O ano que vén, no 2018, faranse trinta anos da aparición do manifesto das Guerrilla Girls As vantaxes de ser muller artista, un hilarante e acedo compendio das circunstancias que padecemos as mulleres que nos dedicamos a algunha forma de creatividade e que, por desgraza, segue estando de total vixencia tres décadas máis tarde. Dous puntos do seu manifesto veñen á mente estes días cando se fala da posibilidade de que unha muller, María Victoria Moreno, sexa elixida como a figura a quen homenaxear no Día das Letras Galegas. Un, que ser muller artista garante que a unha a incluirán en versións revisadas da historia da arte e outro que unha nunca terá a presión de que a chamen “xeni@”.

 

Como se puxo en evidencia estes días, semella que efectivamente, María Victoria Moreno chama por unha revisión da historia da literatura galega urxente, ou máis ben, por unha revisión de quen fai a historia. Xa só por iso ben valería a pena dedicarlle o Día das Letras. Porque, nestas alturas en que sabemos que a ignorancia e o coñecemento non son senón vectores de quen ten o poder, resulta abraiante que certos literatos sigan considerando admisible non ter nin idea de quen é María Victoria Moreno. Mentres que promulgan coa lixeireza de quen se cre na posesión da verdade que para escribir hai que coñecer a certos señores, non teñen o máis mínimo reparo en ignorar o traballo esforzado e meritorio das autoras.

 

Resulta abraiante que certos literatos sigan considerando admisible non ter nin idea de quen é María Victoria Moreno

 

Nosoutras, abofé, sabemos que existimos, buscámonos e construímos un panorama ben diferente do que é a literatura galega, ata tal punto que persoalmente a metade das veces non entendo de que ou de quen falan certos señores, porque o que eu leo -mulleres- non encaixa para nada no que eles describen. Se a historia da literatura incluíse voces como a de María Victoria Moreno teriamos unha visión totalmente diferente de quen somos.

 

Mais, para iso, habería que superar certas enfermidades ben afianzadas. A de ser mulleres, obviamente. Mais logo tamén as cansativas ladaíñas que non por repetirse máis deixan de ser falaces, como aquelas que rodean a literatura infantoxuvenil ou esoutras que pretenden facernos crer que a literatura galega “vive do ensino e das subvencións”. A risco de dicir algo moi evidente, cómpre lembrar neses pseudodebates que todas as literaturas viven da activación da lectura nas idades máis temperás, o acompañamento das persoas na adolescencia e ao longo da vida. Se cadra era tamén ben entender que a literatura infantoxuvenil é a única que poden ler todas as persoas, pequenas e maiores, e que resulta así a máis inclusiva. Sen ela, como ben sabían pioneiras como María Victoria Moreno e todos os movementos de renovación pedagóxica que apareceron ao inicio da democracia en Galicia, non hai futuro nin para a lingua nin para o pobo.

 

Pero quero ir aínda máis alá: neste constante laio e rosmada sobre a literatura infantoxuvenil, a “infantilización” da literatura e a “dependencia” do ensino, estes señores e algunha señora desprezan as experiencias, vida e percepcións de toda a poboación menor de 18 anos. As súas visións e arelas son tan relevantes coma as do resto e precisamente como persoas adultas temos a capacidade de ler capas e capas de contido nos libros que se cadra a certas idades só albiscamos. Esa é a literatura, en realidade, que nos pode ser máis necesaria. Ademais, as lectoras e lectores de literatura infantoxuvenil son moito máis esixentes e diversas do que se nos queren presentar e si, len no ensino porque por fortuna temos unha rede intensa de activistas da lectura: na escola, mais tamén nas bibliotecas, nas asociacións culturais. Se cadra se algún baixase do poleiro (ollo coa morrada!) no canto de cuspirlles dende arriba a todas estas persoas -mulleres na súa inmensa maioría- entendería que o que temos que facer é darlles a man e ofrecer unha literatura viva e biodiversa.

 

Iso, por certo, é o que fixo María Victoria Moreno. As súas obras son capaces de emocionarnos, de marcarnos, de entreternos e de poñer sobre a mesa relatos críticos sobre quen somos. Iso é literatura, non lle fai falta ningunha etiqueta, mais é bo poñerlla para soterrar por fin expresións como “literatura infantoxuvenil” ou “valores” como xeitos de describir dende o negativo, que para iso debería haber un vocabulario crítico máis rigoroso e certeiro.

 

Outra falacia circulante é que as “mestriñas” cos seus contos fan literatura menor, irrelevante

 

Para volver a María Victoria Moreno, a todas estas barreiras hai que engadirlle unha máis relacionada: a de ser docente. Outra falacia circulante é que as “mestriñas” cos seus contos fan literatura menor, irrelevante, como oín hai algún tempo dicir a un escritor. As “mestriñas”, entre as que se inclúen voces inmensas da nosa literatura, non só fan o traballo de escribir senón de transmitir coas súas obras, coa súa vida e co seu contacto diario e fondamente transformador coa rapazada, un fío de afecto que une a miles de nenas e nenos.

 

Porque, moi a diferenza do que pensan estes señores, se hai algo que une a xeracións e xeracións de galegas e galegos que nos escolarizamos a partir dos inicios dos oitenta, son as nosas lecturas comúns (e o Xabarín Club). Precisamente o día que se decidirá se o ano que vén temos un Día das Galegas nas Letras con María Victoria Moreno o 17 de maio ou non, preto de mil rapazas e rapaces de toda Galicia estarán reunidas no Palacio de Congresos de Compostela ao redor de… oh, sorpresa! os libros e a lectura en galego. Porque, non nos enganemos, os libros que se len nas escolas só sobreviven porque significan algo para as crianzas e adolescentes. E, a maiores, dannos un substrato común dende o cal crecer.

 

Por todo isto, estamos nun punto da historia que, como tentamos amosar ano a ano dende A Sega e outras plataformas feministas, a ignorancia xa non pode ser a escusa. A ignorancia forma parte do luxo que as identidades hexemónicas pretenden permitirse á hora de sinalar as que consideran que quedan nas marxes. Mais, como demostra María Victoria Moreno, se cadra cumpría preguntar quen está nas marxes realmente, estes señores ou escritoras coma ela que chegaron a miles de nós? Quen son, para o groso da poboación de Galicia, verdadeiramente, as descoñecidas, a autora de Anagnórise, ou eles? Que cada quen busque, mentres agardamos unha boa nova, a súa resposta.