O título non é unha metáfora. Ten moito que ver coa profundidade democrática de cada país. As primeiras imprentas representaron un avance fronte aos púlpitos. A prensa obreira inglesa foi a vangarda do progreso, tanto tecnolóxico como democrático. Máis tarde, a súa influencia reduciuse, sobre todo a consecuencia das multas e das prohibicións. Tamén a Galiza que vai da revolución de 1868 ao final da II República coñeceu unha prensa vizosa e máis progresista e galeguista que a que veu despois.

 

Hoxe, hai intentos serios de censurar twitter. El País clamaba contra a internet e as redes sociais nun editorial recente. As redes non son ningunha panacea, como non o era a prensa en papel, pero representan un avance cara a pluralidade. Ao vello poder moléstalle o mundo dixital porque permite que calquera individuo informe ou opine e, polo tanto, obriga a debater máis e a aceptar as críticas. Sentíase máis cómodo coa prensa en papel, moi cara de facer, hoxe en día tamén máis restrinxida en canto a cabeceiras, e onde a única resposta posíbel pasa polo pequeno nicho das cartas ao director. O papel e as redes repiten, dalgunha forma, o dilema de finais do século XIX, entre o sufraxio censitario (só votaban os ricos) e o sufraxio universal.

 

El País clamaba contra a internet e as redes sociais nun editorial recente. As redes non son ningunha panacea, como non o era a prensa en papel, pero representan un avance cara a pluralidade

 

A comparación entre o mundo analóxico e o dixital ten todo o sentido no caso de Cataluña. Felipe González e algúns outros, incluído o periódico francés Liberation, acusaron os cataláns de sentirse superiores. Creo que non se trata de que sexan supremacistas, no sentido case nazi que lle pretenden outorgar. Trátase do contrario, de que a democracia en Cataluña está máis interiorizada, hai máis respecto, máis debate, moita máis pluralidade. Imaxínanse a violencia que existiría noutra parte de España ante un conflito así? Esta diferenza non é nova. Foi constatada hai décadas. Observárona os xornalistas estranxeiros que visitaron a Península no 36. Notábase xa nas crónicas da vida das distintas rexións hai máis de cen anos. 

 

En Cataluña, a TV3 conta só co 13% de audiencia, aínda así a conciencia de país medrou e medra. A estratexia do Govern e do independentismo, incluída a marcha de Puigdemont a Bruxelas, só se entenden desde a perspectiva do mundo dixital e da influencia das redes sobre os medios convencionais estranxeiros. A estratexia do Estado, en contrapartida, baséase na Xustiza, no poder coercitivo (eses barcos no porto de Barcelona: que imaxe tan antiga!), e nos medios convencionais españois.

 

En Cataluña, a TV3 conta só co 13% de audiencia, aínda así a conciencia de país medrou e medra

 

A prensa centrípeta española non entende a postura dos medios ingleses e norteamericanos. Á vella España, que presume de cosmopolita fronte a cataláns, vascos e galegos, nunca lle sentou ben viaxar ao exterior nin oír as opinións dos estranxeiros. Parece incapaz de saírse do papel da súa propia lenda negra.

 

A España profunda está apoderándose de novo da area, da ágora democrática. A compulsión e a deriva que se perciben, tanto en certos fiscais e xuíces, como en certos titulares abrasivos, corren o risco de botar pola borda o esforzo modernizador do que presumiu un día Felipe González e o talante do que fixo bandeira Zapatero.

 

A España profunda está apoderándose de novo da area, da ágora democrática

 

A cidadanía europea observa asombrada. Franco fíxonos revivir o medievo cos seus ritos e co seu arquetipo de español: metade monxe, metade soldado. O poder actual quere que permanezamos no analóxico século XX: o das palabras sedición e rebelión. A época dos editoriais sistémicos, unidireccionais e ameazantes.

 

Dan ganas de escribir que non entenden nada. Pero si entenden. Cebrián e os seus avatares de provincias saben que está expirando esa sociedade de sabios e conspiradores, sen dereito a réplica. Os maxistrados saben que manter na xudicatura tantas prazas reservadas á extrema dereita non lles será tan fácil sempre (aínda que é sorprendente como van aguantando). Tamén as portas xiratorias se comezan a facer públicas. Por canto tempo será posíbel manter na opacidade o nome dos que forman certos consellos de administración e incluso o nome dos grupos propietarios de certos paquetes accionariais?

 

Cebrián e os seus avatares de provincias saben que está expirando esa sociedade de sabios e conspiradores, sen dereito a réplica

 

A realidade dixital e a democracia avanzarán, a saltos, con retrocesos restauradores do pasado, como o que estamos vivindo estes días, con inercias, pero avanzarán. Igual que avanzan, a pesar das crises, o Produto Interior Bruto, a tecnoloxía e o nivel educativo. As novas xeracións non ven a televisión. Vaian tomando nota porque é importante.

 

As novas xeracións non ven a televisión. Vaian tomando nota porque é importante

 

E esta é unha evidencia non só para os que ocupan o poder, senón tamén para os que, desde a oposición, non están aínda preparados para o debate. Non nos confundamos de Transición, esta non será igual que a outra. A política baseada en consignas, en teoría dirixidas a unha sociedade rebelde, pero que no fondo debe obedecer os seus liberadores, esa política non desaparecerá, pero irá perdendo peso e máis rápido do que cremos.  



x