Fermín Bouza acaba de morrer, por sorpresa, aos setenta anos. Era un sociólogo lúcido que, sen embargo, non facía moita vida social. Tal vez, en parte, por iso non era todo o coñecido que debería.

Deume clase de filosofía en 1978, na universidade complutense. Insistía moito nos presocráticos e dicía que Freud non era santo da súa devoción. Era amigo de Xosé M. Pereiro e de Manuel Rivas, unha amizade que mantivo sempre. Entre os tres, e algúns máis, crearon a APG, unha escisión case madrileña, mínima pero brillante, da ANPG, o xermolo do Bloque. O colectivo durou moi pouco, como todas as vangardas estéticas. Naquela época, había moitos grupos que, reclamando a Mao, a quen realmente admiraban era a Dadá.  

Bouza, maior en idade que os demais, era un bo profesor, ilustrado e próximo. Por iso recorrín a el para que fose o meu director de tese, vinte anos despois. O presidente do tribunal que a xulgou era Santos Juliá. Bouza asistiu á lectura cunha camisa de cadros, tipo leñador, e unha garabata ocasional. Á saída, Fermín Bouza e Santos Juliá mantiveron unha breve agarrada dialéctica. Os dous eran, naquel momento, colaboradores de El País, aínda que Bouza de forma máis esporádica. Sen embargo, a temática galega, que motivaba a miña tese, separábaos irremediabelmente.

Era amigo de Xosé M. Pereiro e de Manuel Rivas, unha amizade que mantivo sempre. Entre os tres, e algúns máis, crearon a APG

Fermín publicou infinidade de traballos en revistas, boa parte deles relacionados coa comunicación. Pero non era alleo, en absoluto, á literatura. Víñalle de familia. A súa novela Longo voo de paxaro pareceume no seu día estraña. O mellor libro que publicou foi, probabelmente, Labirinto de inverno, no que mostraba sinceridade interior e unha natureza poética.

En Fermín observábase unha dualidade de estilo. Redactaba mellor as entradas do seu blog “El voto con botas”, que os artigos destinados ao papel. No blog exhibía unha prosa moderna, no papel deixábase arrastrar por certos convencionalismos retóricos. Desde ese blog avisou de que Touriño e Quintana podían perder as eleccións. Para algúns, era o gurú electoral do galeguismo.

Ademais de catedrático de Opinión Pública, daba a impresión de manter os contactos que fixera na época na que asesorou a Felipe González. Contactos, sobre todo, no CIS, o Centro de Investigacións Sociolóxicas, unha das poucas institucións españolas que aínda conserva boa parte do seu prestixio. 

O mellor libro que publicou foi, probabelmente, Labirinto de inverno, no que mostraba sinceridade interior e unha natureza poética

Fermín lembraba, sempre que viña ao caso, que o PSOE perdera as eleccións de 1996 porque moitos dos seus dirixentes estaban mentalmente esgotados, tras as críticas de corrupción. El cría que, cun pouco máis de esforzo, aquelas eleccións podían terse gañado. Con todo, nunca militou no socialismo. Gustáballe máis declararse galeguista. Niso non dubidaba. Nos últimos meses criticou bastante a González. Sentíase máis perto da alternativa que se puidese crear arredor de Podemos

En xeral, e desde o blog, daba bos consellos políticos. Eu, como comentarista, discrepei algunhas veces. Parecíame, por exemplo, que relacionaba moi pouco a economía coa política. E Fermín cando entraba en polémica, facíao en ton agresivo e displicente, algo bastante común aos opositores da súa xeración que non puideron evitar contaxiarse dalgúns dos trazos autoritarios do réxime. Pero era unha persoa xenerosa, con escasas ambicións persoais. Sempre pendente de Galiza, coma se en Madrid lévase só uns meses e non corenta e sete anos.

Nota de Sermos: Fermín Bouza morreu en Madrid o pasado 29 de outubro. 



x