Un gran Celta sen paliativos

María Sabarís - Xornalista


 

Colectivamente o Celta fixo contra o Real Madrid un partido brillante. A pesar do empate, dese penalti fallado e de dous 'peros' en forma de gol, o Celta completou un dos mellores partidos no que vai de tempada. Enorme esforzo colectivo tendo en conta o desgaste do pasado xoves contra o Barça.

 

Sería inxusto medir o encontro polas actuacións individuais, probablemente nese sentido atoparíamos moitos máis problemas que ollando o valor total do encontro. Aínda así, xogadores como Aspas e Wass fixeron partidos sobresaíntes. O danés foi decisivo nos dous goles, marcando e asistindo despois a Maxi, que volveu marcar e que rematou o partido esgotado polo esforzo físico despois de sumar 180 minutos nas costas en menos de tres días. O de Aspas xa é algo que comeza a ser 'normal', o erro do penalti compensouse con todas as cousas xeniais que fixo no encontro. O de Moaña asistiu no primeiro gol e foi fundamental no segundo iniciando a xogada; non dá balóns por perdidos, recupera, baixa e axuda en defensa. É o gran xogador todoterreo do Celta e o gran valedor deste clube. Por outra banda, os poucos minutos acumulados de Roncaglia e Radoja apenas se notaron no terreo de xogo. O arxentino estivo máis entonado en defensa que Cabral e Radoja, despois dun inicio dubitativo, deixou pincelados do importante xogador que foi na tempada pasada. Jonny, a pesar de rematar o partido do xoves con problemas musculares, fixo un gran partido, especialmente en ataque. A loita de cada xogador foi inmensa e o reprochable das accións individuais pouco conta nesta ocasións.

 

En tres días o equipo foi quen de non perder xogando contra o Barcelona e o Real Madrid e iso supón, sobre todo, un gran esforzo físico para os xogadores

 

E certo que os erros existiron e significaron dous goles do Real Madrid. Os desaxustes en defensa constáronlle caros aos dous equipos pero no global o Celta remata o encontro cun saldo máis positivo cá o rival, fundamentalmente no moral e emocional. En tres días o equipo foi quen de non perder xogando contra o Barcelona e o Real Madrid e iso supón, sobre todo, un gran esforzo físico para os xogadores. Unzué utilizou, como ben sinalou na rolda de prensa posterior ao encontro contra o Real Madrid, case todos os xogadores da plantilla nos dous partidos. Fixo o navarro, dous onces competitivos alternando até 18 xogadores diferentes, foi quen de atopar un equilibrio para non malgastar esforzos. E isto é ademais un espaldarazo para a súa xestión, deixando a sensación de que o equipo, agora así, semella ter unh liña ascendente no xogo e, sobre todo, un equipo máis compacto que sabe o que ten que facer no campo. E deixa ademais outra conclusión, o Celta ten que buscar xa a un substituto para Guidetti para poder descargar os minutos acumulados de Maxi e Iago.

 

O xoves, de novo sen tempo para recuperar aos xogadores, toca unha viaxe a Barcelona na búsqueda dun novo resultado positivo que axude a manter o bo momento do equipo e que sirva, ademais, para ver o Celta nunha nova ronda de copa. De novo Unzué terá que facer encaixe de bolillos para repartir minutos e voltar facer un once competitivo que sexa quen de deixar os Messi e Suárez fóra de xogo.



x