Está próxima a conmemoración do centenario da Revolución Socialista en Rusia. Ou sexa, da toma do poder polos soviets, baixo a dirección do Partido Bolxevique. Foi sen dúbida un acontecemento que transformou a humanidade. Un cambio que permitiu unha mudanza na correlación de forzas a nivel mundial e un avance inmenso, tanto na xustiza social, como nos dereitos nacionais. A profunda transformación da Unión Soviética, a loita heroica contra o fascismo, a costa de 27 millóns de vidas, deixou o capitalismo imperialista sen máscaras e debilitado, e permitiu un salto cualitativo despois da Segunda Guerra Mundial. Os avances da clase obreira en todo o mundo, e os procesos de liberación nacional, foron posíbeis grazas á consolidación dun amplo bloque de estados socialistas e de democracias populares. Estas conquistas permitiron albiscar un futuro cun mundo máis xusto, igualitario, solidario, no que as clases populares e os povos fosen os protagonistas.

 

O derrumbe da URSS foi para as clases populares un duro golpe, que aproveitou o capitalismo imperialista (agora chámaselle globalización neoliberal), para aumentar a taxa de beneficios a costa dunha maior explotación da clase traballadora e da opresión das nacións dependentes. Un capitalismo depredador, e polo tanto senil, segundo Samir Amin. Agora ben, para alén do cerco ao que os países imperialistas someteron o “bloque socialista” no eido militar, económico e no ámbito da loita das ideas, tamén houbo erros na construción do socialismo, e deles cómpre aprender para superalos. Cales foron os acertos e os erros?

 

O derrumbe da URSS foi para as clases populares un duro golpe, que aproveitou o capitalismo imperialista

 

Un estudo do Centro de Estudos Sindicais (Moscova), ligado aos sindicatos de Rusia e dos países do Comunidade de Estados Independentes (CEI), presentado no XIII Congreso da Federación Sindical Mundial (FSM), realizado en Damasco (Siria) no ano 1994, no que participei en representación da CIG, fai a seguinte valoración deste período, que coido de interese:

 

“A Revolución Socialista de Outubro foi unha revolución do povo, e realizada en interese dos povos -nacionalidades- (...) Os principais medios de produción pasaron a mans do povo. As terras, as fábricas e as empresas pasaron de mans dos capitalistas a mans da clase traballadora (...) A atención sanitaria e os servizos públicos foron gratuítos, instituíuse a xubilación, a seguridade social, e a construción de vivendas pasou a cargo do Estado (...) Por vez primeira na historia da humanidade concibiuse e púxose en práctica a economía planificada. En pouco tempo asegurouse a industrialización do País sobre a base da propiedade estatal dos medios de produción e da colectivización do agro. Realizouse unha verdadeira revolución cultural e reforzouse o carácter multinacional do Estado”.

 

“A Revolución Socialista de Outubro foi unha revolución do povo, e realizada en interese dos povos -nacionalidades-"

 

O documento esténdese na análise sobre os acertos, e a seguir, realiza unha reflexión critica sobre esta experiencia nas súas últimas décadas:

 

“Actualmente no noso País, e no estranxeiro, somos testemuñas de múltiples intentos de revisar e denigrar a nosa historia. Mais a historia é unha única e irreversíbel (...) Convén subliñar que o socialismo é unha teoría creadora e non un conxunto de dogmas e receitas acabadas. Esta concepción esixe unha profunda reflexión e actualizacións científicas permanentes. Cómpre recoñecer abertamente que durante os anos de edificación do socialismo e das transformacións socialistas (moi particularmente nas décadas do 70 e 80) este foi o maior defecto. Durante este período acadamos vitorias e éxitos, porén cometemos tamén graves erros de calculo e toleramos grandes lagoas que, tanto no plano interior como no internacional, frearon o desenvolvemento do país pola vía do socialismo".

 

"Convén subliñar que o socialismo é unha teoría creadora e non un conxunto de dogmas e receitas acabadas"

 

Durante este período, a burocracia floreceu en numerosas esferas, orixinando unha degradación política e moral dalgúns dirixentes, cadros e militantes de base. A propiedade do Estado non se converteu nunha propiedade verdadeiramente popular. O povo (no seu conxunto) estaba afastado da propiedade colectiva. O sistema de reparto igualitario das riquezas por mediación do Estado e o sistema de protección social orixinaron comportamentos parasitarios. Moitos traballadores chegaron a perder o sentido da responsabilidade e esqueceron o que significa realizar un traballo a conciencia. Os ingresos da povoación experimentaron aumentos máis rápidos que o medre da produtividade do traballo. Reforzouse a centralización do poder a expensas dos dereitos das repúblicas e dos órganos locais. Subestimáronse os particularismos locais (das nacionalidades), o que provocou movementos de protesta nas repúblicas e rexións. Este é o motivo polo que eran absolutamente indispensábeis transformacións radicais para dar un novo pulo ao desenvolvemento da URSS.”

