O antigo cinto vermello de Barcelona vota polo Ibex 35. Sería fácil titular así. Sería correcto, pero superficial. O que explota Cidadáns non é un conflito de clase, senón un conflito interno de identidades. Conviven dúas identidades dentro de moitos dos votantes de Inés Arrimadas, sobre todo dentro dos que son inmigrantes de primeira xeración.

 

Aznar, de quen se di que inspira o partido de Rivera e Arrimadas, xa o augurou ao comezo do Procés: “Antes de que rompa España, romperá Cataluña”. É unha profecía que, desde Madrid, moitos intentan por todos os medios confirmar. Estano logrando, pero só até certo punto, en medida insuficiente. Non pode ser doutra maneira, por motivos que máis adiante explicaremos.

 

Un catalán recibe a mesma imaxe dos medios de comunicación que calquera outro cidadán de España, simplemente porque son os mesmos medios: cadeas de televisión, radios e prensa. Todos eses medios veñen ofrecendo unha información alarmista que identifica o proceso de independencia con fronteiras, dificultades de movemento e de ser atendidos por un médico. Ao parecer, eses inmigrantes andaluces, estremeños ou galegos, poderían ser atendidos pola sanidade francesa ou de calquera outro país europeo, pero non pola dunha Cataluña independente. A hipotética expulsión da UE desa hipotética Cataluña dálle certa base real as dúbidas.

 

Dese medo nace o voto a Cidadáns. E tamén, en non menor grado, dun conflito afectivo. Quen ten as súas raíces noutras terras, quen mantén familiares noutros lugares de España, quen visita de cando en vez ou incluso mantén casa en Cádiz ou en Ourense, é bastante natural que sinta temores ante a palabra independencia. O sentimento de dupla identidade é unha característica clásica do inmigrante, de todos os inmigrantes, en calquera país. A vontade integradora demostrada polo nacionalismo catalán, as garantías que trataron de ofrecerlle a este electorado os defensores do “si” no referendo, non poden evitalo, sobre todo cando desde España se fai o labor inverso de alimentar o conflito con ideas identitarias e populistas. O españolismo en Cataluña é un populismo que se alimenta de medos comprensíbeis, pero só superficialmente razoados. Curiosamente, é case a mesma acusación que desde Madrid se lle fai aos independentistas. Boa parte do voto a Cidadáns é sentimental, por iso a esa parte do electorado non lle importa que Rivera e Arrimadas estean ao servizo do Ibex 35. Para eles, non é o máis importante agora.

 

Nos anos setenta e incluso oitenta, era doado encontrar taxis de Barcelona nas estradas galegas, sobre todo aparcados na cuneta, o día da festa. Nas noites de verán, nalgunhas vilas, os “cataláns” son un dos grupos recoñecíbeis. Hai persoas que os rexeitan porque protestan máis e comezan as frases dicindo: “Pois isto, en Barcelona faise así ou custa tanto…”.

 

É a parte mala de ter dúas identidades, en Cataluña son galegos, en Galiza cataláns. Entre esas persoas hai votantes do PP, de Cidadáns e algúns que, se vivisen en Galiza, votarían nacionalismo, pero que en Cataluña non se atreven a votar nacionalismo ou independentismo, aínda que leven alí corenta anos. Ser inmigrante non acaba de ser o mesmo que catalán de varias xeracións. Ti levas outra carga na túa mochila e outros déficits. Todo iso pode ser integrábel e xerar unha boa convivencia, pero tamén pode dar pé a un conflito, cando se dan determinadas circunstancias, como ocorrería con calquera outra diferenza social. As persoas estamos cruzadas por múltiples contradicións, unhas veces son máis visíbeis unhas e outras veces as outras.

 

O éxito de Cidadáns leva dentro ese conflito. Non é só un conflito cos independentistas, senón tamén un conflito no interior de moitos dos seus votantes. A conclusión é clara. O independentismo ten un proxecto, pode que utópico, ben ou mal xestionado. Cidadáns, o chamado constitucionalismo en xeral, non ten, en cambio, ningún proxecto para Cataluña. Por iso pode gañar parcialmente unhas eleccións, pero nunca poderá gobernar.

 

A proposta máis intelixente de España en Cataluña foi a de Maragall e a daqueles mitins masivos de Zapatero. Aos dous, a España eterna lles fixo pagar o seu prezo. Con tan pouca flexibilidade, o resultado é este: nova maioría absoluta independentista e un conflito que se prolonga.   



x