As persoas de esquerdas, nun sentido amplo, acostuman a estar en contra das intervencións dos Estados Unidos en América Latina e tamén coinciden en defender unha mellor distribución social.

 

Os máis de 18 anos de chavismo crearon, sen embargo, unha intensa fenda.  Cando se trata de Venezuela, a esquerda ten, cando menos, dúas voces. A división principal radica nos dereitos humanos, na separación de poderes que distingue as democracias e no respecto á lei en xeral.

 

Aínda que Chávez recibira críticas importantes desde unha parte desa esquerda, é con Maduro cando o problema se agudiza. Maduro parece que ten menos apoio social, aínda que os resultados electorais aínda non corroboraron con claridade esta percepción. En todo caso, a oposición está moito máis mobilizada e as súas accións son cada vez máis perigosas para o goberno.

 

Chávez xa sufrira unha gran diversidade de ataques, entre eles un golpe de estado que fracasou, pero a caída, nos últimos anos, do prezo do petróleo, converteu a presidencia de Maduro en máis inestábel que a do seu antecesor.

 

A caída, nos últimos anos, do prezo do petróleo, converteu a presidencia de Maduro en máis inestábel que a do seu antecesor

 

Como explicou o máis importante teórico da guerra fría, George Kennan, a represión exercida por un Estado é directamente proporcional ao seu nivel de inseguridade. Cunha oposición moi belixerante, que reclama directamente a intervención dos Estados Unidos, e uns ingresos públicos máis reducidos, a situación do goberno de Maduro vólvese máis insegura.

 

Sen entrar nos argumentos habituais do propio goberno e da esquerda máis probolivariana, o certo é que moitos cambios institucionais están destinados a reducir a capacidade de manobra da oposición, igual que é certo que reducen o marco de liberdades. Habitualmente, a esquerda máis radical prefire eludir o problema dos dereitos humanos. Neste caso, opta por recordarnos que a revolución bolivariana é máis democrática porque ten en conta a poboación dos ranchitos que no sistema anterior apenas existía oficialmente, insiste nos seus logros no que respecta á distribución da riqueza e lembra que a oposición está levando a cabo atentados terroristas que, en calquera democracia occidental, merecerían inmediata persecución.

 

A esquerda radical preferiu poñer sempre o acento no social, antes que nas liberdades e dereitos individuais que se garanten cunha adecuada estrutura xurídica. Sen embargo, a defensa dos dereitos humanos segue tendo unha enorme importancia. Ese interese non só non diminúe, senón que se incrementa, ano a ano, en todo o mundo.

 

A esquerda radical preferiu poñer sempre o acento no social, antes que nas liberdades e dereitos individuais que se garanten cunha adecuada estrutura xurídica

 

Pode unha esquerda aspirar a cambiar as circunstancias da poboación ignorando este aspecto? É dicir, pode esa esquerda presentarse a un debate global cambiando o guión sempre que alguén, desde o lado liberal, fala de dereitos humanos?

 

En primeiro lugar, hai que lembrar que os dereitos humanos son unha conquista da revolución francesa. Unha conquista dolorosa. O Antigo Réxime descuartizaba os acusados, sen xuízo. Sen embargo, os revolucionarios viron pronto que unha Declaración teórica, por moi solemne que fose, nunca podería desprenderse do seu contexto. Un dos principais debates da revolución francesa, que instaurou a guillotina, podería resumirse, máis ou menos, así: “Aplicamos agora a pena de morte, contra o noso gusto e ideario, para poder eliminala no futuro”. 

 

É dicir, antes de instaurar un réxime no que se recoñezan os dereitos humanos, había que eliminar os inimigos declarados dese réxime. A revolución estaba asediada desde moitos lugares, rodeada de exércitos mobilizados polas monarquías absolutas doutros países que temían un contaxio. Ao final, a dureza de Robespierre impúxose. Foi aquel famoso 93 que novelou Víctor Hugo.

 

Pero o debate segue aí. Robespierre non é unha figura que xere consenso hoxe en día en Francia, nin sequera entre a esquerda. Con todo, é inevitábel recoñecer que o sistema democrático que coñecemos, en calquera das súas vertentes, desde á liberal á socialista, é fillo do que se coñeceu como o Terror.

 

É inevitábel recoñecer que o sistema democrático que coñecemos, en calquera das súas vertentes, desde á liberal á socialista, é fillo do que se coñeceu como o Terror

 

É dicir, a democracia tamén tivo que loitar contra os seus inimigos. O inimigo daquela era o absolutismo. Ese contexto histórico non debe ser esquecido, pero aínda é máis importante coñecer o contexto xeográfico actual. Israel ten intercambiado un só dos seus soldados por máis de 500 presos palestinos. Vemos entón que, na práctica, un ser humano non sempre vale o mesmo que outro. Depende do contexto. Para Tel Aviv, un dos seus ten tanto valor como 500 inimigos.

 

A verdade é que de pouco serve dar golpes de peito, e defender dereitos en abstracto, por moi xustos e necesarios que sexan, se esquecemos o punto de partida. Este problema lémbranos o dos científicos que fan un descubrimento nun laboratorio. Descobren unha nova lei física que se cumpre nunha condicións determinadas, dadas polo propio científico, pero que pode cambiar cando se sae do laboratorio.

 

Os valedores dos dereitos humanos en abstracto son científicos que traballan no laboratorio. Os seus descubrimentos son bos para todos. Pero non debemos esquecer que, para seren aplicados na práctica, é necesario coñecer e ter en conta as circunstancias concretas.  



x