Saltar ao contido
6:20 h. Quinta feira, 02 de Outubro do 2014

Opinión

Manuel Mera

Manuel Mera

Director da Fundación Moncho Reboiras. Foi presidente da CIG.
Vota:

O positivo e negativo da liorta entre Feijóo e Beiras

Durante varios días os medios de comunicación destacaron o rifi-rafe entre Núñez Feijóo e Xosé Manuel Beiras, por mor dun ataque sen fundamento contra o líder de Anova, feito polo Presidente da Xunta cando estaba a contestar unha intervención do BNG. Beiras non desaproveitou o momento para responder esta agresión verbal e ademais polarizar nel a oposición ao Partido Popular. Foi unha contestación cunha escenificación que recolle o sentir dun sector moi grande da sociedade, especialmente da base histórica do nacionalismo galego e dos non votantes. Coido que este tipo de dinámicas non están de máis no Parlamento, xa que rachan co cinismo do chamado protocolo parlamentar, que no pasado se ten levado a estremos nos que as posturas máis distantes semellaban un debate de compadres. Neste aspecto X.M. Beiras está a facer unha contribución positiva para que o Parlamento Galego conecte co estado de ánimo da xente. 

O líder de Anova sabe dar expresión comunicativa á confrontación parlamentar como ninguén, e ademais evitar que o sangue chegue ao río. Outros deputados/as de AGE que quixeron facer outro tanto realizaron exposicións descontextualizadas ou agresivas, por iso foron desistindo dese tipo de contestación. Beiras sabe onde se deter, non está por destruír o parlamentarismo, por máis que o descualifique e afirme que o cambio está na rúa, xa que se isto fose certo non tería rachado con tantas cousas para volver a ocupar un escano. Teríase adicado ao sindicalismo, ao movemento veciñal ou a dinamizar e dirixir calquera outra entidade de base. Coido que é evidente que el está onde quixo e quere, e que considera o Parlamento o lugar onde se xoga un papel político  con repercusión social. A loita social é fundamental para os cambios, porén non todos están dispostos a formar parte dunha andaina tan sacrificada e pouco mediática.

"A loita social é fundamental para os cambios, porén non todos están dispostos a formar parte dunha andaina tan sacrificada e pouco mediática".

Agora ben, ademais desta primeira reflexión sobre esta dinámica repetitiva de confrontación persoal, cómpre facer as seguintes matizacións:

a) Non se pode ignorar que a iniciativa provocadora das escenificacións con repercusión mediática das confrontacións entre Núñez Feijóo e Beiras está na dereita españolista. E dáse en momentos nos que esta pretende desviar a atención dalgún tema candente, e o BNG está realizando unha oposición contundente. Hai que supor que é así porque lle favorece á estratexia do Partido Popular, e polo tanto á fracción máis conservadora das clases dominantes.

b) O conflito non se escenifica no concreto por mor do enfrontamento sobre un tema social, económico ou nacional, que atinxa as clases populares, senón por inxurias ou descualificacións en relación ao adversario político. A cuestión colectiva fica nun segundo plano diante da honorabilidade do líder. O feito de que este abandone o hemiciclo, unha e outra vez, reforza o protagonismo persoal e esta idea na conciencia colectiva. E, como remata en retorno, ao final resulta evidente que non hai alternativa ao parlamentarismo, e que ademais reaxe por arroutadas. Sobre esta interpretación traballa a dereita a medio prazo, sabendo que nun principio o anoxo social acolle ben esta resposta individualista, xa que non ofrece resultados. Moi distinto sería que esta contestación da oposición se fixese con centos ou milleiros de persoas nas portas do Parlamento, coas tribunas ateigadas de convidados, e por razón do debate sobre a reforma laboral, despedimentos, roubo das preferentes, ou calquera outra agresión contra o pobo. 

c) A estratexia parlamentar que está a empregar AGE amosa que carece dunha ampla base militante organizada, polo que se ve obrigada a acudir acotío á figura de Beiras e ao ámbito institucional. A súa grande referencia social, CC.OO., máis que unha alternativa de cambio é paradigma do pacto social e da reforma dentro do sistema capitalista, polo tanto non é presentábel como exemplo. Agora ben, acumular base social deste xeito ten as súas hipotecas, porque modela o proxecto político a imaxe do líder e do marco institucional, e non do partido e do protagonismo da clase traballadora como colectivo. Unha eiva que as clases dominantes alentan a través dos medios de comunicación hexemónicos, porque saben que de non superar esta limitación será unha alternativa conxuntural, electoral, e sen capacidade de cuestionar o sistema, por máis que o verbo sexa moi aceso.

