1.-Non nos enganemos. Podemos é o PSOE 2.0. No futuro, hai tres opcións. Ou o substitúe ou se fusionan ou nace unha organización que recolla a militancia e o electorado de ambos. Cabería unha cuarta posibilidade, a dun Podemos máis transversal que tendese a pactar cos socialistas, pero que en ocasións o fixese co PP, ao estilo dos Verdes alemáns. Pero esa posibilidade non parece factíbel en España, onde a dereita conserva trazos reaccionarios, dos que carece a dereita alemá.

2.-Podemos pasará, a non moito tardar, polo seu Suresnes ou, indo algo máis atrás, polo seu Bad Godesberg. Haberá, non xa unha renuncia expresa ao marxismo, como a que realizaron no seu día os socialistas españois e alemáns, senón unha renuncia a calquera tic antisistema. Antes de formar parte dun goberno, Podemos deberá aceptar que vivimos en Estados nos que o poder político ten unha soberanía limitada. Ese límite vén marcado polo encadre internacional e polos grandes grupos económicos.

Podemos pasará, a non moito tardar, polo seu Suresnes ou, indo algo máis atrás, polo seu Bad Godesberg

Isto, con todo, non deixará sen un papel importante a Podemos. A moitos, no exterior, gustaríalle que España dese outro salto, como o que deu no seu día con Felipe González. A Podemos tocaríalle agora democratizar a administración, demasiado trabada aínda polos comisionistas das vellas familias históricas que, en parte, xa mandaban na España da Restauración, hai máis dun século. Quedan incluso, entre eles, apelidos que veñen da Idade Media! Ás empresas francesas, alemáns e norteamericanas moléstalles que en España haxa que pagarlle sempre unha comechura a algunhas desas familias intermediarias, se se quere facer negocio. Por iso, no estranxeiro, non se vería mal, en parte, unha nova renovación da clase política española.

3.- Pero, ollo. Podemos non actuará, no que respecta aos nacionalismos, do mesmo modo que o PSOE. Os estudos do CIS indican que os menores de 45 anos non son tan españolistas como os seus pais. Por suposto, non entenden a vascos e cataláns, pero están dispostos a falar e non lles importaría que Barcelona fose sede dalgún ministerio, incluso do Senado, e podería ser que a Galiza se lle cedese unha secretaría de Pesca ou algo parecido. Estarían dispostos incluso a negociar que no ensino público de toda España se impartisen algunhas clases de catalán, euskera e galego.

Pero, ollo. Podemos non actuará, no que respecta aos nacionalismos, do mesmo modo que o PSOE

Pode haber algo máis? Acaso, Iglesias e Errejón non dixeron algunha vez que aceptarían unha España plurinacional? Imos ver. O problema non é o que pensen Iglesias ou Errejón, como o problema non era Zapatero. 

O problema non é de persoas, senón de intereses. A unidade de mercado non se discute e a posibilidade de que os cargos da administración se fogueen en provincias tampouco. É máis, será difícil evitar que moitos organismos privados ou públicos se sigan centralizando. As novas tecnoloxías facilitan este proceso. O teu contador eléctrico intelixente xa é controlado desde Madrid, ninguén ten que entrar no teu portal, nin se crearán postos de traballo na túa comunidade, salvo os dos repartidores de Amazón e os das caixeiras dos supermercados. É dicir, só a distribución se manterá deslocalizada –non pode ser doutro modo–, pero os lugares de decisión, incluso de baixo nivel, tenden a centralizarse. Isto é o que mostra a tendencia. Podemos trataría de contrarrestala por arriba, con decisións políticas, en función da forza que mostren cada un dos nacionalismos periféricos.

Se Feixóo revalida a Presidencia, é posíbel que as Mareas se resintan e que se vexan obrigadas a unha recomposición

4.-Eleccións autonómicas. Unha parte importante do electorado progresista non está votando en clave ideolóxica, senón que aglutina o seu voto alí onde ve máis posibilidades de derrotar o PP. Reclama medidas urxentes para saír da crise. Despois xa se verá. Para esta parte do electorado, Podemos ten responsabilidade na continuidade de Raxoi, por non ser capaz de chegar a acordos co PSOE. Un millón de votos menos sinalan que houbo penalización.

Se Feixoo revalida a Presidencia, é posíbel que as Mareas se resintan e que se vexan obrigadas a unha recomposición, con máis motivos aínda que Podemos e as confluencias en Madrid, dada a conformación máis confusa das Mareas. Nese caso haberá que considerar incluso a posibilidade de que o grupo parlamentar se rompa.



x