O máis seguro é que, na próxima asemblea de finais de marzo, o BNG non cambie de nome. A probábel decisión coincide, por certo, cunha crítica de Pujol a CiU por ter modificado as súas siglas. O ex presidente catalán usou como argumento, durante unha conversa con estudantes, o exemplo de Volkswagen que, despois de cometer varios fallos, moi difundidos pola prensa, agora volve ser o primeiro produtor mundial de coches. 

A maioría  do BNG segue dándolle moita importancia ao coñecemento social da marca, que se pode asociar con erros, din, pero non con falta de lealdade ao país nin con problemas graves de corrupción.  

Tampouco parece que o BNG vaia modificar a súa estrutura, un cambio propugnado sempre por un sector nacionalista. O frontismo non deixa de ser orixinal en comparación coa vella política e o problema do partido guía parece menos grave tras o espectáculo interno de Podemos. Ademais, a entrada dun pequeno colectivo, FOGA, anima a idea de que se está recuperando o sentido de organización plural, o que xustifica que o BNG non se converta nun partido, pero falta saber se terá continuidade.

O frontismo non deixa de ser orixinal en comparación coa vella política e o problema do partido guía parece menos grave tras o espectáculo interno de Podemos

Os observadores suspicaces, que non son poucos e twittean bastante, din sen embargo que o BNG se enroca, despois do pequeno éxito das eleccións autonómicas, e que así se confirma que é unha organización, senón amortizada, si condenada a xogar un papel secundario.

Quen decidirá o futuro será, en todo caso, unha nova dirección, con moitos membros de menos de 35 anos, entre eles moitas mulleres. Un cambio contundente, aínda que non unha ruptura, posto que aínda quedan uns poucos dirixentes dos que gardan no armario a vella trenka con manchas de cola. 

Levado con bastante discreción, este cambio non está a ser apenas analizado. Pero é e será crucial. E tampouco será só cosmético. A nova xeración trae canda ela novidades na linguaxe. Cada época xera unha maneira de ver. Comezan a sorprender as fotos das direccións comarcais e nacionais do BNG, case sempre con xente máis nova que as da Marea.

Comezan a sorprender as fotos das direccións comarcais e nacionais do BNG, case sempre con xente máis nova que as da Marea

O BNG fixouse agora como obxectivo a captación de novos afiliados e non insistirá demasiado na recuperación dos que marcharon, sobre todo no caso dalgúns, cos que, a pesar dos cambios, teme repetir polémicas internas. Velaí outro xiro importante respecto do que se falaba e escribía hai só uns meses. 

Pero o camiño que vén agora non será fácil. A nova xente que ocupa os postos de responsabilidade está visitando as comarcas, acudindo a lugares onde hai problemas. En cambio, non se pode ocultar que a organización, hoxe por hoxe, pinta demasiado pouco na política institucional, pasa desapercibida moitas veces nos medios e non compensou aínda, nin por moi optimista que se queira ser, a súa imaxe social de desgaste.

A solución que se apunta, o trato directo cos cidadáns, é máis doada nas vilas, pero moito máis difícil nas cidades. Duro desafío o dos próximos meses. As medidas tomadas poden ser as correctas, pero aínda así poden acabar resultando insuficientes.



x