A iniciativa lexislativa popular sobre unha renda mínima garantida, presentada por CC.OO. e UGT, foi admitida a trámite no Congreso do Estado español, e contou co apoio de todos os partidos, agás o PP e Ciudadanos (non estaban presentes os partidos cataláns). Esta iniciativa pretende garantir unha renda a todas as familias que ingresen menos de 5.387 euros ao ano. Estas centrais españolas calculan que esta axuda indefinida deberíaselle conceder a 2.402.695 persoas, das que 105.187 na Galiza (un 4,37%). Outras das condicións son: que residan de forma ininterrompida durante os seis meses anteriores á solicitude no Estado español, ter entre 18 e 65 anos de idade, non percibir prestacións por desemprego, e atoparse inscrito cando menos durante os últimos doce meses como demandante de emprego.

A respecto dos requisitos, só se fai excepción no caso de violencia de xénero e trata de seres humanos. As familias con cargas familiares sumarían ingresos complementares por fillos e fillas. Óllese que se prima ao solicitante que vén de fóra sobre o que vive no Estado. Ao primeiro se lle esixen seis meses de residencia e ao segundo un ano de antigüidade como desempregado. Dado que as persoas poderían compatibilizar esta achega con outros ingresos, ábrese un abano moi grande de casuísticas, xa que uns beneficiarios/as poderían dobrar os ingresos doutros.

Chama a atención que na iniciativa non se faga unha proposta sobre como obter os ingresos necesarios para cubrir esa renda mínima que, sen ter en consideración as cargas familiares, tería un custe duns 12.700 millóns de euros por ano. Este é un aspecto importante, máxime cando o Governo está preparando a tesoira para executar recortes sociais por máis de 5.000 millóns que lle esixe Bruxelas, e está en debate como garantir as pensións públicas. Non é o mesmo que o gasto se cargue sobre o IVE e os tramos máis baixos do IRPF, botando o custe sobre a clase traballadora, a que o financiamento proveña dun aumento de impostos sobre as grandes fortunas, altos salarios, e as corporacións empresariais. Cando se propón unha medida de tanta transcendencia, débense analizar outros aspectos que forman parte da mesma cuestión, como as pensións, as prestacións por desemprego, os servizos públicos, o modelo de fiscalidade, e sobre todo as condicións laborais. Son temas que non se poden tratar por separado, cando se ten unha visión progresista da problemática.

Chama a atención que na iniciativa non se faga unha proposta sobre como obter os ingresos necesarios para cubrir esa renda

Nesta proposta, e na da renda básica universal, existe unha filosofía semellante. Só que na da renda mínima hai unha actitude menos atrevida, sabedores sen dúbida das múltiples eivas e atrancos do proxecto. A renda básica universal tería un custe de entre 140 mil millóns e 200 mil millóns, segundo quen sexa o seu defensor. Estes afirman que sería asumíbel, dado que por exemplo, as transferencias ás autonomías para xestionar as súas competencias teñen un custe moi semellante. Evidentemente, para non aumentar os impostos habería que eliminar todos os servizos e prestacións públicas que estas xestionan e privatizalas (mesmo a sanidade e o ensino, que constitúen unha parte fundamental do gasto autonómico). Pensemos que, de non ser así, representaría un aumento de impostos de 15-20 puntos sobre o PIB, que se sumaría á actual presión fiscal.

En ambas as propostas, a da “renda básica universal” e a da “mínima garantida”, non se pode negar unha intencionalidade positiva que pretende evitar os casos máis extremos de marxinación que provoca o capitalismo. Ademais, trátase de medidas que teñen como antecedentes as múltiples axudas conxunturais que pretenden paliar os casos máis dramáticos causados por un sistema cada vez máis inxusto, onde prevalece a lei da selva. Claro que convén lembrar que a primacía da lei da selva, como parte da modernidade capitalista, está regulada por múltiples normas, promocionada no ensino e nos medios, e protexida por todo tipo de medidas de seguridade, dende as xudiciais até as claramente represivas.

O primeiro a termos en consideración é que se trata dunha proposta transversal, asumida tanto por unha parte da esquerda como da dereita. É así xa que, mesmo aceptando que alivie os casos máis extremos de pobreza, non cuestiona a explotación laboral, fractura a clase traballadora, e abre unha nova fenda no discurso da esquerda que dá folgos á privatización de servizos esenciais. Daquela que sexan moitas as voces en contra da renda básica. Por exemplo, o secretario xeral da CGT de Francia, Philippe Martinez, afirma: “Nós pensamos que o traballo é estruturante da vida, un lugar de socialización, de relacións, algo que evita que a xente se encerre e se disolva, sempre que as condicións sexan decentes".

