Ollo co momento político. Non hai nada quieto e poden producirse evolucións estrañas, incluso algunhas que hai pouco chamariamos “contranatura”.

A imposibilidade de articular maiorías que descabalguen o PP do goberno provoca razoamentos inconscientes en parte do electorado anti-PP.

A situación é de emerxencia. Non, por suposto, para a clase alta e media alta que segue tendo bos traballos e boas remuneracións. Pero a metade do país loita por sobrevivir e angústiase pensando no futuro. Esperaban que un novo goberno tomase medidas urxentes, pero a alternativa no foi posíbel. Esta parte da poboación non está interesada en establecer culpabilidades, xa pasou ese momento, e só pensa nos seus problemas. Agora comezou a fixarse en que talvez haxa boas propostas que deberían ser apoiadas, procedan de onde procedan, incluso do PP.

Descartadas as alternativas, vén unha onda de pragmatismo que pode crecer. Para Raxoi e Feixóo sería un regalo.

Esta parte do electorado aínda non soporta ben os populares, pero vería adecuadas algunhas colaboracións puntuais, transversais, concretas.

Desilusionados de todos os partidos da oposición, comezan a cuestionar o “politiqueo”, o rexeitamento habitual de calquera proposta simplemente porque nace noutra forza política.

Hai outro populismo máis perigoso e que sae gratis: o medo aos inmigrantes versus delincuentes. Incluso o medo á rapazada do botellón

É o momento. Difumínanse as fronteiras entre siglas. Póñense as solucións por riba de todo.

A pregunta é: ten propostas construtivas o PP? Será sensíbel ás necesidades desta metade da poboación que vive no límite? Aquí estamos ante outro panorama. O PP até agora é fiel a Bruxelas. Non se apuntou ás medidas populistas. Ademais, cales serían esas medidas? Todas custarían diñeiro e, polo tanto, aumentarían o déficit ou ben entrarían e contradición cos intereses dos máis privilexiados. Non se ve algo así no horizonte.

Hai outro populismo máis perigoso e que sae gratis: o medo aos inmigrantes versus delincuentes. Incluso o medo á rapazada do botellón. Unha proposta pola tranquilidade fronte aos estranxeiros e os gamberros. Hai moita experiencia internacional. Hai manuais e prácticas que se poderían importar. Até agora non se fixo, pero ver os programas dalgunhas televisións comeza a alarmar, e non os clásicos da extrema dereita, senón noticias de aparencia normal, que se están colando por cadeas diferentes.

A incapacidade da esquerda para crear alternativas nunca trouxo o baleiro. Trouxo máis dereita

Alarma, alarma. É un momento perigoso. A incapacidade da esquerda para crear alternativas nunca trouxo o baleiro. Trouxo máis dereita. Volve a roupa de corte e a americana, que nunca se foron de todo. Talvez retroceda a sudadeira.

E cal sería o papel de Galiza aí? Galiza vai de arrastras. A maioría social galega nunca apoiou a reacción, nin os extremismos, pero foi a súa despensa, a retagarda, desde os tempos das razzias contra os sarracenos.

Un bo momento para demostrar intelixencia política. Hai que olfactear o aire.