"Acumular base social deste xeito ten as súas hipotecas, porque modela o proxecto político a imaxe do líder e do marco institucional"

d) É evidente que o BNG semella atrapado nesta confrontación dialéctica, tanto consecuencia da fortaleza comunicativa de Feijóo e de Beiras, que a ambos lles beneficia, como do interese das clases dominantes de colocar neste escenario a confrontación política. Porén a organización frontista ten moitas fortalezas para impoñer a súa propia dinámica política, cando menos en moitos momentos e lugares. Ante todo, porque é a forza nacionalista cun programa máis claro en relación á ruptura democrática, tanto na proposta da liberación nacional e defensa da identidade, como no papel determinante das clases populares, a igualdade de xénero, a protección do ecosistema, e a democratización da sociedade. Aínda que debe seguir avanzando, por exemplo, na relación entre clase e liberación nacional e no tema da UE, dado que é un lousa sobre a economía e o imaxinario colectivo (especialmente cando un 72% das persoas no Estado español valora negativamente a Unión, e dentro desta non hai soberanía posíbel para as clases populares). En segundo lugar,  xa que está presente nas loitas máis importantes contra a opresión e explotación en todas as súas formas. Un terceiro aspecto é que, malia os abandonos, o BNG segue a ser a organización con maior número de cadros e militantes organizados e capacidade de convocatoria, como se reflicte en cada unha das asembleas e actos que realiza. Neste último aspecto, para alén da boa vontade, as demais forzas do nacionalismo ou da esquerda estatal son anecdóticas, polo momento.

"Malia os abandonos, o BNG segue a ser a organización con maior número de cadros e militantes organizados e capacidade de convocatoria"

e) O nacionalismo anticolonial, o BNG, debe aproveitar mellor estas potencialidades, que ademais son esenciais para a transformación do país, dándolle aínda maior protagonismo á loita social e ao traballo colectivo, fronte ao ámbito institucional e á concentración do poder e da imaxe pública da organización nuns poucos dirixentes. As reflexións feitas nas últimas asembleas van no camiño correcto, mais non abonda. Os cadros e dirixentes de masas teñen que ter un maior peso no ámbito político e no imaxinario da xente. Ademais deste xeito, a fronte estará máis achegada na praxe, nos modos e na imaxe á base social. Coido que este aspecto tamén é esencial nas institucións, por exemplo, en cada momento e segundo de debate debe primar a persoa máis acaída, non a distribución orgánica para o período de tarefas e responsabilidades. O frontismo non fica nas mellores condicións para unha guerra de posicións, senón para facer unha guerra de guerrillas, e neste aspecto a mobilidade e iniciativa son fundamentais, así como o traballo colectivo en relación co individual.

f) Por último, resulta evidente que existen varios planos políticos distintos. Un primario, esencial, de defensa da nosa identidade e lingua nacional, de condicións de vida e traballo dignas, de dereitos democráticos básicos, que necesita da máxima unidade social para a mobilización. A unidade nestes casos será sobre cuestións moi básicas e non sempre serán as mesmas forzas, aínda que é fundamental que as alianzas se manteñan e que a contestación sexa constante. Hai outro chanzo de unidade máis alto, cun carácter máis estratéxico, como o representado pola necesidade dunha fronte anticolonial, defensora dos intereses populares. Todos estes espazos comúns, sobre programas e camiños acordados, son plurais no ideolóxico e polo tanto lugares de unidade e debate, é dicir, con  activistas e simpatizantes formados e capaces de traballar sobre un programa común sen negar ou ignorar as diferenzas. E por último, o partido (ou partidos) é esencial para a liberación da clase traballadora, para rematar definitivamente coa opresión e explotación en calquera das súas formas. 

"O partido (ou partidos) é esencial para a liberación da clase traballadora, para rematar definitivamente coa opresión e explotación en calquera das súas formas"

En resumo, todo reflicte que tanto Núñez Feijóo como Beiras séntense cómodos nesta confrontación, que deixa nun segundo plano nos medios de comunicación as demais alternativas. Deste xeito, Feijóo consigue aparecer como un “home común” da dereita sensata, enfrontada ás “arroutadas dun intelectual da burguesía acomodada”. O primeiro frea a caída de votos ou alenta a abstención, para manter as cotas de poder das clases dominantes. O segundo recolle o descontente social, sen abrir paso a que a clase traballadora se converta en protagonista da liberación nacional e social. Que estes debates, en certos aspectos positivos, xa que reflicten os límites do parlamentarismo, perdan ademais todas as consecuencias negativas ás que facía referencia, depende de Beiras, mais especialmente do nacionalismo anticolonial. Concretamente, da capacidade deste último para utilizar todas as súas fortalezas que son moitas e, sobre todo, de comprender en cada momento o estado de ánimo da xente. 

http://manuelmera.blogaliza.org/

Outros artigos
Outras voces