O capitalismo español, ou cando menos unha parte decisiva del, non é industrial nin tampouco financeiro. Está formado, ante todo, por comisionistas, intermediarios improdutivos, que viven dos seus contactos co Estado e da mordida. Este panorama hai anos que desgusta as trasnacionais que teñen un papel determinante no eixo EEUU-UE.

Só este incomodo externo co capitalismo español pode explicar que, cada vez que o PP está a punto de recuperarse, lle estale un novo escándalo de corrupción, difundido con puntualidade pola maioría dos medios. Quen move eses fíos se non é Europa?

Pero hai outros factores internos que tamén contan e moito. Trátase do problema territorial. O que rompe España é o PP, coa súa persistencia, nos últimos anos, en non dialogar co autonomismo catalán, provocando a súa radicalización. Algo parecido sucedeu coa crise cubana, a finais do XIX, e provocou a independencia da illa.

O que rompe España é o PP, coa súa persistencia, nos últimos anos, en non dialogar co autonomismo catalán, provocando a súa radicalización

O PP puxo antes o interese electoral partidario que o interese de España, ao contrario do que pretende facernos crer. Utilizou a recollida de sinaturas contra o reformado estatuto catalán para fortalecer a súa ideoloxía e as súas bases, aínda que era evidente que iso, a medio prazo, ía debilitar o propio Estado.

Esa táctica de cortas miras víñalle ben, porque poñía en contradición os dous celeiros tradicionais de votos socialistas: o catalán e o andaluz. Rompía o PSOE e consolidaba o seu propio poder.

Toneladas de propaganda españolista e anticatalá fixeron o seu traballo. O diálogo co nacionalismo fai perder votos na España do centro e do sur

Agora España corre efectivamente o perigo de romperse. A máis forza do PP, máis grande é ese perigo. E resulta moi difícil volver atrás. Aínda que unha nova dirección do PP tomase conciencia do problema e quixese recuar, o dano está feito. Toneladas de propaganda españolista e anticatalá fixeron o seu traballo. O diálogo co nacionalismo fai perder votos na España do centro e do sur. O nacionalismo é tabú a nivel social en Terra Ancha. E as direccións políticas xa non teñen marxe de retroceso.

Europa ve así que, por unha parte, lle gustaría unha certa renovación das tradicionais cúpulas españolas, bastante anquilosadas, pero, por outra, prefire a estabilidade que neste momento só pode traer o PP.

Podemos e os nacionalismos gozan de menores simpatías. A UE prefire o vello, sempre que cumpra as expectativas de déficit, antes que correr riscos. Trátase dunha solución provisional que non serve para frear a cacarexada ruptura de España. Este nó gordiano só se rompería cun golpe de man e moita imposición. Algo así como un rexeneracionismo centralista. A historia xa coñeceu un intento semellante: foi a ditadura de Primo de Rivera e non deu resultado.

Por certo, ese apelido, Rivera, parece estar aí para indicarnos que o pasado tamén é capaz de facernos as súas chiscadelas.

 

    



x