En teoría, as democracias occidentais caracterízanse por contar cunha prensa independente que exerce de contrapeso fronte os posíbeis abusos do poder. Esa mesma prensa ten a responsabilidade de abrirlle os ollos, con información crítica e veraz, aos cidadáns correntes. A prensa, nas democracias occidentais, xogaría así un papel neurálxico no que respecta á limpeza e conseguinte vitalidade do sistema.

Non sei, sen embargo, se tal prensa existe nalgún país da nosa contorna. Teño a impresión de que, no mellor dos casos, ese tipo de xornalismo é minoritario e por iso, talvez, as democracias occidentais empezan a presentar claros síntomas de obsolescencia.

É frecuente ver unha prensa (no sentido amplo que inclúe a televisión e os demais medios) que non só non vixía os posíbeis abusos do poder –que só publica cando son materia xudicial–, senón que se centra en atacar as propostas da oposición. Por exemplo, a expulsión do Congreso dun deputado catalán non foi debatida, e menos aínda cuestionada, en ningún dos grandes medios españois.

A cidadanía, pola súa parte, discute a partir das noticias que acaba de ler no periódico ou de oír na televisión. Polemiza sobre o que outros lles din que polemice e con puntos de vista orientados de antemán. Un tema importante e endémico, como o da corrupción, é presentado como unha novidade dos últimos anos e conducido, de forma implícita, a unha crítica da política en xeral (“todos os políticos son iguais”) e non apenas á esixencia de medidas que revitalicen a democracia. 

A verdade é que nunca chegamos a entrar nesa “era da sospeita” que hai un par de décadas vaticinaron medios críticos como Le Monde Diplomatique. Non se produciu ningunha ampliación da perspectiva por parte do público. Moi ao revés, o que vimos, até que chegou a crise, foi que os medios se multiplicaron, creceron exponencialmente como industria, explotaron as reservas de publicidade das empresas estatais ou privatizadas e gozaron dunha enorme fluidez de crédito, nalgún caso mesmo a fondo perdido. Convertéronse en mastodontes e, desde esa posición de vantaxe, capaz de diluír calquera outro punto de vista, gañaron incluso en credibilidade. 

Esa hipertrofia mediática, unida a unha certa habilidade profesional, moi superior á que se pode ver nas ditaduras que non necesitan de sutilezas, puideron máis que a verdade. De feito, a postverdade non é unha ameaza de agora, non a inventou Trump. É simplemente un novo concepto, estendido por medios que encontraron un competidor no seu propio terreo, aínda máis agresivo e carente de pudor.

De feito, a postverdade non é unha ameaza de agora, non a inventou Trump

A propaganda de prensa, radio e televisión é hoxe tan simultánea e acaba resultando tan esmagadora que á maioría do público resúltalle difícil escapar á hipnose.

En consecuencia, se durante a propia ditadura, a xente común era ás veces escéptica a respecto dos medios (“os xornais terman do que lle poñen”), hoxe non pode dicirse que sexa así, salvo entre unha parte das xeracións máis novas. 

Case nunca se fala, e menos se cuestiona, ademais, a propiedade dos medios e a súa tendencia a crear monopolios ou grupos enormes. Telecinco, Cuatro e outras canles como Divinity ou Energy son propiedade de Berlusconi que en Italia xa controla case todos os medios de comunicación, incluídas as editoriais. O principal accionista de El País é un fondo de capital especulativo, e así sucesivamente. 

Que pode facer ante isto un partido opositor? A resposta inicial parece clara: Apoiar a creación de novos medios. Pero, se ben a liberdade para crear calquera medio está garantida pola lei, na práctica case sempre resulta inviábel por falta de capacidade económica. É algo parecido á liberdade para facer turismo individualmente, viaxar e rexistrarse nun hotel. Existe, pero a maioría das persoas non poden exercela. 
Aínda así, é certo que, nalgúns casos, parece posíbel poñer en marcha algún tipo de información alternativa. O problema entón é que hai tantos medios e tan poderosos que as críticas desde un soporte pequeno pásanlle desapercibidas á maioría da opinión pública. Desde a II Guerra Mundial, os países desenvolvidos posúen riqueza suficiente para crear un “ruído” ambiental que anula calquera outra voz e de paso fai innecesaria a censura.

