A derrota por incomparecencia é a peor das derrotas e o Celta o luns en Cornellá directamente non compareceu. Si, fisicamente estaba no campo, pero mentalmente estaba de paseo pola Costa Daurada, polo menos. Durante os primeiros 60 minutos do encontro só existiu un equipo no terreo de xogo, o Espanyol, deles foron os goles, a intensidade e as ganas de gañar o partido. O Celta estaba perdido nun mar de pernas branquiazuis, sen ideas, perdendo balóns constantemente e sen unha mínima reacción que albiscara unha posible remontada.

 

E esa foi a tónica xeral durante a maior parte do encontro. Só dúas xogadas illadas na primeira mitade amosaron un pouco de luz nun equipo totalmente sobrepasado pola presión asfixiante do Espanyol en medio campo que non deixaba pensar aos 'libre pensadores' do equipo. Nin Wass, nin Jozabed, nin Lobodka foron quen de elaborar algo minimamente perigoso, demasiado controlados e sen a frescura suficiente para desfacerse dos oponentes. Só a partir do 2-1 o Celta foi quen de ver luz ao final do tunel. O gol deulle ao equipo un pouco de serenidade e foi quen de amosar ideas e accións interesantes para buscar o empate, pero sendo xa demasiado tarde. O Espanyol non concede ocos, non regala facilmente espacios unha vez que se pon diante do marcador con tanta facilidade. E así foi, un Celta, agora si, máis combativo, buscando o empate fronte a un Espanyol ben organizado atrás que nunca concedeu unha mínima ocasión ao Celta. E así pasaron os minutos e chegouse a un final merecido tanto para os locais como para o Celta, que fixo pouco por evitar esta derrota.

 

O Celta necesita recuperar a xogadores chave como Aspas, que comezou a tempada sen chispa e ao que todos botamos de menos

 

O que se lle pide ao equipo, máis aló dos resultados, é que compita. Os partidos pérdense ou gáñanse, pero a competitividade non debería de ser negociable. O Celta non foi este luns un equipo competitivo, o Espanyol pasoulle por enriba na presión, na determinación e na intensidade, esa da que o Celta nin escoito falar. Non serei eu a que faga comparacións innecesarias coa tempada pasada, pero o certo é que un equipo que é quen de manter o mesmo bloque non pode renunciar ás principais características dun ano para o outro. O Celta necesita recuperar a xogadores chave como Aspas, que comezou a tempada sen chispa e ao que todos botamos de menos. El ten que ser o líder do grupo arriba, ten que botarse ao equipo ás costas e até o de agora foi incapaz de facelo. Necesitamos os seus goles e seu liderado.

 

O positivo desta semana é que o tempo de espera para o próximo encontro é pouco. O xoves chega o Getafe a Balaídos e aí si non queda outra que reciclarse mentalmente e saír desde o mínuto '0' a polos 3 puntos.



x