Tras os fracasos de Ibarretxe e agora Puigdemont, en que punto se encontra o nacionalismo? En primeiro lugar, hai que ver porque fracasaron. Ibarretxe tiña o lastre da ETA, que sigue activo en Euskadi, como un punto contaminante. ETA, sobre todo desde o atentado de Hipercor, contribuíu a que cambiase o sentido da solidariedade progresista no resto do Estado e facilitou o renacemento dun novo españolismo, non vinculado ao franquismo, da man sobre todo dun feixe de intelectuais que, posteriormente, se agruparon arredor de partidos como UPyD e de xornais como El País.

 

Puigdemont acaba de chegar moito máis lonxe. Realmente puxo en apuros o Estado español. Se non houbo máis violencia foi polo papel de control da UE, que non desexa darlle argumentos a Estados como o turco ou o venezolano, cando esgrimen que en Europa tamén se golpean as liberdades.

 

En contra do soberanismo catalán (e do vasco) xoga aínda a masa de inmigrados nos sesenta. Unha inmigración programada, en parte, non casual. Os seus fillos xa non xogan o mesmo papel. Polo tanto, é posíbel que a próxima xeración modifique, á alza, a porcentaxe de soberanistas.

 

Puigdemont acaba de chegar moito máis lonxe. Realmente puxo en apuros o Estado español

 

E, por suposto, en contra de Ibarretxe e Puigdemont xogou a doutrina da España única e indivisíbel, proclamada pola Constitución.

 

Pero, a idea da España unitaria non é responsabilidade só dos pais da Carta Magna. Sempre estivo moi ben instalada na mentalidade da poboación, sobre todo na Meseta e Andalucía.

 

España, como Estado moderno, comezou a constituírse no último tramo do século XIX. O código civil español, que eliminou normas autóctonas e o dereito consuetudinario, é de 1889. A I República abriu a posibilidade de escoller entre dúas vías: a federal, de Pi i Margall, e a unitaria. Esta segunda foi a que se impuxo. Tanto é así, que a II República foi xa máis uniformizadora que a Primeira. Nin Azaña nin o PCE estaban nada conformes, no 36, coa idea dunha España plural, como ben soubo ver Castelao. A España de esquerdas é maioritariamente estreita de miras, a este respecto. (Beiras debería telo sabido cando se sumou ao proxecto de Podemos e IU. Tería evitado o “desencanto” actual, que acaba de confesarlle á revista Luzes).

 

Nin Azaña nin o PCE estaban nada conformes, no 36, coa idea dunha España plural, como ben soubo ver Castelao

 

Que facer ante este panorama? En primeiro lugar, comprender que a historia non acaba aquí. España é así desde hai moitos anos, como acabamos de ver. Cando menos agora non tivemos os tanques de Milans na rúa, como en 1981.

 

O feito de que o horizonte soberanista pareza agora máis inalcanzábel que hai un par de meses, non modifica a realidade subxacente, pero esa imaxe debe servir, sen embargo, para que o nacionalismo corrixa erros. 

 

Xavier Campos lamentaba, nun artigo deste domingo, a ausencia de voces non nacionalistas que apoiasen o dereito do nacionalismo a defender as súas ideas, seguindo uns principios exclusivamente democráticos. Coincido con el, pero ao mesmo tempo lembro as voces recentes que, no nacionalismo, se empeñaron en trazar liñas separadoras, por exemplo, co galeguismo. 

 

Haberá que, ademais de defender o dereito do nacionalismo a existir e a defender o seu programa, haberá, digo, que trazar unha política de alianzas con máis matices, cunha escala cromática máis ampla. Certo que o panorama é limitado, sobre todo cando se ven actitudes como a de Leiceaga, que Campos tamén anota, pero creo que tampouco é pedagóxico, por parte do nacionalismo, insistir tanto nos máximos e tan pouco nos mínimos, como ocorre ás veces.

 

Ademais de defender o dereito do nacionalismo a existir e a defender o seu programa, haberá, digo, que trazar unha política de alianzas con máis matices

 

Ademais disto, quixera facer dúas anotacións, á marxe.

 

Primeira. O Estado, coa súa actuación, acaba de espertar de novo elementos que non o benefician: a extrema dereita actuante, as dúbidas sobre a independencia xudicial e o emprego descarnado da propaganda en medios que, noutras épocas, gozaron de prestixio. É dicir, o Estado e os seus servidores non saen incólumes nin limpos do conflito catalán. A retirada de urnas –aínda que fosen ilegais– por parte da policía non é nin será unha boa imaxe para o Estado. En Europa vírono con claridade.

 

O Estado e os seus servidores non saen incólumes nin limpos do conflito catalán

 

Segunda. Estamos en medio dunha crise, sen visos de saída. Raxoi é un presidente con poucos deputados, aínda que con apoios. Cada vez está máis claro que o IBEX 35 ten un gran papel na política. (Con que lei, con que Constitución casa iso?).

 

Raxoi non se pode sentir, de ningún modo, seguro no seu posto. As crises cárgaas o diaño. As crises traen sempre consigo unha gran mobilidade política. Sigamos atentos.

 



x