Resulta evidente que coa convocatoria do referendo catalán aumentaron as contradicións no Estado español, en prexuízo das clases dominantes. Hai quen coida dende a esquerda, nunha análise algo mecanicista, que son confrontacións que se dan no seo da burguesía, ignorando que ficamos nunha etapa na que o imperialismo está no seu máximo desenvolvemento, e supera o marco nacional, especialmente cando non se trata de grandes potencias. Segundo esta análise simplista, trataríase de diverxencias menores, que terían como un dos seus obxectivos colocar nun segundo plano a contradición fundamental, a de clase. Claro que, para que isto fose así, o proceso de independencia en Catalunya debería estar dirixido pola burguesía catalá. Mais os grandes grupos empresariais desa nación traballan arreo para manter a unidade co Estado español. Asemade, todo indica que Ciudadanos é un axente creado ex professo polas clases dominantes catalás, dada a deriva de PDeCAT e a pouca credibilidade do PP en Catalunya.

 

Que existan sectores do pequeno e mediano empresariado que se manifesten a prol da soberanía, non é unha expresión máis da transcendencia do aspecto identitario en todos os estratos sociais, e da importancia que para este segmento da sociedade ten fortalecer a economía local. Mais, non debemos esquecer que a súa capacidade económica e política é limitada. Daquela que necesite en todo momento dunha alianza coas clases populares ou coa alta burguesía, segundo cales sexan as súas prioridades. Porén, o que conta, polo que implica a todos os niveis, é que a gran burguesía catalá hai tempo que está integrada no mercado do Estado, e mesmo nalgúns casos a nivel europeo e internacional. Unha superación do marco nacional catalán que se acelerou coa globalización neoliberal. Daquela, que a única opción para a gran maioría do pequeno e mediano empresariado máis consciente, sexa obter maiores cotas de soberanía, medios públicos e un mercado seguro, mediante unha alianza coas clases populares.

 

Neste contexto, mesmo que a maioría dos partidos que dirixen o proceso non cuestionen o sistema capitalista e a integración na UE, a independencia de Catalunya dará lugar a unha mudanza na correlación de forzas, máis favorábel ás clases populares. Algo que tería implicacións no relativo á conquista de avances laborais e sociais. Polo tanto, o proceso abre expectativas para unha recomposición política, a medida que se avance na folla de ruta, tanto se o referendo facilita a vía cara á independencia, como se este obxectivo se impide no inmediato a través da represión.

 

A independencia de Catalunya dará lugar a unha mudanza na correlación de forzas, máis favorábel ás clases populares

 

O que non se pode é negar ou relegar as reclamacións colectivas xustas, como o dereito a decidir dunha nación. Algo que fan algunhas forzas políticas, á espera de que os partidos antisistémicos tomen a dirección do proceso ou cambie o sistema económico-social en todo o Estado. Agora ben, o cambio non se constrúe esperando a que se creen as condicións idóneas ou que se convertan en superfluas as debilidades do suxeito autonomeado dirixente da revolución na teoría. E moito menos se pode admitir que a liberación se supedite a un hipotético avance da conciencia das clases populares e á solidariedade dos povos carentes da contradición nacional e que forman parte do Estado opresor. Que sexan clases subordinadas, tamén en relación con esta contradición, non as lexitima para dirixir o proceso, especialmente cando durante séculos ignoraron esta problemática, e foi un valor que se viu como positivo nas clases dominantes.

 

Tampouco se debe esquecer que non hai dous procesos de liberación nacional, de revolución social, ou de cambios sistémicos profundos, que sexan iguais. Aínda que se debe aprender de todos eles. En todas estas loitas contra a explotación e a opresión houbo varias fases. Nalgúns casos, a profundidade das mudanzas estaba asegurada polo suxeito político que dirixía o proceso. Noutros países, os cambios sistémicos garantíronse nunha segunda fase, e mesmo houbo casos nos que estas transformacións non se completaron. Mais en todas as experiencias, para conquistar o obxectivo estratéxico sempre foi necesario participar da loita de masas, da confrontación social e política, mesmo que fose nun papel subalterno nunha primeira fase. Para deste xeito superar erros, limitacións, tanto do suxeito político, como polos medos, desconfianzas, derrotismos, que agrilloan as conciencias das clases populares, por mor de séculos de subordinación.