Que pode facer ante isto un partido opositor? A resposta inicial parece clara: Apoiar a creación de novos medios

Poderíase engadir que, nas últimas décadas, a censura foi, até certo punto, substituída tamén pola concesión arbitraria de liñas de crédito. A banca non sempre se guía pola análise neutra dos números. En moitos casos, actúa en base ao criterio de “confianza”, criterio tan elástico que tanto facilita a acción dun emprendedor cun bo proxecto, como promove o clientelismo. 

O diario Público, en papel, suspendeu a súa publicación en 2012, a pesar de que as súas vendas eran similares ás de La Razón, periódico que sen embargo continúa publicándose na actualidade. 
Non sempre, polo tanto, é a audiencia quen elixe. Algunhas grandes empresas, como Telefónica ou os propios bancos sistémicos, acaban converténdose en orientadores da opinión pública, debido ao modo no que escollen os medios nos que se anuncian. Constitúense así en orientadores interesados e non invitados. Son aspectos que o noso sistema, cando di garantir a liberdade de expresión, non contempla. A liberdade de prensa acaba véndose sometida case sempre a esa outra liberdade menos mencionada, pero moito máis importante, a liberdade de empresa.

Nestes anos, tamén se produciron curiosos equívocos. Un dos máis salientábeis é o que ocorreu co diario El País. Para moitos dos seus compradores era un medio de esquerdas. Sen embargo, segundo declarou Soledad Gallego-Díaz á revista Jot Down, que agora se distribúe co propio periódico: “El País non é un periódico de esquerdas; nunca o foi e nunca pretendeu selo”. 

Hai que lembrar que Soledad Gallego foi directora-adxunta do citado xornal e unha das súas principais referencias, até a súa recente xubilación. 

Ben é verdade que o de El País foi un equívoco ben planificado. Outros nomes propios da prensa española, como Pedro J. Ramírez, desde a dirección de Diario 16 á de El Mundo, fixeron da aparente confusión ideolóxica un estilo de bastante éxito, que tanto permitía denunciar os crimes dos GAL, con rigor e risco, como darlle manga ancha ao xornalismo máis amarelo.

Que debería facer entón, hoxe en día, un dirixente dunha forza opositora? Antes de nada, lembrar sempre que un partido debe coñecerse máis pola súa axenda que polas súas declaracións. É bastante máis crucial saber a que temas lle dá prioridade que o que opina o seu líder sobre un asunto, probabelmente secundario, que os medios puxeron esa semana de moda.

Que debería facer entón, hoxe en día, un dirixente dunha forza opositora? Antes de nada, lembrar sempre que un partido debe coñecerse máis pola súa axenda que polas súas declaracións

O que lle interesa á maioría dos medios non sempre coincide co máis importante e nin sequera co que lle interesa ao público. Pensemos no bombardeo de declaracións de certos partidos, no esforzo por converter en carismática a pouco carismática Susana Díaz, nos minutos dedicados a insulsos actos oficiais, pensemos en informacións que lles incumben apenas aos que viven nos Estados Unidos ou en que a TVG dese a noticia dun corte temporal de tránsito na Gran Vía de Madrid. 

Chomsky dixo unha vez que, nos Estados Unidos, cando un tema está a debate, significa que non é importante. É unha frase atrevida, pero tamén moi gráfica, que nos avisa sobre o funcionamento adulterado do sistema.  
Se o importante é a axenda, un político debe insistir niso. Aínda que non é, por suposto, doado. Dependendo do lugar que ocupe, será máis ou menos difícil. Fraga alcuñou a expresión “e punto”, para non desviarse do tema que lle interesaba, e Pujol acostumaba a dicir: “Hoxe iso non toca”.

Pero, que se pode facer cando os xornalistas, arrastrados por esa corrente única, insisten no mesmo asunto? Podes ofrecerlle, a cambio, algo interesante. É dicir, se queres introducir a túa axenda, leva preparados outros datos, outros titulares. A pesar de todo, a alma do xornalismo sempre será descubrir o que está velado. Se os medios se volven propagandistas, o político opositor debería volverse xornalista.



x