Como se crea un partido? Un partido é un conxunto de símbolos e de referencias compartidas que acaban conformando un cultura política e, por suposto, un partido é a representación dos intereses dunha parte da sociedade.

O PP foi creado pola administración franquista, polas familias que de vello manexan o poder e por iso que Fraga chamou, hai moitos anos, “franquismo sociolóxico”, esa poboación que herdou as ideas de orde da posguerra e medrou co crecemento dos sesenta.

O PSOE é a suma dunhas siglas expropiadas aos seus militantes históricos, liderados por Llopis, o apoio económico e a dirección política do SPD alemán e de Kissinger, o secretario de Estado norteamericano, o diario El País, como organizador colectivo, e unha serie de cadros procedentes do PCE, que era daquela o único espazo político onde había militantes progresistas con experiencia, máis algúns engadidos, con vínculos co falanxismo, como Barrionuevo, e estudados en colexios de elite como El Pilar.

O Bloque naceu ex novo, dunha xeración case adolescente, con escasos vínculos co galeguismo histórico

O Bloque naceu ex novo, dunha xeración case adolescente, con escasos vínculos co galeguismo histórico, aínda que ben seleccionados desde o punto de vista simbólico –Castelao, Bóveda, Rosalía– e cunha parte pequena pero central, formada na clandestinidade, a UPG. Esta, a UPG, tamén con algunhas particularidades. A Reboiras, estudante de peritos, deulle a coñecer o galeguismo Xaime Illa Couto, cofundador de Galaxia. 

Ese nacionalismo, ao que se apuntaron moi pronto un bo número de mozos que aproveitaron os pequenos excedentes agrarios familiares dos sesenta para estudar na universidade, foi converténdose, pouco a pouco, en expresión do que a Galiza máis popular era e do que podía chegar a ser. 

Vaiamos á actualidade. Podemos representa o espírito do 15 M, mocidade ben preparada, frustrada de golpe pola crise. Como ben dicía o seu lema: “Non estamos contra o sistema, o sistema está contra nós”. Non podía ser máis expresivo e sincero. Xóvenes, futuras clases medias e incluso medias altas, sorprendentemente proletarizados ou condenados a emigrar. Os arquitectos e os enxeñeiros na Oficina de Emprego, protestándolle a unhas empregadas atónitas. Os cadros dirixentes –ben coñecidos agora– saíron en boa parte do PC ou das súas proximidades. Eran novos e viron o seu momento de oportunidade. Bregáronse en televisións de barrio e moi pronto fichounos a Sexta. A Sexta, velaí unha cadea, propiedade do grupo Planeta que tamén é propietario da conservadora Antena 3 e do diario La Razón. O grupo catalán de Lara aplicou a técnica, pouco habitual en España, de xogar en ambos lados do espectro ideolóxico.

Podemos ten futuro, representa a unha nova xeración e, antes ou despois, acabará uníndose ao PSOE ou ocupando o seu espazo.

Por último, analicemos o que agora máis nos interesa, a Marea Galega, fundada a finais de xullo no Auditorio Mar de Vigo, baixo o aspecto dun “partido instrumental”, co ánimo de non molestar a algúns dos partícipes que xa existían anteriormente como partido.

Un partido novo é tamén un imán para os que buscan realización persoal, poder e sobre todo, neste momento, un cargo con salario

A Marea Galega é o froito, sen dúbida, do espírito creativo de Beiras que, desde a fundación de AGE, o seu precedente, presume de ter roto o tabú da separación de nacionalistas e non nacionalistas. Sendo isto importante, e vendo os primeiros episodios da formación, encontro outros elementos que me parecen igual de decisivos. Cal é a materia humana que acude á chamada de Beiras? Podería sintetizarse en dous tipos: os menores de 40 anos ilusionados agora coa política e en busca de emprego –é dicir, o paralelo galego do 15 M– e un segundo grupo, tan numeroso como o anterior, composto de vellos militantes, en parte rebotados, ou que simplemente non encontraron o seu sitio, sobre todo no BNG.

Un partido novo, ao que se lle agoiran uns grandes resultados e en medio dunha forte crise económica, é tamén necesariamente un imán para os que buscan realización persoal, poder e sobre todo, neste momento, un cargo con salario. Son ademais grupos moi distintos, con culturas políticas diferentes e, unha boa parte, sen práctica política anterior. Unha mestura política complexa, potencialmente explosiva,. Tamén un grupo de persoas moi necesitadas dunha saída e dunha ilusión. Este é o seu aglutinante.

Ten futuro a Marea Galega como o ten Podemos? Creo que non está tan claro. Para logralo debería resultar un éxito o liderádego de Villares

Ten futuro a Marea Galega como o ten Podemos? Creo que non está tan claro. Para logralo debería resultar un éxito o liderádego de Villares, unha persoa sen experiencia orgánica, e tería que consolidar en pouco tempo un sistema organizativo que a fixera viábel. 

De non conseguilo, Beiras pode acabar pasando á historia como un deses empresarios visionarios, con facilidade para abrir mercados novos, pero con dificultade para xestionalos. 



x