 

Non hai dous procesos de liberación nacional, de revolución social, ou de cambios sistémicos profundos, que sexan iguais

 

Debera facernos reflexionar que todos os medios de comunicación sistémicos, e mesmo algúns falsamente alternativos, ataquen, descualifiquen, e condenen o referendo en Catalunya. Igual actitude vese nos partidos políticos españois, tanto da dereita como da esquerda institucional. Todos eles valoran o dereito a votar como un acto antidemocrático, un golpe de Estado, ou que carece de lexitimidade, cando non se axusta ás regras fixadas polos donos dos cartos e do poder (o que algúns chaman o réxime do 78, cando lles interesa). Isto amosa até que punto non poden e non queren as clases dominantes realizar cambios. O que reflicte o carácter profundamente imperialista do Estado español, e que os partidos (e unha boa parte da sociedade) fuman este opio. Isto lémbranos aquela frase de Calvo Sotelo de “mellor unha España roja que unha España rota”.

 

Durante o debate para a convocatoria do referendo, chama a atención que PP, Ciudadanos e PSOE aplaudiran a rabiar a Joan Coscubiela, de Catalunya Sí que es Pot, e que os “opinadores” do sistema o elevasen a exemplo da “esquerda”, pola súa oposición ao referendo e á declaración de independencia. Tamén Pablo Iglesias sumou méritos para o sistema, esixíndolle á deputada do seu partido que pida perdón pola retirada das bandeiras españolas do Parlament. A actitude de ambos os dous choca coa de Albano Dante Fachin, que dirixe Podemos en Catalunya. As contradicións de Podemos en relación co referendo son de manual, e reflicten a utilización espuria da cuestión nacional. Máxime cando hai tan pouco tempo, o propio Iglesias facía do dereito a decidir unha consigna central, coa que colleu folgos nas nacións periféricas dependentes. Agora condiciona este dereito, a consensualo co Governo español. Ou sexa, a demoralo indefinidamente, esperando un cambio social e político no Estado que non se producirá neste contexto, nen con forzas como a súa e o PSOE, como referencias de esquerda.

 

As contradicións de Podemos en relación co referendo son de manual, e reflicten a utilización espuria da cuestión nacional

 

Ollando como se agudizan as contradicións, tamén entre os discursos e a praxe dos partidos gardiáns da orde institucional, o día a día dá a razón a aqueles que pensan que este salto na confrontación en Catalunya, en relación coa cuestión nacional, será un revulsivo político. Daquela a importancia de que nesta conxuntura a esquerda nacionalista nas outras nacións oprimidas polo Estado español estea á altura do momento, en solidariedade, clarificando, dando a batalla das ideas, abrindo frontes de loita co arroupe social. Tamén, malia que sexa unha teoría que nunca se verificou na praxe no Estado español (aínda que Xosé Manuel Beiras o repite acotío), é necesario teimar para que esquerda española recoñeza o dereito á autodeterminación nacional como unha prioridade, non como adorno teórico e engado electoral. Sen dúbida este cambio dependerá en boa medida, mais que das palabras, de que o nacionalismo de esquerda sexa cada vez máis forte nas distintas nacionalidades, mudando a correlación de forzas e empurrando avances políticos. En fin. Non abonda con propoñer obxectivos rupturistas no laboral e social, mesmo sendo básicos e urxentes. A liberación, a democracia popular, ten máis obxectivos, especialmente para os povos oprimidos.

 

 

http://manuelmera.blogaliza.org/