Por iso temos certas reservas sobre a renda básica. Iso non quere dicir que non haxa que indemnizar a quen non teñen traballo e incrementar o seguro de paro, pero hai que ir cara ao pleno emprego en lugar de considerar que haberá menos traballo e procurar unha fórmula para que a xente se quede na casa sen facer nada”.i Ou sexa, el non é favorábel á renda básica. A súa alternativa pasa por dignificar as condicións laborais e reducir a xornada de traballo. Mentres a CFDT, o sindicato pro-PS de orixe social-cristián apoia en Francia a renda básica universal. Lembremos que P. van Parijs, profesor da Universidade Católica de Lovaina, é fundador da Rede Renda Básica Mundial.

O primeiro a termos en consideración é que se trata dunha proposta transversal, asumida tanto por unha parte da esquerda como da dereita

A proposta dunha renda básica ou mínima non ten en consideración o efecto chamada, ou relativízao, xa que isto condiciona moito os ingresos necesarios para levar adiante esta medida. Sobre este aspecto non se pode obviar que os inmigrantes que desexan entrar na UE, que hoxe son unha marea, non se dirixen a calquera país. Non son parvos, e polo tanto teñen como obxectivo aqueles estados que teñen menor taxa de desemprego, salarios máis altos, e achegas universais para os que carezan de ingresos (e non sempre esta é a orde de preferencias). Non é unha cuestión menor. Tampouco é secundario que desanime a moitas persoas a se incorporar ao mundo laboral.

Para dar forza teórica a este tipo de medidas, que non teñen en consideración o traballo como único xeito de producir bens e servizos, hai políticos e economistas de todas as tendencias, que utilizan o argumento de que por mor dos avances tecnolóxicos a clase traballadora será cada vez menos necesaria (a teoría do fin do traballo). Mais isto choca coa tendencia real das últimas décadas, xa que nunca traballou tanta xente en relacións de dependencia, con xornadas tan longas, e a ritmos tan intensivos, tamén nos países chamados máis desenvolvidos. É verdade que se pode matizar esta caracterización. Porén, na Galiza a metade ou máis está afectada por todas estas características regresivas, de tal xeito que de se cumprir os convenios e leis laborais non habería desemprego, nen emigración forzada. O propio pódese dicir, en distinta medida, e segundo a súa inserción no sistema, de case todos os países da UE. Algo que por suposto coñece a patronal, os partidos políticos sistémicos, os medios e todos aqueles que teñen algunha relación co mundo do traballo. Entón cal é o interese que ten un sector cada vez máis amplo da grande burguesía en promover a renda básica e sucedáneos?

Nunca traballou tanta xente en relacións de dependencia, con xornadas tan longas, e a ritmos tan intensivos, tamén nos países chamados máis desenvolvidos

O primeiro a termos en conta é que esta medida non afectaría ao capital, porque este paga cada vez menos impostos. Como consecuencia da globalización hai unha competencia mundial para rebaixar a presión fiscal sobre as empresas e as rendas máis altas, e aumentou a fraude e a enxeñería fiscal para non pagar impostos. Hai ducias de análises sobre este tema. Por exemplo, no Estado español baixaron os impostos directos e medraron os indirectos sobre o consumo. En poucas palabras, o custe da renda básica ou mínima será pagado pola clase traballadora ocupada, vía IVE ou IRPF, ou mediante a redución de prestacións, como as pensións.

O segundo aspecto a termos en consideración é que a concesión desta renda dá base argumental, aínda que non se poña en práctica axiña, para eliminar o salario mínimo, e todo tipo de servizos públicos e subsidios, incluíndo o de desemprego. Ademais non afectaría á man de obra de reserva, que sempre estaría garantida por unha inmigración legal e ilegal que o Estado pode regular ao antollo do empresariado. Ou sexa, abriríanse novos nichos de lucro e o exceso de man de obra non devecería, restándolle forza ás reivindicacións socio-económicas e á loita de clases. O argumento sería ben sinxelo. Xa ninguén estaría marxinado. Todo dependería do esforzo e cualificación persoal. En fin, será a renovación do discurso do capital, dado que xa non funciona o da formación profesional como remedio ao desemprego e aos baixos salarios. Nunca a culpa é do sistema e da cobiza patronal, sempre é consecuencia das eivas individuais das traballadoras e dos traballadores.

