A pesar de certas herdanzas, ás veces ben visíbeis, non me parece adecuado cualificar o Estado actual de franquista. Tampouco de autoritario, aínda que cometa actos autoritarios. As palabras fortes favorecen a cohesión interna, pero tamén provocan rexeitamento cando son inexactas. 

 

Non existe a censura nin hai leis electorais insalvábeis. Outro asunto é a proporcionalidade ou as diferentes posibilidades de actuación, pero iso sucede, en máis ou menos grado, en todos os países, con independencia do seu réxime. De ser doutro modo, terían que convivir cunha enorme inestabilidade interna.

O patriotismo constitucional non figura no edificio legal español. Non é máis lexítimo declararse patriota español que declararse indiferente ou nacionalista galego

Como definir entón un Estado no que as irregularidades saltan, en todo caso, á vista? Eu definiríao como Estado sectario. Por que? Para min o grave do que sucedeu en Cataluña non foi a represión, nin as detencións, nin a aplicación do 155. É obvio que un Estado, que se expón a perder o 20% do seu PIB e o seu principal porto de mar, pode sentirse tentado a actuar con contundencia legal e incluso a cometer excesos. Quero dicir que, aínda non compartíndoa en absoluto, é unha actitude doada de entender.

 

O máis difícil de entender –e o que diferenza o Estado español doutros Estados europeos– é a súa incapacidade para admitir que máis de dous millóns de persoas levan varios anos manifestando, de diferentes maneiras, unha discrepancia política. O Estado –desde o Rei ao Tribunal Constitucional, pasando polo Goberno– non foi capaz, non tivo nunca a vontade, de ofrecerlles alternativa ningunha. Case toda a obsesión dese Estado consistiu en tratar de pendurarlles o cartel de violentos e antisistema. Algo que, por certo, até agora, non conseguiu. Foi esa actitude, gravísima e tamén perigosa nunha democracia, a que está na orixe das ilegalidades das que agora é acusado o Goberno de Puigdemont.

Para min o grave do que sucedeu en Cataluña non foi a represión, nin as detencións, nin a aplicación do 155 (...) Foi a incapacidade para admitir que máis de dous millóns de persoas levan varios anos manifestando, de diferentes maneiras, unha discrepancia política

Pola mesma razón, acéptase, pero non se asume, a presenza institucional dunha forza como Unidos Podemos, con máis de cinco millóns de votos. Toda a ansia do Estado se concentra, neste caso, en cualificala de populista, lease non democrática. É outro exemplo de sectarismo. Non é democrático o que non é sistémico. Pero o sistema –sucintamente, o bipartidismo, con engadidos conxunturais– non está definido na Constitución. Ser sistémico ou non sistémico non é unha caracterización recoñecíbel xuridicamente. Pero si, en cambio, é moi recoñecíbel para a prensa e os partidos sistémicos.

 

O patriotismo constitucional, outra forma de chamarlle, non figura no edificio legal español. Non é máis lexítimo declararse patriota español que declararse indiferente ou nacionalista galego. Da mesma maneira que, non sendo este un Estado confesional, a efectos legais dá o mesmo ser crente que musulmán ou ateo.

 

Un exemplo máis. Un escritor que non escriba en castelán só ás veces e en circunstancias moi concretas –un determinado premio, a morte– será recoñecido como un igual.

 

Os usos e costumes do Estado non recoñecen que as culturas galega, vasca e catalá, sexan realmente españolas, como di a letra da Constitución. Tampouco admiten, sen antes ceder á tentación de estigmatizalas, discrepancias co status quo (ollo, non coas leis, senón con determinado modo de entendelas), aínda que as manifesten, pacificamente, varios millóns de persoas.

 

Isto é o que aconsella definilo como Estado sectario. Outros prefiren dicir que a Constitución do 78 comezou a ser interpretada de maneira restrinxida polo goberno de Aznar, o que explicaría que algúns dos seus máximos defensores actuais votasen, no seu día, en contra dela. Outros máis, en fin, retrotraen o nacemento desta interpretación ao “pacto de capó”, asinado cos golpistas, o 23 de febreiro de 1981.

 

En todo caso, parece evidente que a reivindicación de máis democracia, de modificacións estruturais ou simplemente de aire fresco, é moi necesaria. Dicíao confidencialmente, hai pouco, un empresario con contratos públicos: “na Xunta non asinan nada sen o visto bo de Madrid”. O cal quere dicir que a propia autonomía está sendo hoxe gravemente coartada polo sectarismo da política. Un autonomismo, con contido real, tampouco é, nestes momentos, ben aceptado. 



x