1.-Hai moita atención á política, pero probabelmente segue sendo numeroso o público (progresista e nacionalista) que se mantén como observador. A Marea, coa súa confusión e certa dose de frivolidade, non os motiva. Non se sentirían cómodos aí. Tampouco o BNG que está en mínimos. Ollo, este sector, hoxe durminte, pode ser decisivo no futuro.

2.-O día despois. Unha vitoria de Feixóo daría lugar a un novo inicio de partida. E unha vitoria de En Marea pode acabar en frustración. Pelexas polos cargos, moitas correntes internas en competencia, programa pouco claro e liderádego sen consolidar. Se o bipartito non resistiu os ataques, parece difícil que os poida resistir En Marea, formación apresurada e inexperta. A ese novo goberno talvez lle custase resistir catro anos. Esta é a perspectiva pesimista, pero posíbel.

3.-A revancha de Podemos. O xefe de tribo do Yucatán viu como os seus guerreiros conseguiran fundir un barco coas insignias de Castela. Entón avisounos: “Se veu ese barco, quere dicir que pronto virán máis”. A primeira derrota de Podemos, que tivo que renunciar á súa sigla, viuse pronto compensada nas listas. Moi ben compensada: catro dos cinco primeiros postos para Podemos en Pontevedra, tres dos cinco primeiros na Coruña. Na franxa atlántica, a máis poboada, un votante de sensibilidade nacionalista terao difícil para verse representado na Marea. Echenique negociou ben na súa última visita a Santiago.

4.-Aínda que os manuais marxistas non falaban apenas de liderádego e a pesar de que a figura do carisma foi teorizada por Max Weber, que non era de esquerdas, o certo é que as organizacións non fraguan, nin internamente nin ante o electorado, sen un líder convincente e que brille. Villares encarnaría esa posibilidade de converterse na síntese química entre todas as tendencias e nunha figura recoñecíbel ante a sociedade. Pero o grupo parlamentario que se albisca limita as súas posibilidades. Pode converterse nun refén. O único independente, pero con raíces nacionalistas, rodeado de deputados que estiveron a punto de ir noutra candidatura. Beiras déixalle unha herdanza difícil de xestionar.

5.-A lección vasca. Podemos viu no País Vasco a súa oportunidade. Bildu camiña cunha mochila demasiado pesada. Mochila, por certo unha palabra de orixe vasca, é a metáfora da pasada violencia de ETA. Podemos presenta como candidata á irmá de Zabala, un dos enterrados en cal viva. Trátase, sen ambigüidades, de captar o electorado abertzale. Algo parecido ocorre en Galiza coas Mareas, se cremos o titular da Voz, 14 de agosto: “Unha operación para engulir o BNG”. A Voz non practica a pesca sen morte.



x