As novas sancións dos Estados Unidos contra Rusia e outros países, coa finalidade implícita de manter e fortalecer a hexemonía de Washington non só no eido militar, senón tamén no económico, sumado ao intervencionismo no exterior e á militarización das fronteiras de Rusia, China e Irán, son un salto cualitativo e cuantitativo na confrontación entre potencias. A agresión, baixo o sobado argumento da democracia e da liberdade, chegou a un chanzo no que o único escenario que se albisca é a belixerancia en todos os ámbitos. Queremos pensar que desta actitude mesiánica e cobizosa fique excluída a utilización das armas nucleares, xa que está en xogo a supervivencia da humanidade …

 

As sancións teñen como obxectivo favorecer as exportacións de gas estadounidenses, en prexuízo de Moscova, e a costa dos países do centro de Europa, especialmente Alemaña

 

Tendo en consideración a postura de Trump e as decisións do Congreso norteamericano, que poden aparentar mellores formas, mais que son igual de prepotentes, temos garantida unha nova guerra fría. Máxime cando a Unión Europea se subordina ás sancións e intervencións ilegais de Washington. As declaracións do Secretario de Estado Rex Tillerson forman parte deste guión, no cal ten unha gran importancia que a poboación do país ignore a gravidade real das decisións que se están a tomar. Para iso, as sancións preséntanse (cinicamente) como medidas que teñen o obxectivo de mellorar, no futuro, as relacións con Rusia. Ou sexa, son como unhas palmadas que daría un pai ao fillo que fixo unha falcatruada. Así de simple e autoritario é o razoamento. No estilo do máis puro imperialismo do século dezanove. O que amosa que a caída do bloque soviético non só tivo consecuencias regresivas no laboral e social, na loita pola igualdade e pola democracia, senón tamén respecto á soberanía das nacións e ao comportamento do imperialismo.

 

As sancións teñen como obxectivo favorecer as exportacións de gas estadounidenses, en prexuízo de Moscova, e a costa dos países do centro de Europa, especialmente Alemaña, que é un importador neto de gas ruso. Berlín veríase obrigado a adquirir gas licuado norteamericano, a un custe maior. Esta é a pretensión de Washington poñendo atrancos á construción do gasoduto que atravesa o mar Báltico, xa que as sancións norteamericanas afectarían a terceiros países que invistan en sectores como o enerxético ou financeiro ruso. Evidentemente, esta medida non vai só contra o dereito internacional e a liberdade comercial, senón que ten un obxectivo xeoestratéxico claro: diminuír o potencial militar de Rusia, e someter as potencias emerxentes e países díscolos aos ditados dos Estados Unidos. Ou sexa que nos vindeiros anos, a confrontación nos medios de comunicación e no eido da economía, terá tanta ou máis importancia que as guerras locais e as agresións militares nas que Washington foi tan activo na última década.

Un acordo no interno dos Estados Unidos entre distintas fraccións do capital non evitará que continúen a aumentar as contradicións sociais.

Este cambio de táctica sería coherente cos fracasos das intervencións en Iraq, Somalia, Afganistán, Libia, Siria e Iemen. Lugares nos que, para alén de ser un negocio para as grandes empresas norteamericanas, a destrución do tecido económico, social e político resulta evidente. A desfeita é de tal envergadura que se consolidou unha conciencia colectiva, mesmo nos países do centro do sistema, de que estas intervencións foron un desastre. De pouco valeron o control mediático, a desinformación e a mentira para agochar a realidade, que se foi abrindo paso a través dos medios alternativos, aínda que estes fosen escasos. Polo tanto, todo fai pensar que o plano militar vai ser máis selectivo e indirecto (contratistas privados, forzas locais intermediarias, drones, corpos especiais, e accións esporádicas e de advertencia).

 

Semella que tanto a fracción das clases dominantes que apoiou a Trump como aquela que ten na globalización e no neoliberalismo o gran negocio (novas tecnoloxías, cultura de masas, axencias governamentais, etc.) poden atopar un punto de encontro. Farase este pacto con medidas que poñan o acento na confrontación (Estados Unidos primeiro!) sen renunciar á globalización, aínda que exclúa parte do mundo, por exemplo, Rusia, China, Irán, Corea do Norte? Só así se entendería que as votacións das sancións no Congreso e no Senado obtivesen un consenso tan amplo. Reducir todo a un conflito entre o Parlamento e o Executivo, sen ter en consideración que as distintas fraccións do poder económico están presentes en todos os ámbitos, sería unha análise pouco consistente.

