Hai momentos nos que as palabras se fan difíciles e eses adoitan ser aqueles nos que son máis necesarias. Os momentos nos que alguén importante cruza a distancia máis longa, o silencio máis amplo e definitivo e as demais quedamos destoutro lado, desnortadas.

 

Hai momentos nos que as palabras se fan difíciles e eses adoitan ser aqueles nos que son máis necesarias. Os momentos nos que alguén importante cruza a distancia máis longa, o silencio máis amplo e definitivo e as demais quedamos destoutro lado, desnortadas. O silencio, sabía Begoña Caamaño que sempre erguía a súa voz, adoita facer mal. A min hoxe faime mal. Faime mal que a noticia do seu pasamento non abra eses xornais que pensan que escriben para “Galicia e xalundes”, os medios de comunicación xerais e cativos que nos rodean e que ela, xornalista de profesión, coma tantas outras, nunca mereceu.

 "Faime mal que a noticia do seu pasamento non abra eses xornais que pensan que escriben para “Galicia e xalundes”

Porque hai quen di que temos o que merecemos, mais a realidade amosa cada día que iso non é verdade. Begoña Caamaño non merecía o país no que vivía, tampouco moitas outras cousas. E ademais de non merecelo e precisamente por iso, traballaba por outro ben diferente. Un, que chamarei a comunidade dos afectos, no que sen dúbida calquera de nós que tocase a súa vida, por moi breve que fose ese contacto, querería vivir. 

Hoxe sinto máis ca nunca que, nos tempos que corren, construír unha comunidade dos afectos é o maior acto de subversión que unha persoa pode exercer. Rachar cos ditados do sangue, dos foros da familia, da envexa, da competitividade, do militarismo, dos estados, da división constante e permanente das mulleres, mesmo literal, desmembradas en anacos metafóricos e literais. Transformar todo iso, por arte de maxias que a ela lle debían de ser ben coñecidas nun espazo de acollida onde o persoal é sempre político e polo tanto colectivo, onde unha sempre se atopa unida a tantas outras, é o traballo dunha vida para as vidas de todas as demais. 

"A cultura patriarcal esquece, como ben sabía Begoña, que a obra e a persoa son inseparables e que precisamente en autoras coma ela a súa personalidade acolledora e brillante reborda en cada palabra".

Fronte ao silencio dos xornais, a comunidade dos afectos que Begoña Caamaño creou sente hoxe a súa ausencia como unha carga pesada. Mais unha carga repartida entre tantos ombreiros que ela quixo e coidou. Entre eles, estou segura, os ombreiros de tantas lectoras e lectores que se achegaron ás marabillas de Circe e Morgana. Tamén nos ombreiros de tantas outras que nos dedicamos á escrita e para quen sempre tivo palabras que eran como elos dunha cadea que buscaba un nosoutras diverso pero firme.

A cultura patriarcal dinos que o máis importante dunha escritora é a súa obra, que é “só” por iso que debe ser lembrada e celebrada. A cultura patriarcal esquece, como ben sabía Begoña, que a obra e a persoa son inseparables e que precisamente en autoras coma ela a súa personalidade acolledora e brillante reborda en cada palabra. E por moito que haxa quen tentase reducir ese traballo minucioso, feminista e demorado a unha reescrita do pasado, nosoutras sabemos que, en realidade, Begoña sempre reescribiu o futuro. A nosa homenaxe a ela será facelo realidade cada día.