A importante manifestación do Día das Letras, marxinada como é habitual nalgúns medios, móstranos de novo a coherencia de varios milleiros de persoas defendendo o seu idioma. Sen a existencia de xente coma esta, o galego encontraríase quizais nunha situación perigosa. Tamén é notábel a perseverancia e a xenerosidade das organizacións convocantes. Sen esforzos como o da Mesa e demais colectivos sería máis difícil de visualizar ese outro país posíbel.

Vista desde outro ángulo, sen embargo, a manifestación do 17 de maio resulta demasiado semellante á do ano pasado e, seguramente, á do próximo. Resulta demasiado parecida ao 25 de xullo. Non agrupa a máis pobo, como é o seu obxectivo.

Despois de observar a manifestación, Feixóo decidiu seguramente permanecer na súa obscena pasividade. A decadencia autonómica na que vivimos non se verá alterada. Os que defenden, case como única prioridade política, o AVE a Madrid, cidade á que probabelmente desexarían trasladarse, seguirán coma se nada.

Despois de observar a manifestación, Feixóo decidiu seguramente permanecer na súa obscena pasividade. A decadencia autonómica na que vivimos non se verá alterada

E isto vén sendo así desde hai tempo, en parte porque a Galiza conscientemente monolingüe en galego ten trazado unha liña divisoria, máis ou menos marcada segundo os casos, entre eles e o resto.

Sen embargo, dentro desa outra Galiza, que é maioritaria e tamén moi diversa, hai unha parte que coincide con varios dos obxectivos da manifestación, outra parte que non se atreve a dar o paso ou non o considera importante, outra convive… Hai miles de formas de situarse ante a situación que vive o galego, case tantas como cidadáns.

 

A Galiza que se manifesta parece ignorar esa diversidade e, polo tanto, é incapaz de dialogar e contaxiar a maioría ausente.

Non se trata de que os monolingües fagamos concesións –sería un suicidio– senón de comprender e de que os demais noten que os comprendemos.

Sen un esforzo por entender esa variedade do país –moi rica e interesante, ás veces cómica, outros moitas veces lamentábel, e que tanto pode dicirlle aos socio-lingüistas–, sen entender esa pluralidade e sen que esa comprensión se perciba nos lemas, nas propostas e, sobre todo, nas actitudes, as manifestacións do 17 de maio tenderán a converterse nun repetido día da marmota.

Hai unha tendencia natural, espontánea, a que quen máis defende algo tenda a consideralo como propio, é dicir, a patrimonializalo

Hai unha tendencia natural, espontánea, a que quen máis defende algo tenda a consideralo como propio, é dicir, a patrimonializalo. Esa crítica que o PP lle fai aos nacionalistas non é de todo desacertada e hai que recoñecelo. Asunto diferente é que o PP se ampare nela para non facer nada ou para actuar en contra.

A lingua dun país debe unir a todos. Esa idea central non se pode perder de vista nunca. A Mesa cristalizou como organización despois dunha manifestación en Santiago na que Xerardo Fernández Albor e Bautista Álvarez ían case do brazo. Aquel acto unitario deulle lexitimidade á Mesa para nacer e medrar. Ese é o espírito que importa.

Todos os grados de compromiso son válidos sempre que o obxectivo sexa fortalecer os usos do galego. O que marca as diferenzas é a dirección que se toma, non o punto de partida. 



x