Ficamos nunha conxuntura, ou sexa nun período histórico entre dúas etapas, nas que non están totalmente resolta a correlación de forzas para o futuro.

Agora ben, un acordo no interno dos Estados Unidos entre distintas fraccións do capital non evitará que continúen a aumentar as contradicións sociais. A menos, que medidas de forza extrema permitan transferir ao exterior todos os custes do esgotamento do sistema (algo que non parece posíbel, dado o carácter do capitalismo nesta etapa). Tampouco se evitaría que se agudicen os conflitos coa Unión Europea (especialmente co bloque xermanófilo) e algúns socios que ate hai pouco tiñan un trato especial con Washington. Pode que sexan substituídos por outros que podan ser máis útiles nesta nova folla de ruta ou reaxuste do imperialismo hexemónico. Tendo en consideración este novo escenario, así como a saída do Reino Unido, e o aumento das contradicións cos países do leste da UE, son moitos os interrogantes sobre o futuro da Unión Europea. Tanto en relación a que manteña a unidade, como, sobre a liña que seguirá no futuro na súa política de alianzas.

 

En calquera caso, esta reorientación da estratexia do imperialismo norteamericano non se dará en beneficio das maiorías sociais, nen dos países máis débiles ou carentes de estado propio. E por suposto, significará un crecemento da confrontación entre clases e entre nacións. Neste último caso, especialmente entre as potencias mundiais e as de nivel rexional, que son as que aínda poden ter unha burguesía ligada aos intereses nacionais. Na maior parte do mundo a defensa do nacional quedará como reivindicación exclusiva das clases subordinadas (clase traballadora e outras camadas populares). Ou sexa, de movementos de liberación nacional e social. O que non é unha novidade, xa que na práctica hai décadas que vén sendo así, como consecuencia da concentración e centralización do poder e da riqueza por mor da globalización neoliberal. Un proceso que, lembremos, é consubstancial coa evolución do capitalismo (imperialista).

 

En varios artigos anteriores sobre o tema, teño destacado que ficamos nunha conxuntura, ou sexa nun período histórico entre dúas etapas, nas que non están totalmente resolta a correlación de forzas para o futuro. Polo tanto son tempos de inestabilidade, con momentos nos que a evolución apunta en sentidos diverxentes. Un período transitorio no que aínda non se superou a tendencia dominante da etapa anterior, para ser substituída por unha nova, ou na que a vella é a que sae renovada e fortalecida. Unha conxuntura histórica na que a confrontación esta centrada entre potencias que non cuestionan o capitalismo. O que está en debate é se se conformará un mundo unipolar ou multipolar. E neste último caso, se o planeta ficará divido en dous ou varios bloques confrontados, ou triunfará algún tipo de acordo que rebaixe a tensión e cree mecanismos aceptados polas partes para resolver a conflitividade entre potencias (entre todas, ou só entre as nucleares).

 

Ningún destes hipotéticos escenarios implicará pasos que permitan avanzar na resolución da contradición fundamental, a de clase. Non evitarán ou rebaixarán a explotación laboral, que está a medrar en todo o mundo, e con ela a desigualdade entre clases e nacións. Tampouco traerán solucións á cuestión nacional, cando afecta aos povos máis pequenos ou dependentes, nen á defensa da diversidade cultural e lingüística. A protección dos ecosistemas e o desarme nuclear tamén son temas colaterais nestes marcos, malia a súa transcendencia. Claro que, tanto as conxunturas, como unha etapa cun escenario multipolar, teñen a vantaxe de abriren maiores espazos para conquistar cambios sistémicos e para os procesos de liberación nacional e social. O mundo está abaneando. Neste momento dáse unha ofensiva do vello imperialismo hexemónico, utilizando as armas, a especulación, as sancións económicas, o control dos medios de información. Mais o emerxer doutras potencias non devece, as contradicións sociais e nacionais non deixan de medrar. Cal será o escenario que se terminará consolidando, e con que correlación de forzas? Que papel xogará a Unión Europea, para alén da tradicional subordinación aos Estados Unidos?