Tampouco se pode ignorar que este tipo de achegas, sen contrapartidas que favorezan á sociedade, cando se converten en indefinidas, terminan dividindo a clase traballadora. Especialmente entre os/as que realizan xornadas longuísimas e mal pagadas, e aqueles/as que recibirían este tipo de prestacións cunha actitude pasiva fronte ao traballo. Esta é unha das razóns polas que Cristina Fernández perdera as eleccións na Arxentina e que axudou á destitución de Dilma en Brasil. Nestes países, os axustes laborais feitos pola patronal e as reformas desreguladoras dos governos corresponderon no tempo cunha concentración máxima dos beneficios empresariais e cun aumento das coberturas aos sectores excluídos. A solidariedade fíxose, case que en exclusiva, a costa da clase traballadora ocupada, sen tocar os intereses do capital, e con achegas que non distinguían entre quen quería traballar ou non, entre quen procuraba e non atopaba ou aquel que nunca buscaba. Deixouse marxe para todo tipo de corrupcións, por exemplo, traballo en negro, para satisfacción do capital. Moitos recoñecen que estes son os talóns de Aquiles da renda básica e da renda mínima.

Tampouco se pode ignorar que este tipo de achegas, sen contrapartidas que favorezan á sociedade, cando se converten en indefinidas, terminan dividindo a clase traballadora

Para os que defenden a renda básica ou mínima, o problema é de humanidade e solidariedade. Iso si, ignorando o que é xusto. Polo tanto, non propoñen cambios sistémicos, nen valoran o esforzo da clase traballadora na actividade produtiva, e ignoran a explotación laboral. Non recoñecen que a inmensa maioría da xente non traballa no que quere senón no que pode en función do mercado laboral (e do consumo). Evitan analizar a complexidade do mundo do traballo. Son propostas de laboratorio, académicas. Polo tanto, abstráense da realidade produtiva cando afirman que a renda básica universal permitiría que cada quen se adicase ao que lle gusta. Puro infantilismo.

O que quere a clase traballadora é que se distribúa a riqueza dun xeito equitativo ao esforzo, e iso implica confrontar coas clases dominantes, co capital. O xusto é, dado o aumento da produtividade, non só polos avances técnicos senón tamén polo medre do ritmo de traballo, que se rebaixe a xornada laboral e elimine a precariedade, sen diminuír os salarios. Así como nacionalizar os sectores estratéxicos (enerxía, banca, seguros, telecomunicacións, transporte, etc.) para controlar a cobiza do capital e incidir no mercado. O solidario é que mentres as persoas en condicións de traballar estean desempregadas se lles garanta un ingreso mínimo suficiente, que teñan como contrapartida a realización de cursos de formación e tarefas sociais (dignificando a prestación económica e evitando a fraude), dándolle deste xeito valor ao esforzo e ás achegas públicas producidas polo esforzo dos que están ocupados/as. O internacionalista é legalizar os/as inmigrantes ilegais, e regular a entrada de estranxeiros/as en función das necesidades internas. Porén, sobre todo cómpre axudar con recursos económicos para solucionar en orixe a enxurrada migratoria. Cómpre rematar co intercambio desigual, a opresión, e a apropiación de materias primas e recursos primarios. Deste xeito evitaríanse as rupturas familiares, o desarraigo, e que moitas das persoas máis preparadas e necesarias para o desenvolvemento marchen do seu país.

O que quere a clase traballadora é que se distribúa a riqueza dun xeito equitativo ao esforzo, e iso implica confrontar coas clases dominantes, co capital

Non hai solidariedade sen xustiza, sen trato igualitario, sen dignidade, sen liberdade, sen propostas e medidas que permitan que as persoas podan vivir do seu traballo dignamente e no seu país, e ter garantidas as necesidades básicas se non poden ou non se lles permite facelo. As persoas son seres sociais, parte dunha colectividade humana. A renda básica e sucedáneos, ademais de dividir os explotados/as, confunde a folla de ruta, e fortalece as bases teóricas da explotación. Por algo, dende un neoliberal como Milton Friedman no seu día, e agora no encontro de Davos, o lobby de Silicon Valley, consideraron necesario algún tipo de renda básica universal. Non se pode chegar ao comunismo (“a cada quen segundo as súas necesidades”) por mecanismos do capitalismo e sen previamente garantir un reparto xusto do esforzo e da riqueza.

http://manuelmera.blogaliza.org/

 



x