A diferenza entre o PP e as demais forzas radica en que interpreta os dereitos como favores. Iso mantenlle grandes fidelidades pero tamén o ata o pasado. Neste sentido, o PP mostra aínda un comportamento case propio do Antigo Réxime, o que non é tan estraño se se pensa que o franquismo supuxo, tamén a este nivel, unha certa volta a tempos anteriores.

Pero incluso neste campo houbo transformacións. Hai algo máis de cen anos, durante a Restauración, os discrepantes eran penados con máis impostos –arbitrios–, hoxe o discrepante é excluído das subvencións ou das ofertas de emprego. Tanto nun caso coma no outro é necesario que o cacique salte, até certo punto, a legalidade.

É dicir que, se antigamente se castigaba ao que discrepaba ou votaba diferente –na Restauración había eleccións, aínda que fosen en parte restrinxidas– hoxe, grazas ao aumento xeral da riqueza, xa non é necesario castigar así, simplemente non se axuda, non se lle recoñecen os dereitos, queda excluído. (Hai fórmulas para iso: o decreto de axudas do que só existe unha copia no despacho do alcalde, a discriminación nas licenzas, a excesiva e disuasoria burocracia, etc. E isto a todos os niveis, desde o municipio, ao Estado, pasando polas consellarías ou polas comisións de acceso ao profesorado da universidade).

A diferenza entre o PP e as demais forzas radica en que interpreta os dereitos como favores

Lembremos, de paso, que o principio de que a lei é igual para todos é unha conquista da Revolución Francesa. Antes existía unha lexislación específica para a Igrexa, outra para a nobreza, outra para os militares e outra, por último, para o resto, que era obviamente máis dura. Un residuo deste sistema predemocrático vémolo aínda nesa elite social que se cre con dereito a librarse de penas como a de prisión, algo que, de feito, moitas veces consegue (aí está o recente caso Carceller). 

Se esa mesma elite recorre a paraísos fiscais e tende a acaparar os postos públicos non é máis que unha reminiscencia dun tempo no que estaba excluída de pagar “pecho” ou tributo ao Estado (si, a distribución da renda ao revés) e ademais era a única autorizada a ocupar cargos. 

É dicir, estamos ante un partido, o PP, que aínda non asume, en certos aspectos, a esencia das institucións modernas. Vive, en parte, na nostalxia da sociedade estamental. Cústalle renunciar a eses privilexios.

Galiza padece isto de forma agravada, debido a que a administración sempre lle quedou lonxe e, polo tanto, era unha administración ignorante das súas características diferenciadas, moi nomeadamente no que respecta á propiedade da terra, nunha época na que a terra determinaba a marcha da economía (problema que, por certo non se resolveu aínda de todo: pensemos na queima de montes, na concentración parcelaria, etc).

Estamos ante un partido, o PP, que aínda non asume, en certos aspectos, a esencia das institucións modernas. Vive, en parte, na nostalxia da sociedade estamental

Un Estado distante e con prioridades diferentes fai moitas veces precisa a existencia ou ben de intermediarios ou mesmo dunha estrutura paralela á dese Estado, predemocrática. O que sucedeu até agora en Galiza é moi parecido ao que se viviu, e aínda se vive, en Grecia e en Italia, sobre todo no sur. (Non por casualidade, tanto a independencia de Grecia como a unidade italiana son fenómenos historicamente recentes).

E, o que resulta máis grave aínda, o que eses intermediarios administran foi e segue sendo, a maioría das veces, residual a efectos comparativos. Antigamente, os grandes herdeiros das mellores casas galegas debían marchar a Madrid, se querían continuar os seus negocios e ampliar a súa riqueza. Hoxe en día, para ter acceso ás axudas do BOE, as empresas precisan trasladarse tamén á capital. A Comunidade madrileña é a única que eliminou, hai anos, o imposto de sucesión ás grandes fortunas. Rosalía Mera foi, por certo, unha das excepcións. Permaneceu en Galiza e os seus sucesores pagaron uns impostos que podían terse evitado. 
 



x