Decididamente, Feixóo non é Fraga. O león de Vilalba, quizais arrastrado pola súa forte personalidade, non deixou de mostrar, aínda que con claros límites, o seu grado de autonomía fronte a Madrid e, tamén, e de forma non menos importante, o seu pacto coas elites galegas, provinciais e económicas. En tempos de Fraga, esas elites negociaban que cando menos unha parte dos beneficios ficase en Galiza.

Hoxe xa non é así. A entrada en prisión de varios directivos das antigas caixas, e con independencia do que un pense sobre eles e a súa xestión, é, como escribiu en titulares La Voz de Galicia, unha medida “exemplarizante”. Curioso que as medidas exemplarizantes se tomen nun territorio que se vén mostrando tan feble no económico e no político como Galiza. A nosa comunidade non é, nin de lonxe, Valencia nin Madrid. A burbulla inmobiliaria e o enriquecemento de aquí non admite comparación cos que se produciron no Levante e na hipertrofiada capital española. Pero, as medidas deben ser exemplarizantes en Galiza! 

Curioso que as medidas exemplarizantes se tomen nun territorio que se vén mostrando tan feble no económico e no político como Galiza

O locuaz e comunicativo presidente galego, cando de falar en emisoras madrileñas se trata, declara que estes asuntos non teñen nada que ver con el. Até agora coñeciamos a súa falta de iniciativa para reactivar a economía e crear emprego, pero desde este momento coñecemos tamén a deslealdade que mostra cos que sempre oíron as súas peticións, por máis discutíbeis que estas fosen, cos que apoiaron e ampararon o seu partido. Con esa actitude, Feixóo non actúa como presidente dunha comunidade autónoma, actúa como o delegado do poder central. E, a cambio de que? Probabelmente dalgún hipotético beneficio propio. 

Oxalá o sucedido estes días servise de punto de inflexión político para os cidadáns que pasaron os últimos anos observando como se destruía o noso sistema financeiro, mentres a economía madrileña era responsábel de nada menos que un terzo da débeda pública española, o que representa case o 30% do PIB e a maior parte da débeda privada. Como se dixo xa algunha vez: Madrid pasou a esponxa. Desde o estalido da crise, dedicouse a drenar recursos da periferia para cerrar ese gran pozo.

Feixóo non actúa como presidente dunha comunidade autónoma, actúa como o delegado do poder central. E, a cambio de que?

O que acaba de suceder coa entrada en prisión dos directivos das caixas é un dos últimos capítulos dun proceso de declive. Lembremos, por exemplo, cando Feixóo mostrou a súa satisfacción porque Nova Galicia Banco, o froito da fusión das dúas caixas, fora o primeiro banco intervido do que se confirmaba a venda. A Feixóo non só non parecía importarlle que pasase a mans alleas unha entidade que dispuña naquel momento de 110 mil empresas como clientes, 9.800 millóns de liquidez e un 40% da cota de mercado na nosa comunidade, senón que se felicitaba como se tivese logrado vencer nalgún tipo de campionato.

O goberno galego tamén lle deu o visto bo, no seu día, ao recorte adicional de recursos autonómicos e municipais en case vinte mil millóns de euros, só para permitir un aumento do gasto e do déficit do goberno central. Do mesmo modo que aceptou a redución do tramo autonómico do IRPF, etc.

Coa súa pasividade, Feixóo acentúa un drama que afecta a toda a elite política e económica galega que xa non é capaz de articularse nin de darse a valer e que, en consecuencia, dispón cada vez de menor masa crítica. Os paus caían sempre sobre os que facían oír a súa voz, pero ao final acabaron caendo sobre todos.

Talvez algún día vexamos a Feixóo de embaixador nalgún lugar cómodo, no que poida broncearse. 



x