a recentralización, ou que se impoña unha saída federal cosmética, se o independentismo fica ensimesmado no declarativo e testemuñal, ignorando a desfavorábel correlación de forzas actual (que vai para alén do institucional e da capacidade mobilizadora), e se non responde con acerto ao atranco das eleccións autonómicas do vindeiro 21 de decembro.

 

A convocatoria electoral polo Governo central non é casual. Nen se fai por razóns democráticas, nen por respecto á autonomía ou ao povo catalán. Os antecedentes máis inmediatos amosan que, se fixese falla e houbese condicións, o PP suprimiría as autonomías e utilizaría o exército. Porén, eliminar as autonomías non é tan doado (mesmo naquelas comunidades que nunca pensaran en selo, e que carecen de movementos soberanistas). O certo é, que hoxe abóndalles co poder xudicial e as forzas policiais. O resto da centralización españolista conséguena a través da globalización neoliberal e do afastamento do povo do poder institucional, económico e dos medios para crear conciencia colectiva.

 

A convocatoria electoral polo Governo central non é casual

 

O motivo real desta convocatoria semella estar relacionado co temor a se atopar fronte a unha oposición civil masiva que afronte a intervención da autonomía como unha ocupación estranxeira. Lembremos que en Cataluña, o soberanismo vai para alén do independentismo e atinxe un 60-65% da povoación segundo as enquisas. Trataríase polo tanto, de reducir os custos de imaxe para o partido de Rajoy e os seus aliados (PSOE e Ciudadanos), especialmente cara o exterior. E de paso, non deixar demasiado en evidencia, que o Estado das Autonomías hai décadas que se baleirou de contido no económico, e agora coa aplicación do 155, tómase unha medida exemplarizante que amosa os limites do Estado das Autonomías no plano administrativo (e democrático).

 

Polo tanto, malia que españolismo, especialmente o de dereita, está esixindo a berros a represión da República Catalá con man dura e con amplitude, non penso que o Estado actúe con arroutadas nun tema de tanta transcendencia. Deixarse levar pola turba españolista (aínda minoritaria) pódese volver en contra do Governo central se hai mortes. Máxime no marco dunha represión violenta contra a sociedade catalá que está a prol da independencia, ou contra aqueles que coidan que poder decidir libremente o futuro do seu País é un dereito democrático. Todo reflicte que a represión será singularizada e alongarase no tempo, para tratar de reducir a resposta, e que ademais non deixe de ser exemplar. Como por outra parte faise dende sempre contra o movemento obreiro, algo que moitos esquecen ou xa ollan como algo normal.

 

Todo reflicte que a represión será singularizada e alongarase no tempo

 

Ao motivo anterior, entendo que debemos engadir outra razón, máis táctica nas formas, porén con consecuencias estratéxicas importantes no político. Refírome a que se procure, con esta convocatoria, colocar o independentismo nun escenario totalmente distinto, que non ten debatido, e para o que debe convencer a súa base. Debe facelo con argumentos que non impliquen unha renuncia á loita pola independencia, nen unha postura derrotista. De non facelo así, poden perder unha parte importante do apoio social, ou fragmentalo entre distintas opcións relacionadas coa vía que debe adoptar diante deste novo reto.

 

Todo fai pensar que a convocatoria e a data xa estaban pactadas con Ciudadanos e co PSOE, xa que, de non ser así, dados os limitados prazos para formar as candidaturas e debater alianzas electorais, só beneficiaría ao PP, en prexuízo dos seus aliados. Estas forzas non protestaron e están contentes a rabiar. Por algo será? O optimismo que transmite Pedro Sánchez, dando por seguro que os independentistas perderán a maioría, así o demostra. Ademais, isto é un exemplo de que a divisoria entre dereita e esquerda nos partidos sistémicos, é simplemente retórica. Esta convocatoria urxente, feita á medida destes partidos, tamén se pode considerar como un golpe de estado, xa que xogan con vantaxe. Unha cualificación que, por certo, utilizaron eles e os medios sistémicos para caracterizar o referendo do pasado 1-O, sen razón.