 

E por último, o estudo valora o período da Perestroika, salientando as expectativas que espertou en amplos sectores da sociedade soviética, e como durante os primeiros anos (1986-1988) produciuse un rexurdir da economía, que pasou dun medre do 2,3% en 1985 ao 5,5% en 1988.

 

Segundo o Centro de Estudos Sindicais, todo mudou na seguinte fase da Perestroika (1989-1991). “Os dirixentes do Estado negáronse a asumir directamente a xestión da economía do País e esixiron que o Governo radicalizase a reforma económica facendo na práctica deixamento da planificación a nivel das empresas e introducindo aceleradamente os mecanismos de mercado. Este foi o primeiro grande erro cometido pola Perestroika (...) En 1990, o País rexistrou, por vez primeira, un descenso da produción industrial do 1,1% (...). En 1991 o retroceso atinxiu un 7,8%, aparecendo os primeiros síntomas da crise económica, e a evolución facíase incontrolábel (...) En decembro de 1991, por iniciativa dos dirixentes de tres repúblicas (Rusia, Bielorrusia e Ucraína) nunha declaración conxunta púñase fin á existencia da Unión Soviética”. En síntese, os sindicalistas rusos valoraban que un sector importante dos dirixentes do partido e da burocracia, apostaban pola privatización do medios de produción, evidentemente por razóns económicas, por cobiza, tal como se reflectiu nos anos seguintes nos que un grupo moi pequeno da antiga dirección do país apropiouse das grandes empresas estatais.

 

O deixamento da planificación a nivel das empresas e a introdución acelerada dos mecanismos de mercado. Este foi o primeiro grande erro cometido pola Perestroika

 

En novembro de 1991 realizouse en Moscova o XII Congreso da FSM no que participou como convidada a CIG (INTG e CXTG), e ao que asistín en representación da INTG con Xulio Ríos (como secretario xeral e secretario de relacións internacionais, respectivamente). Aínda existía a Unión Soviética, mais a situación política no País era moi complexa, como se verificou durante algunha das sesións do propio Congreso. A miña seguinte viaxe a Moscova sería no mes de maio do ano 1998. A situación política e sindical xa era totalmente distinta. O capitalismo amosábase ostentosamente, nunha situación de precariedade laboral e social moi grande. Era evidente o complexo diante do imperialismo norteamericano e da puxanza da UE. Escribín daquela no Tempo Sindical nº24: “Abraia ver en Moscova tanto coche caro e nas aforas da cidade os chalés en zonas protexidas con muros onde residen os novos ricos. Aínda que o que realmente chama a atención, tanto a visitantes como a moscovitas, é que en tan pouco tempo haxa xente que fose capaz de facer fortunas tan grandes. Ven os rusos detrás destes novos ricos o emprego fraudulento do poder, a corrupción, e os métodos mafiosos... pero tamén a compracencia e indución de occidente”.

 

Segundo unha enquisa realizada por Sputnik en 2016 , o 64% dos rusos e rusas que viviron naquela etapa están convencidos de que a vida era mellor que posteriormente

 

Ofrezo por último uns dados de interese sobre como a xente que reside nos estados da ex-URSS valora a etapa do chamado “socialismo real”. Segundo unha enquisa realizada por Sputnik en 2016 , o 64% dos rusos e rusas que viviron naquela etapa están convencidos de que a vida era mellor que posteriormente (só un 19% coida que hoxe están mellor). Noutras nacionalidades, os resultados foron os seguintes: un 61% dos cazacos, un 60% dos ucraínos e un 53% dos bielorrusos. A porcentaxe máis alta dábase entre os armenios e os azeríes. Os dados, malia que inferiores, son tamén importantes entre a mocidade. Unha enquisa de Gallup dá resultados moi semellantes. Por suposto o líder peor valorado da etapa soviética é Gorbachov. Son dados esclarecedores, máxime se temos en consideración o control das Universidades e dos medios de información de masas polo capital, así como a súa hexemonía no ámbito das ideas. Polo tanto, non se debe considerar como definitiva esta derrota do sistema socialista como proxecto de futuro, xa que as contradicións seguen latentes na sociedade, e mesmo podemos dicir que son máis agudas que antes. E asemade,... agora neste obxectivo podemos aprender do pasado.

 

 

http://manuelmera.blogaliza.org/



x