Rusia volve ser un inimigo, coincidindo, máis ou menos, co centenario da revolución. A Rusia dos zares sempre foi unha potencia, pero de segunda orde, o que semella un paradoxo. Tiña unha importante armada que, ás veces, recalaba no porto de Vigo e os seus oficiais asistían aos bailes de salón, onde se encontraban con outros oficiais ingleses ou alemáns. A tarde era amenizada co baile de sevillanas por parte dalgunhas mozas da burguesía local.

Os rusos eran ben vistos nos balnearios da Europa central e tamén na costa Mediterránea. Eran rusos que falaban francés, non só para entenderse, senón nas súas propias reunións familiares.

A revolución modificouno todo, salvo que a URSS seguiu sendo unha potencia contraditoria. Destacaba en mísiles e en exploración espacial, pero a súa renda per cápita mantívose sempre a longa distancia da dos seus contrincantes, sobre todo os Estados Unidos.

A Rusia de hoxe é máis débil, pero volve a non ser aceptada. A palabra “ruso” aparece sempre acompañada de substantivos como hacker, espía, soldado ou prostituta, e de verbos como ameaza, transgrede, engana, invade, prohibe, censura ou viola.

Un pode oír ou ler cen noticias sobre Rusia que ningunha delas será positiva. Non xa para o goberno, senón incluso para o país.

Un pode oír ou ler cen noticias sobre Rusia que ningunha delas será positiva

A rusofobia é unha forma de racismo, fácil de ver, pero ten raíces fondas. Para os nazis, os soviéticos eran alimarias asiáticas que non coñecían a civilización. A propia aristocracia rusa se avergoñaba dos seus campesiños.

Pero, por que agora? Vale que Rusia sexa unha democracia discutíbel e Putin un autócrata. Ambas cousas non a converten, en todo caso, nunha excepción. Por que, entón, esa teimosía? O seu orzamento militar é a décima parte do dos Estados Unidos, aínda que posúa armas nucleares. A súa riqueza producida é moi inferior non xa á da UE, senón incluso á dalgúns países europeos. Tampouco ofrece, como antano, un modelo económico distinto ao que existe entre nós. Entón, por que?

A rusofobia é unha forma de racismo, fácil de ver, pero ten raíces fondas

Parece que o seu pecado é simplemente o de negarse a obedecer coma nos tempos de Ieltsin. O correspondente internacional de La Vanguardia, Rafael Poch, ten citado un bo número de apelidos de políticos e empresarios occidentais que, entre bambinelas ou incluso a plena luz, organizaron ou influíron na actuación dos ministerios ou as grandes empresas rusas, no tempo que vai entre a caída da URSS e a chegada do grupo de Putin.

Parece que Occidente quería un vasalo, un vasalo demasiado grande para devorar. As actuais protestas, a campaña anti-rusa, parecen a resposta a esa dixestión incómoda e a medias frustrada.