Fagámoslle caso, por unha vez, a Raxoi e centrémonos, exclusivamente, no sentido común. Deixemos así atrás os adoutrinamentos, as ideas nacionalistas e as perturbadoras ideoloxías, en xeral. Raxoi, ao fin e ao cabo, leu e fíxose seguidor, xa de moi novo, daquel libro, escrito polo ministro franquista Gonzalo Fernández de la Mora, que se titulaba O crepúsculo das ideoloxías. Exerzamos entón o simple e sinxelo sentido común. 

 

Se, nunha parte do teu país, resulta que aparecen un 10%, incluso un 15%, de independentistas, podes atribuílo a que sempre hai xente pechada e fanática, a que é un modo de protestar, a que disconformes hainos en todos os sitios, se non é por unha cousa é por outra. Pero, en todo caso, estás bastante seguro de que as institucións non corren perigo.

 

Se a porcentaxe é xa do 25%, o natural, o normal, o de sentido común, é que te preocupes. Que pidas informes realistas, que te entrevistes con algúns líderes ou representantes dese 25% e que lles preguntes que lles pasa, por que se poñen así. Algunha razón debe haber, pensas. Todo o mundo ten algo de razón no que di. Ademais, un de cada catro, non pode considerarse só unha rareza ou o froito da manipulación duns cantos historiadores. Por outra parte, un 25% xa empeza, só empeza, a comprometer as institucións. E o peor de todo, se iso segue así, a cousa pode aumentar e pode incluso contaxiarse a outros lugares. Así que, o dito, informes, interlocución directa e xa veremos. Pode, mesmamente, que haxa que facer algo. Tomar algunha decisión por parte do goberno e do Estado. Igual nos estamos equivocando nalgunha cousa e cómpre solucionalo antes de que sexa demasiado tarde. 

 

Así que, o dito, informes, interlocución directa e xa veremos. Pode, mesmamente, que haxa que facer algo

 

Se alguén me di que ignore ese 25%, que o Estado é moi forte, que xa lles pasará, que se aburrirán, non debo facerlle caso. Son unha persoa responsábel. E unha persoa responsábel non se cruza de brazos ante un problema. Iso é de sentido común.

 

Ah! Pero, e se ese 25% se converte nun 35%? Aquí xa non hai dúbidas de ningún tipo. Estamos ante un problema e bastante serio. Non só hai que analizalo, senón tomar medidas. Esas medidas, en primeiro lugar, non deben facer que o problema aumente, non hai que provocar un incendio, senón o contrario. A información e o diálogo que vaian por diante. Imos ver que pasa. Lamentamos non ter actuado antes, non terlle dado a importancia que merecía. Isto é como unha enfermidade e resulta que non tivemos en conta os primeiros síntomas. Vamos buscar apoios nese lugar, mirar se podemos convencer cunha propaganda intensa, pero tamén intelixente, a unha parte dese 35%, apliquemos a pedagoxía. E algunha concesión haberá que facer, talvez. E tamén eles a nós, por suposto. Non existe a política sen diálogo e concesións mutuas. 

 

E algo máis fundamental aínda: imos renovar o noso discurso unitario que, polo que parece, se está quedando desfasado e perde adeptos. Falamos con expertos, con políticos veteranos de aquí e de alá, coas novas xeracións, e propoñemos un modelo renovado de convivencia común. As leis que duran son as que se modifican a tempo. É algo que sabe calquera historiador ou estudoso das leis.

 

Ah! Pero que facemos cos que se negan a dialogar, dun lado e do outro? Imos ver. Isto é serio e vai en serio

 

Ah! Pero que facemos cos que se negan a dialogar, dun lado e do outro? Imos ver. Isto é serio e vai en serio. O diálogo debe ser franco e os que se neguen a participar quedan fóra. Sempre imos ser maioría os que participemos, simplemente porque o sentido común e o ánimo de ser positivo é o que domina sempre entre a maior parte da sociedade. Os demais son rebeldes por natureza. Deste modo, o consenso acabarase impoñendo. O contrario é ir ao choque directo, á confrontación e, deus non o queira, a un conflito violento. Iso nunca, antes diso mellor ceder todos un pouco. Tratemos de comprendernos e escoitarnos. Sexamos responsábeis e serios, por favor.

 

Última posibilidade. O número de secesionistas rolda o 40-45%, incluso pode ser que chegue ao 50%. Aquí xa, hai que tocar a rebato. Reunión das altas instancias e análise e autocrítica fonda. Alguén estaba a durmir. Como puidemos ter chegado a isto? Está claro que persoas con importantes responsabilidade cometeron, non un, senón varios erros graves. Non pode ser que a metade ou case dunha parte do país se queira marchar. É un desprezo. Pero como pode ser, se ademais somos nós, e non eles, os que contamos con todos os aparatos do Estado. Os seus demagogos non poden ser tan eficaces. Nin sequera teñen apoio exterior. Iso non sucedeu nunca en ningún lado, se non hai outros motivos. Ten que haber un caldo de cultivo de todo iso e, por suposto, repito, varios erros nosos e dos gordos. Os separatistas son malvados, están causando serios problemas, non nos deixan atender outros asuntos importantes, pero non se pode negar que en algo fallamos para ter deixado que as cousas chegasen até aquí. Quizais non estivemos atentos e non os escoitamos o suficiente, tal vez fixemos algo que os molestou, pode que estivésemos moi ocupados noutras cousas e non intentamos resolvelo. Claro que parece incríbel que non nos queiran. Os estranxeiros sempre din que somos un pobo simpático e hospitalario. Onde hai un español hai alegría. Ademais, a unión fai a forza. A unión está detrás de case todas as fases de progreso que se deron na historia. Pero, como poden querer marchar se temos unha longa tradición común? E hoxe mesmo: acumulamos medallas en case todos os deportes, falamos a segunda lingua en importancia do mundo. Non ten lóxica que, sabendo castelán, se empeñen en falar linguas pequenas que moi pouca xente entende. Quen ía dicilo hai uns anos? Parecía unha moda que acabaría pronto. 

