O nacionalismo non terá unha influencia decisiva en canto non comprenda cabalmente os votantes do Partido Popular e actúe en consecuencia. Non se trata só de entrar no terreo do adversario ou dunha estratexia electoral. Trátase, sobre todo, de que non se pode gobernar sen entender, como é debido, e non só con estereotipos e descualificacións, a metade da familia e a boa parte dos veciños e compañeiros de traballo. Porque entre o electorado do Partido Popular non hai só falsa conciencia (crerte o que non es) ou mimetismo respecto de Madrid. Entre as causas de que moitas persoas voten PP hai ademais motivos autóctonos, ideas arraigadas e unha forma de resposta –malia que pareza equivocada e nalgúns casos incluso nociva– ao que necesita este país, neste momento.

 

Que o nacionalismo convenza a ese electorado, ou a unha parte significativa del, non é unha meta imposíbel, como parecería a simple vista. Velaí dous exemplos. O primeiro, o dos concellos –e non teñen sido poucos nos últimos anos– que pasaron dunha maioría do PP a unha maioría nacionalista, só a través duns comicios. É certo que aquí entran en xogo moitas particularidades, pero, en todo caso, é un exemplo que apunta a que o cambio meridiano de voto non é imposíbel. O segundo caso é o que se produciu a finais dos anos noventa, cando as enquisas mostraron que a segunda opción de moitos votantes do PP era o BNG. É aínda poderiamos presentar unha terceira proba, a dos concellos de Allariz e Pontevedra. Acaso tiñan unha cidadanía cun perfil electoral máis proclive ao nacionalismo que outros? 

 

Que o nacionalismo convenza a ese electorado, ou a unha parte significativa del, non é unha meta imposíbel, como parecería a simple vista

 

Vaiamos agora xa á pregunta que dá título a este artigo. Que ten na cabeza un votante tipo do Partido Popular? Dito esquematicamente, o seu ideario apóiase sobre catro piares: Unha querenza pola orde e un apego ás xerarquías. Nunha palabra, cre que a obediencia é sempre necesaria. Ás veces, mesmo cae no servilismo. En segundo lugar: confía máis nos amigos ben situados ou no favor persoal dunha autoridade que nos organismos públicos e na igualdade de dereitos. É dicir, aínda non asumiu plenamente os valores da democracia (obviamente, ten motivos, sobre todo coñecendo o pasado, para non facelo). En función disto, acepta que o alcalde roube moito, se a el lle deixa roubar un pouco, igual que acepta que a elite do PP se organice de forma corrupta, se a economía marcha ben e el, ou os seus fillos, lle tiran algún rendemento. En terceiro lugar, cre na economía extractiva e curtopracista (a todo o que se fai hai que sacarlle algo) e desconfía da planificación pública (económica ou urbanística). Vese ben no caso dos incendios. Unha vez desmantelada a agricultura e abandonado o campo, o paisano planta eucaliptos para sacar mil, dous mil ou tres mil euros, cada certo número de anos. Non é que lle pareza o mellor, pero tampouco se lle ofrecen outras alternativas, sobre todo nun momento de crise coma este, cando calquera ingreso económico se converte en prioritario. Por último, en cuarto lugar, pensa que Galiza, sen España, sería pouca cousa. Acepta, gústelle máis ou menos, que as normas, todas, veñan necesariamente de Madrid. Somos máis pobres e algo máis atrasados, polo tanto debemos obedecer o centro político que, supostamente, atesoura o secreto do progreso.

 

O ideario do votante tipo do PP apóiase sobre catro piares: unha querenza pola orde e un apego ás xerarquías

 

Sendo isto así, tamén sabemos que toda persoa toma as súas decisións despois dunha contenda interna entre ideas contrarias. Facemos algo porque unha idea trunfa na nosa mente sobre outra distinta ou incluso oposta. 

 

Polo tanto, e ademais do dito, o votante medio do Partido Popular tamén ten outras ideas ou crenzas firmes na cabeza. Por exemplo, dixemos que cre na orde e na xerarquía. (En principio, iso tampouco é mao, a sociedade non funcionaría en situación de permanente desorde. Quizais, o votante tipo do PP lle dá demasiada importancia a isto, por razóns nas que non vén ao caso deterse agora). Pero ese mesmo votante tamén sabe que el é unha persoa con dignidade e non lle gusta, de ningunha maneira, ser humillado. En Galiza, por exemplo, acéptanse os caciques, moitas veces paternalistas, pero nunca gustaron os falanxistas.