 

Imaxinemos por un intre, un escenario no que o independentismo catalán, ou unha parte del, decide non se presentar a estas eleccións. Existe a posibilidade de que a estas autonómicas acudan máis electores que aos referendos realizados a iniciativa do independentismo. Daquela, o Parlamento tería garantida a súa lexitimidade formal. De ser así, aínda que a abstención fose moi grande, un futuro Governo anti-independentista, e mesmo anti-soberanista, podería utilizar esta institución (ademais do Estado central, e dos medios de información) para cercar con maior efectividade o movemento social soberanista durante os vindeiros anos, e reducir a súa presenza. Non é unha cuestión menor.

 

Existe a posibilidade de que a estas autonómicas acudan máis electores que aos referendos realizados a iniciativa do independentismo

 

Sen dúbida, o movemento social en Cataluña é moi grande e con capacidade mobilizadora. Cando menos, en determinadas circunstancias e momentos, e sobre determinadas cuestións. Tamén é evidente que a maioría da sociedade catalá esta indignada co trato que reciben dos medios, dos cargos políticos e “personalidades” do resto do Estado. Abriuse unha fenda que traballa contra esta unión forzada imposta mediante a conquista. Porén, mesmo neste contexto tan agresivo, hai moitas persoas en Cataluña que apostan polo unidade co Estado español. Esta realidade non é descoñecida polas clases dominantes. E non se pode pensar que carece de proxectos para aumentar ao seu favor a correlación de forzas social en Cataluña. Hai povo, tanto a prol da independencia, como contra dela. Isto non se pode obviar. Mais as clases dominantes están, como bloque, do lado da globalización e da unidade en dependencia imposta polo Estado español, mesmo a costa de que o povo catalá (e a súa economía e cultura) teña un papel subalterno. E esta é a diferenza cualitativa.

 

Resulta evidente que os partidos sistémicos (PP, PSOE e Ciudadanos) puxeron en xogo dúas medidas que son complementarias, e que poden ter percorrido de se impoñer a vía da sutileza nas formas, sen renunciar á man dura no singular (cargos institucionais, dirixentes políticos e sociais). A primeira, como se dixo, é a convocatoria de eleccións inmediatas, intentando que o independentismo (sobre todo unha parte del) non concorra. Ao mesmo tempo, avanzar nunha reforma constitucional que recoñeza as nacións do Estado, reforme o Senado (mesmo poderían levalo a Barcelona) e transferir algunhas competencias de orde cosmética, que non rachen a unidade do mercado no económico e no laboral (que é o fundamental para a concentración e centralización do poder e da riqueza, mais tamén da cultura e das identidades nacionais). Deste xeito intentarían atraer á parte máis moderada do independentismo, que non está por dar longas batallas, e que sabe que estas terminarían por radicalizar o proxecto inicial tamén no ámbito laboral e social. Estes cambios cosméticos serían presentados como cesións por uns, e como garantía de unidade perpetua no futuro, por outros. Polo tanto, axudarían a buscar un novo nexo con amplos sectores das clases medias acomodadas de Cataluña. Non se pode desbotar que este sexa un dos escenarios posíbeis.

 

Os partidos sistémicos (PP, PSOE e Ciudadanos) puxeron en xogo dúas medidas que son complementarias

 

O outro escenario, é o da represión e da marxinación de todo o independentismo, utilizando todos os medios (ilegalización de partidos), mesmo en paralelo coas medidas anteriores. Mais de ser así, estarían alimentando na sociedade catalá a percepción da represión xeneralizada, da falta de sensibilidade diante da identidade deste povo. Darían azos á contestación, dinamitarían as pontes necesarias para reconstruír a unidade (mesmo como eles sempre a entenderon, desigual e funcional ao centralismo). Esta liña daría pulo ao independentismo e a unha resposta máis radical. Alimentaría na conciencia social a idea de que toda medida que se tome en Madrid procura impoñer e usurpar, e convertería os que apoien a unidade subalterna con España, en colaboradores co agresor.

 

Agora ben, sexa cal for a estratexia adoptada polas clases dominantes (que constitúen a cabeza do imperialismo español), para avanzar na liberación nacional tamén fai falla unha organización sólida, férrea, integrada por milleiros de persoas curtidas na organización e na loita. Ou sexa, cómpre un partido de clase. Existe un partido así en Cataluña? Se cadra estou trabucado, e o tempo demostra que non era necesario. Mais coido que, máis unha vez, esta será unha das eivas fundamentais desta etapa histórica. É un aspecto sobre o que podemos incidir directamente. O suxeito político acaido é fundamental para superar os atrancos do momento, mesmo para acertar en cada intre coa táctica axeitada, en valorar axeitadamente a correlación de forzas, o contexto internacional. Ou sexa, en saber acumular pacientemente nuns casos, e en ter a axilidade do tigre, noutros.

