1. A nova política está dirixida a un público educado, ante todo, no consumo. Fronte ás vellas tendas de mostrador, nas que tiñas que pedir o que querías, impúxose o deambular libre do supermercado.
O consumidor-elector non pide consistencia orgánica senón utilidade inmediata, igual que o comprador en Ikea ou nos chinos non pide que o produto sexa de madeira maciza e que dure moito, senón que dea resposta ás súas necesidades a curto prazo.
Tras a perda de votos nas últimas xerais, algúns xa pediron a dimisión de Iglesias. A rotación de políticos como a de produtos. Usar e tirar.
¿A quen lle pode estrañar que esta nova política se dirima no mesmo espazo que a publicidade comercial, é dicir, a televisión? As facultades de Ciencias Políticas e Socioloxía non forman maioritariamente políticos. O que se ensina alí, basicamente, é a facer estudos de mercado. Algunhas cambiaron o seu rótulo e agora chámanse facultades de Ciencias Sociais e Publicidade.

2. Podemos e as Mareas cabalgan sobre este novo público, sen entendelo moi ben e sen saber onde os leva. De aí, a linguaxe, ás veces, críptica dos alcaldes. 
Nas Mareas ninguén sabe se hai que ser máis asembleario ou máis cupular. Decidiron alternar entre unha tendencia e outra. 
O BNG escolleu apartarse, a costa de quedar sen apenas audiencia.

3. Pero este é só un aspecto da realidade. As librarías volven estar cheas de libros que falan de política, despois de anos de ermo teórico. Os líderes emerxentes citan a novos ideólogos, a Gramsci e incluso a Lenin.
Pero creo que están cometendo o mesmo erro da socialdemocracia: separar a política da economía. Non chega con citar o Ibex. É necesario coñecer ben a estrutura económica do país e aportar solucións. A Pablo Iglesias preguntáronlle, hai algún tempo, cal era a súa alternativa económica e el respondeu que a industrialización, pero despois non soubo concretar ningún sector no que España puidese ter vantaxes comparativas.
En realidade, as dúas forzas emerxentes encargáronlle os seus programas económicos a expertos independentes do partido –Luis Garicano no caso de Ciudadanos e Juan Torres e Vicenç Navarro no caso de Podemos–, como quen encarga o deseño de carteis. Os líderes non entenden de economía! Descoñecen o mapa produtivo básico do país. ¿De que serve citar a Laclau se non sabes se a enerxía solar é unha alternativa, nin se lle debes permitir producila aos cidadáns, para que estes lle vendan despois a sobrante á rede, nin que efectos terá isto sobre as contas das poderosas compañías eléctricas e, polo tanto, sobre a postura política dos seus directivos?
Parece moi indicativo que mentres os líderes de Podemos saíron dunha facultade de Ciencias Políticas, os do nacionalismo saísen, historicamente, dunha facultade de Económicas.

4. E agora, un par de preguntas. ¿Pode o BNG seguir vendendo mobles de madeira maciza, máis caros e cun deseño anticuado, fronte a competencia de Ikea?
¿Poden as Mareas presentar un candidato cun ideario político moi semellante ao de Leiceaga –ver entrevista a Luís Villares, La Voz 6 de agosto– sen converterse en algo así como a organización xuvenil do PSOE (tendo en conta que hoxe en día o concepto de mocidade acostuma a estenderse até os 40 anos)?
Leiceaga e Villares, dous candidatos honestos, rigorosos e que teñen a Galiza como norte. Ambos lideran tamén dúas candidaturas altamente inestábeis.



x