De seguro que lembrades aquel 8 de xuño de 2012. Era o día. O día en que todas as persoas que queremos e cremos neste país puidemos ver, ao fin, vestidas de páxinas as nosas arelas por conseguir unha voz propia nos quiosques: o regreso do galego das mans de Sermos Galiza. A saída do semanario ás rúas era a peza que faltaba a un proxecto que comezara o 26 de abril co diario dixital. 

 

Que ousadas e ousados ao lanzar un semanario en papel xusto no momento en que a prensa escrita se vía abocada ao fracaso. E ese fracaso era ao que non poucas persoas aludían no momento de saír o Sermos en papel. Mais equivocáronse. Cinco anos após, seguimos, melloramos e esforzámonos por mellorarmos máis cada día. O tándem diario dixital, sustentado na actualidade, e o semanario, apoiado na profundidade e na reflexión, permitiunos acadar o equilibrio xusto.

 

Cinco anos após, seguimos, melloramos e esforzámonos por mellorarmos máis cada día

 

Sermos é o medio necesario: alternativo, aberto e de intereses galegos. Porque si, rexeitamos a falsa neutralidade e reivindicamos os dereitos sociais e nacionais da Galiza, pois o noso centro é este país. Facémolo apoiadas e apoiados nunha rede coral de voces que achegan a realidade a través de análises rigorosas e de todas as persoas que forman a Comunidade Sermos. Porque este medio, quer na súa versión dixital, quer na súa versión en papel, é posíbel grazas a todas e a todos vós.

 

Sen accionistas, subscritoras e subscritores, lectoras e lectores, colaboradoras e colaboradores, anunciantes… Sermos non sería unha realidade. Son centos as persoas que, de maneira desinteresada e tanto no diario dixital como no semanario, achegaron o seu saber e agasalláronnos co seu tempo para contribuír co medio ao longo destes cinco anos. Ao igual que sen o esforzo das traballadoras e traballadores que, cos recursos modestos de que dispoñemos, se afanan en facer de Sermos unha referencia.

 

Ao amplo abano de voces que conforman o coro do medio, súmase a variada temática que transcende as seccións tradicionais dos medios de comunicación. Sermos é política, sociedade, economía ou internacional, mais tamén é historia, teatro, banda deseñada, patrimonio, fotografía, literatura, música, ciencia, gastronomía… Contidos Fóra de Serie tanto no diario dixital como no semanario que podedes atopar cada quinta feira nos quiosques ou na loxa online.

 

Sen accionistas, subscritoras e subscritores, lectoras e lectores, colaboradoras e colaboradores, anunciantes… Sermos non sería unha realidade

 

Sermos carece dunha grande empresa de comunicación que a sustente economicamente, por iso, para camiñarmos na celebración do noso primeiro decenio, queremos seguir contando con todas e todas vós. Queremos que nos sigades apoiando para nos próximos anos atoparmos o semanario en cada lugar e alargar un espazo de comunicación galego que contribúa a potenciar unha Galiza rica á que se lle furta o dereito a vivir de si propia.

 

Grazas a todas e todos. Veñan Máis 5!

 



x