 

De non existir un partido así, pódese construír. Mais para iso, cómpre telo como un obxectivo prioritario. Por que afirmo isto? Porque manter a tensión nas empresas, nas escolas, e na rúa, durante anos, dun xeito efectivo, que responda a un plano que combine o táctico e estratéxico, necesita dunha base social moi unificada e organizada. Nas sociedades pouco desenvolvidas, isto podía garantirse coa identidade colectiva, a nación. Mais nas sociedades actuais, na maior parte dos países, ademais do aspecto identitario, alí onde este se ve agredido, o único outro factor que forma parte da vida cotiá da maioría é a cuestión laboral. Só unindo ambas contradicións cotiás, que abranguen a maioría social, é posíbel crear unha forza consistente, e que sexa atractiva para alén da conxuntura. Traballo e identidade afectan ás persoas en todos os ámbitos da súa vida nas nacións dependentes. Evidentemente, a liberación nacional e social só é posíbel cun carácter de clase e popular. E debe sumar ao proxecto, outros aspectos esenciais, como a democracia popular, a igualdade a todos os niveis, a cuestión ecolóxica, a paz, a solidariedade entre os povos, etc.

 

Ademais do aspecto identitario, alí onde este se ve agredido, o único outro factor que forma parte da vida cotiá da maioría é a cuestión laboral

 

Volvendo á cuestión das eleccións en Cataluña. Coido que a mellor resposta aos planos que teñen os partidos sistémicos é que o independentismo catalán se presente ás eleccións do 21 de decembro, que lles dispute a maioría parlamentar e que intente aumentar a súa representación. Debe ampliar as súas alianzas coas clases populares. Se o consegue, podería reafirmar a independencia e a República a través da Generalitat, tomándose os tempos necesarios para darlle maior forza social á proposta, e colocando o Goberno español (e os partidos aliados nesta confabulación) nunha situación difícil, deslexitimando as institucións das que este se vale, por exemplo o poder xudicial. Ademais, esta postura non é incompatíbel (máis ben axuda) coa mobilización nas rúas en defensa da República Catalá, da denuncia da represión e ocupación do País, da esixencia de liberdade das persoas detidas e da nulidade das imputacións por exercer o dereito a decidir do povo catalán.

 

Tampouco é secundario incidir no debate aberto sobre o chamado Estado das Autonomías, malia os seus límites, e as relacións con outras forzas do mundo. Non é igual o recoñecemento dun estado plurinacional, aínda que non implique que sexan suxeitos de dereito con capacidade de decidir, que negar o feito nacional. Son pasos adiante, malia que teñan unha carácter formal, e non muden o proceso de centralización e concentración do poder e da riqueza. A cuestión básica é contar sempre co nivel de conciencia e o estado de ánimo das clases populares, e que o proxecto, ademais de obxectivos estratéxicos, conte cunha folla de ruta e metas acaídas para superar cada fase. E cando se cometen erros, ou medimos mal a conxuntura ou a correlación de forzas, saber dar un paso atrás, rectificar, recompor forzas e mensaxe e gañar maior impulso. Niso consiste a praxe revolucionaria.

 

A cuestión básica é contar sempre co nivel de conciencia e o estado de ánimo das clases populares

 

Na correlación de forzas actual, para alén do xusto, do digno, e do que nos gustaría, o fundamental é non ceder ningún espazo de poder dende o que se poda condicionar a vida dos povos oprimidos e das clases explotadas. Presentarse ás eleccións autonómicas convocadas por Rajoy non é un paso atrás en política. E de selo, é necesario para tomar novo impulso e seguir avanzando. A menos que se conte neste intre coa forza social e militar necesaria, e con arroupe internacional, para rachar definitivamente con esa dependencia. Non é o caso. Se cadra, en cinco ou dez anos sexa posíbel esa vía, máxime tendo en consideración as múltiples contradicións, os cambios tan rápidos, que está a vivir o mundo nesta conxuntura da etapa senil do capitalismo,

 

http://manuelmera.blogaliza.org/



x