 

Si, ben. Todo iso é verdade. Eu tamén o penso. Pero agora as cousas están como están. Un político non pode caer na nostalxia nin no sentimentalismo. Un político afronta a realidade. E agora toca refucir as mangas, frear isto e buscar unha solución. Por un lado debemos mostrar que somos un Estado sólido, pero por outro debemos ser conscientes de que as ameazas, por si soas, conducen á violencia ou enquistan os problemas ou ambas cousas. Sexamos realistas. Se non lle damos un maior atractivo ao feito de estar unidos non chegaremos a nada. Pola razón que sexa, aínda que eu non a comprenda moi ben, algúns non están conformes co que hai. É a hora de tomar a iniciativa política, propoñer un diálogo serio e unha reforma, iso si, sen frivolidades.

 

Este é o modo de actuar de sentido común. Nunha casa, cos fillos, pasa igual. Debes escoitalos, guíalos, pactar. Unhas veces non transixes, pero outras cedes. Non podes deixar que un adolescente encabuxado chegue ás seis da madrugada ou nin sequera volva a casa. Hai que falar cos fillos. Agora vouvos chiscar un ollo: ás veces perdendo, gañas. Mirade para os ingleses que aínda manteñen relacións privilexiadas cos territorios do antigo imperio. Se chega un momento no que os fillos se van, mellor que vivan perto. Comemos xuntos un día á semana. Mamá lévalles ás veces algo de cea e ofrecémonos a coidar dos netos os domingos. Ao fin e ao cabo somos os pais, vanse facendo grandes pero temos que procurar que siga habendo respecto. Se as cousas teñen que ser, o mellor é que vaian evolucionando de boas maneiras.

 

Agora vouvos chiscar un ollo: ás veces perdendo, gañas. Mirade para os ingleses que aínda manteñen relacións privilexiadas cos territorios do antigo imperio. Se chega un momento no que os fillos se van, mellor que vivan perto

 

Até aquí o sentido común que podería ter aplicado Raxoi e os gobernos anteriores de España. Ben sei que en política o sentido común non é suficiente. Os asuntos son máis complexos. Pero é que, como acabamos de ver, Mariano Raxoi nin sequera aplicou nunca nada parecido ao sentido común. O del, e o de case todos os gobernos de Madrid, é non escoitar, intolerancia, pretender que os problemas podrezan, xa lles cheirarán tamén a eles ou, como dixo Aznar: “Antes de que rompa España, romperá Cataluña”.

 

O problema, desde que España era practicamente gobernada por unha chancelería situada en Valladolid até hoxe, é que non se entenden as diferenzas e non se admiten, malamente se toleran, sempre coa tendencia a reverter as “cesións” e a volver atrás. E, cando non queda outro remedio, e os separatistas se poñen demasiado farrucos, o poder chama ao xeneral Pavía ou ao xeneral Primo de Rivera ou ao xeneral Franco. Detrás deses tres golpes de Estado había un problema de plurinacionalidade. Non só ese, pero tamén ese, e non necesariamente en segundo termo.

 

O problema, desde que España era practicamente gobernada por unha chancelería situada en Valladolid até hoxe, é que non se entenden as diferenzas

 

Por iso, aínda que algúns desexemos que o asunto de Cataluña se resolva cunha reforma real da Constitución, para o que é necesario empezar a crear, en todo o Estado, unha nova cultura política, baseada na pluralidade, e aínda que unha proposta así non é teoricamente difícil de realizar nin de explicar, a verdade é que, visto o visto, non queda outro remedio que ser pesimistas. España é vítima dunha forte inercia, a dun pasado uniformizador, desde a expulsión dos xudeus, pasando polo exterminio dos moriscos, ao exilio de liberais como Blanco White, e sen contar o feito de que, no 36, os republicanos eran denominados “a anti-España”. É dicir, a idea que teñen de España unha boa parte das persoas que mandan é moi estreita e excluínte. Consideran que cando están en Galiza ou en Cataluña están na súa finca, como unha especie de devesa estremeña, boa para a crianza de touros bravos ou de marisco ou de clubs de fútbol para que o Madrid teña con quen competir. É unha crenza, froito dunha deficiente educación, sen contrastes e sen interese por informarse de nada máis. É a España que despreza canto ignora, que dicía Machado.

 

A idea que teñen de España unha boa parte das persoas que mandan é moi estreita e excluínte. Consideran que cando están en Galiza ou en Cataluña están na súa finca, como unha especie de devesa estremeña

 

O de Raxoi non é sentido común. Nin sequera iso. E, desde logo, el non é alguén que faga política. Está a anos luz dos ingleses, por exemplo. Ese é o motivo de que o chamado problema territorial tenda a ir a máis. Veremos agora o que pasa. A situación é nova, no sentido de que non estamos padecendo a violencia doutras épocas. Pero iso é case o único novo.

       



x