 

Dixemos tamén que este tipo de persoas móvese seguindo o patrón do clientelismo, é dicir, da petición de favores e pequenos privilexios. Trátase dese señor, por dicilo así, que sempre trata de encontrar un coñecido, para non ter que poñerse na cola. Pero iso non quita, que non se acabe adaptando de boa gana cando ve que un servizo público funciona ben (e hai moitos servizos que funcionan ben ou aceptabelmente ben). A fin de contas, a ese señor tampouco lle gusta pedir favores. Resúltalle molesto, aínda que estea habituado, e sabe ben que favor con favor se paga. No fondo, é consciente de que sempre é mellor ter dereitos e poder exercelos, pero todo isto forma parte do seu proceso de maduración democrática. Os votantes do PP, como as demais persoas, prefiren a democracia se ven que funciona. Pero, como esa democracia aínda non está consolidada, cando lles falla asumen de contado a derrota, volven ao sistema de favores e non son reivindicativos. (Velaí, a diferenza cos cataláns ou cos holandeses, poñamos por caso. Eles, cando cren que un dereito foi vulnerado, piden o libro de reclamacións. Aquí, en cambio, non acostumamos a facelo. O pasado político autoritario, e non só o franquista, así como unha maior debilidade económica que nos converte en individuos máis dependentes, indúcenos a coller a outra vía, a de sortear o problema e buscar, de novo, o amigo. Tal é así que aquel que pide o libro de reclamacións acaba sendo mal visto: o medo interiorizado pesa máis que os dereitos propios de cada cidadán).

 

A ese señor tampouco lle gusta pedir favores. Resúltalle molesto, aínda que estea habituado, e sabe ben que favor con favor se paga

 

A terceira idea básica do votante popular dixemos que era a de que hai que sacarlle algo a todo. Esta idea aparece vinculada á de crear riqueza. El pensa que os de dereitas son os que producen (traballan duro e son emprendedores), mentres que os demais dedícanse a defender o gasto público descontrolado e a pedir subvencións, coma se fosen parasitos. Ademais de recordar que, ás veces, son os que critican as subvencións os que antes as piden –o votante medio de dereitas é, en moitos casos, como apuntamos, un pícaro–, sería moi pedagóxico defender tamén a eficacia dun certo grado de planificación. É dicir, un proxecto previsíbel no canto da rapina depredadora, que acaba resultando sempre pan para hoxe e fame para mañá, como sucede coas aludidas plantacións de eucaliptos e as custosas vagas de incendios que provocan. 

 

Por outra parte, o votante conservador si é capaz de entender xa a necesidade de aplicar estratexias públicas en sectores como a educación, a sanidade ou as pensións (un gran paso histórico por certo, que algunhas elites intentan reverter). Esa é unha boa base para que entenda e asuma tamén outras políticas. 

 

O cuarto punto, o da comprensión de Galiza como un territorio subsidiado e subsidiario ten sido analizado moitas veces polo nacionalismo e rebatido na medida do posíbel. É difícil convencer a alguén, non obstante, de que teríamos máis recursos sendo máis autónomos. Con este argumento o que se fai é entrar nunha guerra de cifras que resulta difícil gañar. Creo que este problema hai que afrontalo tamén desde o punto de vista da madureza e da responsabilidade. Unha comunidade –é dicir un territorio, cando menos en parte, diferente do resto– organízase con máis eficacia cando os seus propios habitantes son os que deciden. En primeiro lugar porque coñecen mellor o terreo e, en segundo lugar, porque a súa vida depende diso.

 

O votante conservador si é capaz de entender xa a necesidade de aplicar estratexias públicas en sectores como a educación, a sanidade ou as pensións

 

Creo, neste punto, que o modo máis eficaz de convencer é a través de exemplos concretos. Hai un número moi grande de propostas que lle poden interesar á maioría, con independencia da súa adscrición ideolóxica e do que hoxe vote. É un camiño que se fai ao andar, como dicía o poeta. Non deberiamos entender o cambio social só como unha epifanía (a proclamación dunha república, a independencia), senón como un proceso (aínda que só sexa porque ás veces as epifanías non evitan as voltas atrás).

 

Non deberiamos entender o cambio social só como unha epifanía (a proclamación dunha república, a independencia), senón como un proceso

 

Polo tanto, e sen renunciar a ningún horizonte, o máis pedagóxico é impulsar cambios razoábeis. E, para iso, o primeiro paso é coñecer ben a todos os cidadáns afectados por esas posíbeis decisións. Os gobernos municipais de Allariz e Pontevedra levan tantos anos no poder grazas a aplicar medidas razoábeis, pero tamén diferentes, ás que defenden, no seu caso, as outras forzas políticas. O matiz da diferenza é importante, porque o verdadeiro poder non é o que se consigue aceptando a axenda e as prioridades do adversario coa intención de substituílo. Nese caso, trataríase dunha simple alternancia nas elites. O poder que importa é o que se vai logrando cando lle fas ver que as túas propias propostas son beneficiosas, incluso a moitos daqueles que aínda confían no Partido Popular.     



x