Saltar ao contido
14:49 h. Cuarta feira, 27 de Agosto do 2014

Opinión

Manuel Mera

Manuel Mera

Director da Fundación Moncho Reboiras. Foi presidente da CIG.
Vota:

TLC cos Estados Unidos ¿ulo as vantaxes?

Co gallo da pasada reunión do G-8 en Londres, os Estados Unidos e a Unión Europea decidiron seguir as negociacións do Tratado de Libre Comercio (TLC), agora de modo oficial, despois de eliminar dos acordos a industria audiovisual, como quería Francia. Na práctica é o último paso para que a UE forme parte dun xeito definitivo da área de control de Washington; aínda que en realidade hai tempo que falar dun proxecto propio europeo é pura fantasía. Non é casual que malia a espionaxe masiva dos Estados Unidos aos seus aliados na OTAN, para alén dalgún anoxo nos medios, co obxectivo de manter a dignidade, a cousa non fose a máis. As complicidades son cada vez máis evidentes, sen que houbese ningún debate serio ao respecto (como exemplos temos Libia e a retención do presidente Evo Morales). 

"Hoxe as clases dominantes europeas teñen moitos intereses comúns coas norteamericanas, depredando e sometendo a terceiros países grazas á hexemonía militar do Pentágono"

Hoxe as clases dominantes europeas teñen moitos intereses comúns coas norteamericanas, depredando e sometendo a terceiros países grazas á hexemonía militar do Pentágono, como para poñelos en perigo sen ter unha vía alternativa doada e da que obter maiores lucros. Iso non quere dicir que cada país desta alianza do capitalismo neoliberal non intente conseguir unha posición vantaxosa na súa comunidade de intereses, utilizando a presión verbal e algunha escenificación mediática, aínda que coa progresiva integración van perdendo forza e son menos críbeis. Agora ben, o que beneficia aos grandes grupos económicos e fortunas, de ambas partes do Atlántico, non ten que ser igual de vantaxoso para o desenvolvemento dos seus países e especialmente para as clases populares. Como se está evidenciando co medre da concentración e centralización da riqueza con moi poucas excepcións, como poden ser as dos países que integran a ALBA.

O primeiro que chama a atención en relación ao TLC cos Estados Unidos é que un tema de tanta importancia económica e política se trate con tanta opacidade, como se existise a pretensión de evitar que a poboación saiba dos acordos en toda a súa extensión. Son formas de proceder que pouco teñen que ver coa transparencia e ter en consideración a opinión dos afectados. Por outra banda, a pingueira de noticias sobre o tema coincide en crear un ambiente favorábel ao acordo comercial. Tal é o caso do estudo da Fundación alemá Bertelsmann no que se asegura que o TLC axudará a criar entre 277.000 e máis dun millón de postos de traballo nos Estados Unidos e varios centos de milleiros na Unión Europea. Para o Estado español auguran que se xerarán entre 36.000 e 143.000 empregos. Por suposto que non din en que sectores se vai concretar, xa que para que se cumpran estas previsións o acordo debería substituír tanto na UE como nos USA importacións de terceiros países.  Algúns medios falan da exportación de automóbiles substituíndo importacións de México. Mais, non semella tan doado cando non o conseguiu o TLC con Corea do Sul, que foi referendado polo Congreso norteamericano hai dous anos. Lembremos que no seu día, para alentar a entrada da Unión Europea díxose que ía xerar milleiros de empregos, expandir os servizos públicos e mellorar as condicións laborais. 

 "Para alentar a entrada da Unión Europea díxose que ía xerar milleiros de empregos, expandir os servizos públicos e mellorar as condicións laborais". 

En calquera caso, resulta difícil de entender que a Xunta de Galiza, a patronal galega, as universidades, e os partidos políticos non fixesen aínda ningunha análise ou declaración sobre o TLC, e como repercutirá na economía galega. Neste aspecto imos arrastras dos acontecementos. Non é unha eiva secundaria, máxime se temos en consideración a crise, co peche de empresas estratéxicas, as altas taxas de desemprego e a enxurrada emigratoria. Cando menos deberíase valorar como afectará a balanza comercial cos Estados Unidos e, o máis importante, ¿pódennos substituír nas exportacións en áreas nas que temos importantes socios comerciais? E se isto vai acontecer ¿cales serán as compensacións?

Pódese dicir que os intercambios comerciais da Galiza cos Estados Unidos non son importantes, xa que representan entre o 2% e 5% do total dependendo do ano, porén como aconteceu noutros acordos semellantes o crecemento posterior pode ser exponencial (véxase o caso de México). Ademais, non se pode ignorar, como un mal precedente, que dos últimos trece anos, oito teñen un saldo negativo para o noso país, e que os USA son unha gran potencia en produción agrícola e gandeira (moi subsidiada) e o maior exportador do mundo. Estes son sectores estratéxicos para Galiza, no ámbito económico e do emprego, mais tamén no cultural e identitario. Sería moi inocente pensar que, coa supresión de aranceis, todo vai seguir coma hoxe, se fose así ¿cales son as razóns para este acordo de libre comercio?  Merkel acaba de manifestar publicamente que para o seu país este é un pacto esencial, mentres que Hollande pide que o inicio das negociacións  se adíe quince dias para que Washington aclare a cuestión da espionaxe. Neste ultimo caso só é un pretexto, tal como reflicte a súa postura respecto de Snowden. Son dúas actitudes que amosan distintos intereses económicos. Os demais calan ou falan tan baixo que non se lles escoita.

"Merkel acaba de manifestar publicamente que para o seu país este é un pacto esencial, mentres que Hollande pide que o inicio das negociacións  se adíe quince dias para que Washington aclare a cuestión da espionaxe"

Tampouco se pode esquecer que Galiza carece de capacidade para producións de escada, en troque somos moi sensíbeis, máxime cando a rebaixa de salarios resta peso á calidade, en relación coas importacións de bens e servizos con modos de produción masiva. Daquela ¿non é irresponsábel dar folgos ou calar diante dun marco en principio negativo para os nosos intereses? E, unha última pregunta ¿que pode exportar masivamente Galiza aos Estados Unidos, para alén dunhas ducias de miles de botellas de viño e uns poucos produtos máis? 

http://manuelmera.blogaliza.org/

Outros artigos
Outras voces